luns, 30 de setembro de 2019

Ateneo imprescindible



DESPERÉZANSE con setembro moitas das accións e iniciativas culturais que van a marcar o noso curso vital ata a chegada do verán. Sempre tan lonxe pero cada vez máis preto. En Pontevedra son moitas as entidades que estes días poñen en marcha as súas actividades renovando así, un ano máis, o seu compromiso coa cultura e tamén coa cidade. Co Cineclube xa programando dende fai unhas semanas o pasado luns foi o Ateneo de Pontevedra o que arrincou a súa xeira de actos, tan diversos nas súas propostas, como felices nas súas achegas aos seus socios, pero tamén á cidadanía en xeral, xa que os seus actos son sempre abertos ao público.
Dende 1965, dise pronto, e un pouquiño máis tarde que o Cineclube, ao que antes citaba tendo ambos un nacemento común polos seus valentes protagonistas, o Ateneo de Pontevedra leva axitando con maior ou menor intensidade a alma cultural da nosa vila. Dende aquel primeiro presidente, o inesquecible Alfonso Zulueta de Haz ata o actual, Xaime Toxo, esta entidade tenta explicar ao ser humano dende as súas facetas máis diversas, pero sempre coa áncora asentada na cultura e as súas posibilidades para tentar mellorarnos no que sexa posible.
Cando Xaime Toxo, na presentación dese primeiro acto que foi o de dar a coñecer a edición comentada por Anxo Angueira de ‘En las orillas del Sar’ de Rosalía de Castro editada por Xerais, daba a benvida a este novo curso viña a revelar esa especie de milagre que é que unha entidade cultural con escasas posibilidades económicas siga un ano máis ofrecendo espazos de interacción entre creadores e o público, achegando propostas tan interesantes para coñecernos como a deste luns na que Anxo Angueira pronunciou unha conferencia marabillosa sobre este poemario de Rosalía de Castro e o proceso de creación así como o desenvolvemento das poesías desta muller aínda hoxe insuperable na súa concepción poética, é como se comprobou na Casa das Campás, lugar no que se desenvolveu o acto grazas á impagable colaboración da Universidade de Vigo co noso tecido cultural, defendendo o que é a nosa identidade como poucas palabras das que viñeron despois dela.
Cada acto do Ateneo de Pontevedra ou cada sesión deste revitalizado e afouto Cineclube convértense nun berro de esperanza ante a unha sociedade que semella afastarse das pegadas da cultura, poñéndose de costas a ela e sen ter a consideración que merece. Ese berro lévanos tamén a lembrar e gabar a todos os que durante máis de cincuenta anos foron sementando para que ambas entidades sigan en pé e sigan facendo de Pontevedra unha referencia da cultura, pero non desa cultura do espectáculo senón da cultura do día a día, a cultura da xente que se xunta para escoitar, para falar e para pensar, en definitiva, para medrar como seres humanos.

Contemplar a Xaime Toxo, Ana Acuña, Anxo Angueira e Fran Alonso falando arredor de Rosalía de Castro tras as novas edicións de 'Cantares Gallegos', 'Follas Novas' e 'En las orillas del Sar' foi un comezo de curso perfecto por parte do Ateneo, convocándonos arredor desa muller fundacional da nosa mellor escrita e cuxa obra aínda hoxe segue sendo un manancial inesgotábel do que segue a manar unha auga fresca que non deixa de abraiarte. Algúns dos poemas alí comentados, referidos a situacións como a emigración ou o ecoloxismo, beliscan a pel pola intuición da súa creadora, polo compromiso cunha terra á que tanto ela como os que seguen a defender a cultura e o pensamento dende diferentes asociacións honran cada día.




Publicado no Diario de Pontevedra 27/09/2019
fotografía. Presentación do libro 'En las orillas del Sar' na primeira sesión do Ateneo de Pontevedra deste curso. (Rafa Fariña)

1 comentario: