martes, 24 de setembro de 2019

Cando a arte berra: 'Sempre marzo'

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte ▶ ‘Sempre marzo’ é un proxecto editorial e artístico que vai máis alá do puramente comercial converténdose nun múltiple berro creativo nesta noite escura na que a nosa sociedade está inmersa coa violencia machista. Unha escolma de poetas e artistas plásticos enchen este cofre de diferentes achegas baixo o selo de calidade da Editorial A Xanela


Cubría a noite co seu manto escuro a cidade de Pontevedra o pasado xoves cando na avenida de Montero Río, as escaleiras de acceso á Deputación Provincial convertíanse nun marabilloso escenario dende o que achegarse a un engaiolante proxecto artístico da man da editorial A Xanela. ‘Sempre marzo’ é un libro pero tamén é moitas cousas máis. Nel, a xeito dun estoxo, gárdanse trinta e tres obras doutros tantos creadores que, dende a escultura á pintura, pasando pola poesía, converten dende a palabra e dende a imaxe toda unha chea de emocións nalgo visible, nun elemento visual e ata físico do que podemos gozar, non só nese formato de vizoso obxecto artístico, que é no que se converte este libro, senón tamén nunha exposición instalada no recibidor de entrada da Deputación de Pontevedra.
Non foi a pasada unha semana calquera na nosa provincia. A morte de tres mulleres a man dun home púxonos de novo contra as cordas do que ten que ser a nosa sociedade, alí onde a convivencia e a conquista dos nosos diferentes proxectos vitais tería que ser o único que nos preocupase. Cando ese miserable comezou a semana matando a súa exmuller, a súa exsogra e a súa excuñada, todo aquilo polo que loitamos veuse abaixo durante uns intres. Pero temos que ser nós mesmos, como colectivo maduro e coñecedor do que a nosa sociedade precisa para loitar contra a sinrazón e barbarie da violencia machista, dende a súa aceptación como eiva, a que ten que tentar buscarlle solucións dende os diferentes planos que forman a nosa comunidade. Abofé que un dos que menos se pensa cando hai unha salvaxada desta dimensión sexa o plano artístico, o creativo, como se todo dependese da política ou da acción xudicial, pero son precisamente proxectos como este ‘Sempre marzo’ o que nos resitúa ante a capacidade da arte para mover conciencias e para xerar un acougo da alma cando, precisamente, esta atópase máis danada. Aínda mantéñense vivas entre nós as emocións daqueles poemas que Joshua, o fillo de Sesé Mateo, recuperou como testemuño do quefacer creativo da súa nai, vítima desa violencia, e que como poucas cousas estremece a alma ante o desacougo dunha muller.
O editor Xosé Manuel Calviño xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva,
e as poetas María Xosé Queizán, Yolanda Castaño e Míriam Ferradáns
Cando o xoves tiñamos diante a tres poetas do calibre de María Xosé Queizán, Yolanda Castaño e Miriám Ferradáns recitando as súas palabras que estouraban nesa noite máis escura que nunca, e co pano de fondo da fachada da Deputación Provincial iluminada de cor morada, escoitamos un compromiso que é o de todos, ou polo menos da maior parte desta sociedade que abomina dese tipo de actos criminais que xorden dun concepto atávico e noxento que entende a muller como unha parte máis do home, sobre a que permitirse certas actitudes e dominacións. Cando a poesía alumeou na noite sentimos canto ben pode facer a palabra, e cando entramos a visitar a exposición de obras orixinais, que no libro convértense nunha colección de serigrafías, sentimos canto ben pode facer a pintura. E é que a arte faite sentir, dende calquera das súas manifestacións, arte para escoitar, arte para ver ou arte para tocar, porque no libro non só as serigrafías, senón que as palabras das poetas pódense tocar grazas á estampación feita pola editorial para que tamén sintamos esa poesía como algo único, como algo que nos estremece. Poetas como María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, María Lado, Míriam Ferradáns e Rosalía Fernández Ria, amosan, xunto o envexáble momento da nosa poesía feita por mulleres, a necesidade que temos das súas palabras. O mesmo acontece coa obra de Ángeles Jorreto, Carmen Hermo, Isabel Pintado, José María Barreiro, Leandro Lamas, Lucía López, María José Leira, Ramón Astray, Rut Martínez, Sabela Baña, Viki Ribadulla e Xosé Vizoso e coa escultura de Soledad Penalta. Formas que traducen a necesidade de igualdade na sociedade, de desterro do machismo e da relevancia da muller dentro dunha sociedade que non se pode permitir nin unha muller menos por culpa da violencia, da violencia que exercen os homes sobre as mulleres, calquera outra calificación engánase e fai que miremos o problema de xeito equivocado.



Publicado no Diario de Pontevedra. 23/09/2019
Fotografías David Freire


Ningún comentario:

Publicar un comentario