mércores, 14 de agosto de 2019

Zambujo no serán

O cantor alentejano amosou o porque da súa sona nun concierto cheo de calidade e emocións inesquecíbeis para o público


Ele sozinho. Ou case. Só unha guitarra serviu de acompañamento a António Zambujo para compoñer un deses seráns máxicos do Náutico do Grove, desta vez cun sotaque portugués que estremecía a alma e encollía a pel ante unha desbordante maneira de cantar.
O músico do Alentejo, toda unha referencia na música portuguesa, chegaba ao Grove tras uns días na Illa de Arousa participando nunha homenaxe a Zeca Afonso e, como traído polo vento e pola marea do Atlántico, desembarcou no Náutico, a carón dunha barquiña, para levarnos con el nunha travesía xa inesquecíbel pola súa interpretación e por unha música lusa que, como poucas, agradece a intimidade de cantar baixo unha árbore, a carón do mar e mentres o sol e a lúa miden as súas forzas.
Con ese envoltorio o interior só podía ser un regalo, e así foi dende a primeira das súas cancións, ‘Se já não me queres’, pertencente ao seu recente traballo ‘Do avesso’, do que foron xurdindo varias cancións como ‘Catavento da Sé’, ‘Multimillonario’, ‘Amapola’ ou ‘Madera de deriva’, coas que se forneceu un concerto que tivo, no canto de varias músicas tradicionais portuguesas, que o público recibiu con aplausos, intensos momentos de emoción.
E é que dende a emoción foi dende onde António Zambujo plantexou un concerto sen un «roteiro planeado» e que rápidamente deixou paso a que fose o propio público o que o marcase. Dende ese intre xurdiron as cancións máis populares do seu repertorio: ‘Pica do sete’, ‘Foi Deus’ ou ‘Lambreta’, entre outras, sempre interpretadas cunha sensibilidade e pureza que tiñan a quen sentira a música nun arreguizo permanente e que amosaba, dende a soedade do músico, un son ben diferente a como soan nese disco dobre que, xunto con Miguel Araújo, celebra o que foron vinteoito noites de éxito nos Coliseus de Lisboa e Porto, converténdose tamén en disco de ouro en Portugal.
Tamén houbo tempo para o sorriso, por cómo as notas na súa voz xogaban nun desafío coa propia música, un virtuosismo que amosou as condicións do cantor para facer ou entoar todo aquilo que desexe. O que volveu a demostrar cando cantou en castelán ‘Amapola’ e algún bolero. Músicas que o fascinan e que retomou dun dos seus músicos máis admirados, Caetano Veloso, tamén do disco de Nat King Cole no que canta en español e que, como el mesmo recoñeceu, adoraba pola entoación tan singular con que foi feito e que ata se atreveu a imitar.
Así foron pasando os minutos e cando nos dimos conta o concerto estaba a piques de rematar, xa só nos quedaba a noite, que falando do Grove non é pouco, pero tras marchar do escenario o músico volveu animado polo aplauso dun público que aínda quería máis. E entón foi cando chegaron as sorpresas, cando António Zambujo agradeceu ao seus amigos galegos, a familia que un escolle, presentes no recital, polo seu agarimo ao longo destes días e fixo que Uxía Senlle o acompañase para cantar xuntos, o mesmo que uns minutos despois fixo con Jorge Drexler, un habitual desta contorna no estío que subiu para cantar unha samba nun espectacular momento, deses que quedan prendidos de todo un verán.
Músico de excelencia, Antonio Zambujo medra na súa música dende o corazón do fado e o cante alentejano para trazar novos camiños dentro da música portuguesa. Guitarras eléctricas, influencias da música brasileira, como neste último disco, no que ata se incorporan sons da música clásica, da man Sinfonietta de Lisboa, xunto a músicos e produtores como Nuno Rafael, Filipe Melo e João Moreira, abrindo territorios que permiten seguir facendo da base fadista todo un universo por descubrir ao tempo que incorpora a novos públicos, tal e como están a facer Salvador Sobral, Ana Moura ou Mariza, quizais os nomes máis sobranceiros dende fóra das fronteiras portuguesas que están a situar a súa música, como ao propio país, nunha posición destacada a nivel internacional, sen renunciar a súa calidade e, por suposto, a unha identidade como comunidade que é irrenunciabel en todos eles.
O visto no serán do luns é boa proba desa circunstancia e sitúa a António Zambujo como unha das voces máis sobresaíntes da música internacional, pero sobre todo amosa a alguén que canta cunha maxia especial. Com certeza!



Publicado no Diario de Pontevedra 14/08/2019



Ningún comentario:

Publicar un comentario