O cantor
alentejano amosou o porque da súa sona nun concierto cheo de
calidade e emocións inesquecíbeis para o público
Ele
sozinho. Ou case. Só unha guitarra serviu de acompañamento a
António Zambujo para compoñer un deses seráns máxicos do Náutico
do Grove, desta vez cun sotaque portugués que estremecía a alma e
encollía a pel ante unha desbordante maneira de cantar.
O músico do Alentejo,
toda unha referencia na música portuguesa, chegaba ao Grove tras uns
días na Illa de Arousa participando nunha homenaxe a Zeca Afonso e,
como traído polo vento e pola marea do Atlántico, desembarcou no
Náutico, a carón dunha barquiña, para levarnos con el nunha
travesía xa inesquecíbel pola súa interpretación e por unha
música lusa que, como poucas, agradece a intimidade de cantar baixo
unha árbore, a carón do mar e mentres o sol e a lúa miden as súas
forzas.
Con ese envoltorio o
interior só podía ser un regalo, e así foi dende a primeira das
súas cancións, ‘Se já não me queres’, pertencente ao seu
recente traballo ‘Do avesso’, do que foron xurdindo varias
cancións como ‘Catavento da Sé’, ‘Multimillonario’,
‘Amapola’ ou ‘Madera de deriva’, coas que se forneceu un
concerto que tivo, no canto de varias músicas tradicionais
portuguesas, que o público recibiu con aplausos, intensos momentos
de emoción.
E é que dende a
emoción foi dende onde António Zambujo plantexou un concerto sen un
«roteiro planeado» e que rápidamente deixou paso a que fose o
propio público o que o marcase. Dende ese intre xurdiron as cancións
máis populares do seu repertorio: ‘Pica do sete’, ‘Foi Deus’
ou ‘Lambreta’, entre outras, sempre interpretadas cunha
sensibilidade e pureza que tiñan a quen sentira a música nun
arreguizo permanente e que amosaba, dende a soedade do músico, un
son ben diferente a como soan nese disco dobre que, xunto con Miguel
Araújo, celebra o que foron vinteoito noites de éxito nos Coliseus
de Lisboa e Porto, converténdose tamén en disco de ouro en
Portugal.
Tamén houbo tempo para
o sorriso, por cómo as notas na súa voz xogaban nun desafío coa
propia música, un virtuosismo que amosou as condicións do cantor
para facer ou entoar todo aquilo que desexe. O que volveu a demostrar
cando cantou en castelán ‘Amapola’ e algún bolero. Músicas que
o fascinan e que retomou dun dos seus músicos máis admirados,
Caetano Veloso, tamén do disco de Nat King Cole no que canta en
español e que, como el mesmo recoñeceu, adoraba pola entoación tan
singular con que foi feito e que ata se atreveu a imitar.
Así foron pasando os
minutos e cando nos dimos conta o concerto estaba a piques de
rematar, xa só nos quedaba a noite, que falando do Grove non é
pouco, pero tras marchar do escenario o músico volveu animado polo
aplauso dun público que aínda quería máis. E entón foi cando
chegaron as sorpresas, cando António Zambujo agradeceu ao seus
amigos galegos, a familia que un escolle, presentes no recital, polo
seu agarimo ao longo destes días e fixo que Uxía Senlle o
acompañase para cantar xuntos, o mesmo que uns minutos despois fixo
con Jorge Drexler, un habitual desta contorna no estío que subiu
para cantar unha samba nun espectacular momento, deses que quedan
prendidos de todo un verán.
Músico de excelencia,
Antonio Zambujo medra na súa música dende o corazón do fado e o
cante alentejano para trazar novos camiños dentro da música
portuguesa. Guitarras eléctricas, influencias da música brasileira,
como neste último disco, no que ata se incorporan sons da música
clásica, da man Sinfonietta de Lisboa, xunto a músicos e produtores
como Nuno Rafael, Filipe Melo e João Moreira, abrindo territorios
que permiten seguir facendo da base fadista todo un universo por
descubrir ao tempo que incorpora a novos públicos, tal e como están
a facer Salvador Sobral, Ana Moura ou Mariza, quizais os nomes máis
sobranceiros dende fóra das fronteiras portuguesas que están a
situar a súa música, como ao propio país, nunha posición
destacada a nivel internacional, sen renunciar a súa calidade e, por
suposto, a unha identidade como comunidade que é irrenunciabel en
todos eles.
O visto no serán do
luns é boa proba desa circunstancia e sitúa a António Zambujo como
unha das voces máis sobresaíntes da música internacional, pero
sobre todo amosa a alguén que canta cunha maxia especial. Com
certeza!
Publicado no Diario de Pontevedra 14/08/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario