A última
película de Tarantino, ‘Erase unha vez en Hollywood’, é un
xenial retrato dun tempo de muda, no cine e na sociedade ianqui
HOLLYWOOD ANOS sesenta.
Un tempo de transformacións no que significou a meca do cine dentro
dunha sociedade nun proceso que abría as portas a un mundo novo. A
Guerra Fría, Vietnam, a procura de liberdades civís, a carreira
espacial, a masificación do consumo televisivo... Os Estados Unidos
mudaban moito máis que na súa epiderme, cunha transición de fondo
que levou a súa poboación a enfrontarse a novos retos. O Hollywood
dourado, aquel soño duns pioneiros acubillado polo sol da Costa
Oeste, tamén deixaba atrás a súa época máis máxica, a dos
grandes estudos, a do star-system que xa nunca voltou a ser igual,
pese á continuidade de nomes que tamén foron mitos no mundo do
cine, como os seus predecesores. A chegada da televisión cun cambio
nos hábitos de consumo e na produción de materiais
cinematográficos, ou a consolidación de Nova York como competencia
do espectáculo, tensou un medio no que directores, guionistas,
actores e actrices sentiron moverse baixo os seus pés unha serie de
placas tectónicas nas que era moi complicado manter o equilibrio.
Toda esa paisaxe é a
que orbita arredor da película de Quentin Tarantino, ‘Erase unha
vez en Hollywood’, que aínda podemos gozar nos nosos cines. E
emprego a palabra gozar porque a película é todo un espectáculo
visual e cinematográfico que gustará a moita xente, pero en
especial aos que aman o cine, como o propio director de ‘Reservoir
Dogs’, que plantexa toda unha homenaxe e revisión dese momento
crepuscular, ao contar a historia dun actor en declive (interpretado
por Leonardo Dicaprio), xunto ao seu dobre nas escenas de acción
(Brad Pitt), e aos que o novo tempo failles ter a sensación de ser
dous outsiders, dúas persoas marxinadas nun escenario de neóns e
grandes coches de cores.
Ese amor polo cine de
Quentin Tarantino é o que latexa nas diferentes partes do filme, o
que transmite esa atmosfera especial que sempre está presente na súa
singular filmografía, pero que aquí engade esa mirada ao universo
que o forxou como cineasta. Secuencias antolóxicas, como as dun
temeroso Dicaprio conversando cunha nena actriz antes de rodar unha
secuencia, a chegada de Brad Pitt a un rancho cheo de hippies ou a
súa metafórica loita contra Bruce Lee, son só algúns dos momentos
álxidos dun filme no que a ambientación é marabillosa, coa
recreación de cines da época, de restaurantes, dese universo de
luminosos xigantes que alumeaban, non só as cidades, se non tamén
as miradas dunha cidadanía chea de incertezas.
Engádelle Quentin
Tarantino outro fío marabilloso do que tirar, ao plantexar a
veciñanza do protagonista coa actriz Sharon Tate, símbolo, como
poucos, daquela época e cun tráxico final, por todos coñecido, que
sobrevoa ao longo de toda a película como unha consecuencia de
certas actitudes, non só de colectivos marxinais, senón tamén da
propia cinematografía norteamericana, na conformación da violencia
como un ingrediente máis daquela sociedade. Sociedade e cine, polo
tanto, como xérmolos dunha obra xigante dun director especial, e
toda unha loubanza a ese milagre de luz e escuridade que é o cinema.
Publicado no Diario de Pontevedra 18/09/2019.
Fotografía. Brad Pitt e Leonardo Dicaprio na presentación en Tokio de 'Erase unha vez en Hollywood' (Efe)
Ningún comentario:
Publicar un comentario