mércores, 18 de setembro de 2019

Bo final, mellor comezo

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte ▶ Habitual cita do mes de setembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, a mostra ‘Do final e do comezo’ acolle os traballos dos alumnos da pontevedresa Facultade de Belas Artes que rematan a carreira. Desta vez a exposición deixa un moi bo sabor de boca, tanto pola calidade e diversidade das propostas como polo acaído da montaxe


Fronte a todo un abismo quedan expostos os alumnos da Facultade de Belas Artes que veñen de rematar os seus estudos nesta apaixoante carreira. Algo que lonxe de dramatismos forma parte do propio proceso profesional e tamén da creación artística. Unha fermosa metáfora do que lles acontece a cada creador ante o reto de compoñer un discurso artístico que reflicta o que eles senten ante unha cuestión determinada. Ese salto ao baleiro que ante cada obra se produce lonxe de asustalos debería ser o pozo dende o que sacar o maior desafío para cada artista, o momento no que mirar cara o seu interior e aproveitar os moitos coñecementos obtidos ao longo destes anos de formación no centro pontevedrés.
Do final e do comezo’, a mostra que se exhibe ata o 29 de setembro na sala de exposicións do Pazo da Cultura, é un xeito de achegarnos ao que se traballa tras os muros do antigo cuartel de San Fernando. Unha achega ás diferentes sensibilidades de mestres e alumnos para artellar variados discursos plásticos. Podemos calificar esta edición dun bo final e  mellor comezo. Este momento bisagra entre dúas dimensións outros anos deixábanos un pouco máis desasosegados ao comprobar como as obras non ofrecían demasiadas expectativas de futuro nin a súa distribución acadaban a necesaria vistosidade para facerse atractiva ao visitante. O ano pasado percibimos un cambio, e este confírmase plenamente nunha escolla de traballos con moitas posibilidades e que cada un deles pode entenderse como un vieiro de esperanza no complexo mundo da arte. É certo que o ámbito artístico móvese por uns ritmos insospeitados, que as inspiracións e talentos non poden agromar cada ano como algo perfectamente planificado e que cada xeración é diferente á anterior, pero a realidade é que saír desta exposición plantexaralle aos amantes da arte esa necesidade que toda mostra ten que ter de seguir dándolle voltas unha vez que saes dela, precisando incluso doutra visita para seguir movéndose ante o bo facer que na gran maioría dos traballos se acada.
Non están sendo estes tempos sinxelos na facultade de Belas Artes, divisións e enfrontamentos que obrigatoriamente teñen que esvaecerse no tempo como produto dun instante de tensións, pero reconforta que esa tensión quedase á marxe da profesionalidade dos docentes e o interese dos alumnos por aproveitar esa sorte que teñen de estudar algo que lles motive e do que sacar un froito tan intenso para a sociedade. Unha sociedade, a pontevedresa, que reclama a esta facultade como algo seu, do que sentirse orgullosa, e que precisa do seu talento e talentos para seguir medrando na confianza mutua nun vizoso futuro xuntos. 
Baixo o comisariado de Nacho Barcia, tanto a escolla das 35 pezas como a súa complexa distribución neste espazo, contemplamos unha variade de formulacións moi interesantes, entre as que atopamos a feliz recuperación da pintura, demasiado ausente noutras edicións, e na que tamén a fotografía, as instalacións, a escultura, o vídeo, os sons ou as tecnoloxías 3D propoñen discursos dunha gran efectividade cara o espectador. Non vou a falar de nomes concretos, así como outros anos un si que tiña esa necesidade por esa situación de non demasiada calidade na que sempre sobresaían algúns traballos, desta vez, a calidade amosa unha homoxeneidade no total das obras que levaría a unha inxustiza o nomear a algúns dos participantes e a outros non, suliñando esa percepción xeral dunha mostra ben plantexada, con bos traballos, algúns excelentes, e que deixan na atmosfera esa sensación de felicidade que se ten ao final dunha empresa complicada, como pode ser a da formación do ser humano.
Situarse ante estas obras, adentrarse no seu universo interior, a cómo están feitas, pese a xuventude dos seus creadores, e aos que aínda lles queda moito por aprender, é o mellor final pero tamén un extraordinario xeito de comezar esa andaina que toca agora fronte ao abismo, pero á vista está que todos eles teñen moitas ferramentas para superalo e para seguir medrando na súa paixón artística. Agora tócanos a nós darlles a primeira confianza coa nosa visita, coa comprobación in situ dese bo final e mellor comezo.



Publicado en Diario de Pontevedra 16/09/2019
Fotografías: Exposición 'Do final e do comezo'. Pazo da Cultura de Pontevedra (David Freire). Ata o 29 de setembro


Ningún comentario:

Publicar un comentario