Os ‘Xoves de
Codax’ plantexaron unha fusión dende ambas partes da raia que
amosou as súas posibilidades cando ambas culturas traballan xuntas
Bruaba o vento no
exterior das adegas Martín Códax, ao tempo que unha forte choiva
enchía de forza ás vides no seu treito final, para acadar, a uva
albariña, a súa necesaria dozura. E dozura foi a que nos atopamos
nese encontro entre Abe Rábade e Salvador Sobral, dous enormes
talentos que proxectan a música galega e portuguesa por todo o
mundo. No escenario dos ‘Xoves do Códax’ ambos amosaron a
importancia das respectivas culturas e do que é quen de xurdir cando
se borran fronteiras, cando as barreiras deixan de estar na mente e
nos poñemos a traballar en común. O «convivio» destes días, que
ambos mantiveron para preparar o concerto, levounos non só por
músicas de cadanseu país, tamén por poemarios como os de Celso
Emilio Ferreiro ou os chamados poemas galegos de Federico García
Lorca. Todo pura emoción, alentada pola maneira de cantar de
Salvador Sobral, cos seus xiros vocais, e esa interpretación tan
persoal que adoita facer, non só coa voz senón co corpo. Dende a
primeira canción, puro ‘crooner’, amosou a súa capacidade para
facer música, non só coa palabra, senón con sons que simulan
instrumentos, golpeando o seu peito ou o piano de Abe Rábade, por
certo, que maneira ten tan marabillosa de tocalo o músico
compostelán!
Un concerto que medrou
en intensidade entre as músicas e as palabras dun Salvador Sobral,
cheo de humor, que explicou de xeito honesto os problemas que tivera
nese día coa voz, o que engadiu ao recital un maior esforzo. Mesmo
en varios instantes sentiuse apurado por esa voz que quería fuxir do
seu corpo, pero sempre soubo distraer ao público co seu talento e o
dominio da escena.
Letras
en galego, en portugués, en inglés ou en francés. Palabras do
mundo que xorden do seu gusto pola música, lonxe de fronteiras, como
se reflicte no seu último disco, ‘París Lisboa’, e nun concerto
que quedará gravado nos que escolleron escoitar a dous xigantes da
música que cando se xuntan son quen de provocar esa catarse que é a
que sempre se procura cando se actúa en directo. Un pianista
descalzo e un músico que canta co corazón na man foron quen de
conseguila, mentres a choiva enchía a terra de dozura.
Publicado no Diario de Pontevedra 10/08/2019
Fotografía: José Luiz Oubiña
Ningún comentario:
Publicar un comentario