xoves, 19 de setembro de 2019

Tarantino&Hollywood


A última película de Tarantino, ‘Erase unha vez en Hollywood’, é un xenial retrato dun tempo de muda, no cine e na sociedade ianqui


HOLLYWOOD ANOS sesenta. Un tempo de transformacións no que significou a meca do cine dentro dunha sociedade nun proceso que abría as portas a un mundo novo. A Guerra Fría, Vietnam, a procura de liberdades civís, a carreira espacial, a masificación do consumo televisivo... Os Estados Unidos mudaban moito máis que na súa epiderme, cunha transición de fondo que levou a súa poboación a enfrontarse a novos retos. O Hollywood dourado, aquel soño duns pioneiros acubillado polo sol da Costa Oeste, tamén deixaba atrás a súa época máis máxica, a dos grandes estudos, a do star-system que xa nunca voltou a ser igual, pese á continuidade de nomes que tamén foron mitos no mundo do cine, como os seus predecesores. A chegada da televisión cun cambio nos hábitos de consumo e na produción de materiais cinematográficos, ou a consolidación de Nova York como competencia do espectáculo, tensou un medio no que directores, guionistas, actores e actrices sentiron moverse baixo os seus pés unha serie de placas tectónicas nas que era moi complicado manter o equilibrio.
Toda esa paisaxe é a que orbita arredor da película de Quentin Tarantino, ‘Erase unha vez en Hollywood’, que aínda podemos gozar nos nosos cines. E emprego a palabra gozar porque a película é todo un espectáculo visual e cinematográfico que gustará a moita xente, pero en especial aos que aman o cine, como o propio director de ‘Reservoir Dogs’, que plantexa toda unha homenaxe e revisión dese momento crepuscular, ao contar a historia dun actor en declive (interpretado por Leonardo Dicaprio), xunto ao seu dobre nas escenas de acción (Brad Pitt), e aos que o novo tempo failles ter a sensación de ser dous outsiders, dúas persoas marxinadas nun escenario de neóns e grandes coches de cores.
Ese amor polo cine de Quentin Tarantino é o que latexa nas diferentes partes do filme, o que transmite esa atmosfera especial que sempre está presente na súa singular filmografía, pero que aquí engade esa mirada ao universo que o forxou como cineasta. Secuencias antolóxicas, como as dun temeroso Dicaprio conversando cunha nena actriz antes de rodar unha secuencia, a chegada de Brad Pitt a un rancho cheo de hippies ou a súa metafórica loita contra Bruce Lee, son só algúns dos momentos álxidos dun filme no que a ambientación é marabillosa, coa recreación de cines da época, de restaurantes, dese universo de luminosos xigantes que alumeaban, non só as cidades, se non tamén as miradas dunha cidadanía chea de incertezas.
Engádelle Quentin Tarantino outro fío marabilloso do que tirar, ao plantexar a veciñanza do protagonista coa actriz Sharon Tate, símbolo, como poucos, daquela época e cun tráxico final, por todos coñecido, que sobrevoa ao longo de toda a película como unha consecuencia de certas actitudes, non só de colectivos marxinais, senón tamén da propia cinematografía norteamericana, na conformación da violencia como un ingrediente máis daquela sociedade. Sociedade e cine, polo tanto, como xérmolos dunha obra xigante dun director especial, e toda unha loubanza a ese milagre de luz e escuridade que é o cinema.




Publicado no Diario de Pontevedra 18/09/2019.
Fotografía. Brad Pitt e Leonardo Dicaprio na presentación en Tokio de 'Erase unha vez en Hollywood' (Efe)




Ningún comentario:

Publicar un comentario