Pepe Cunha firma
un libro esencial para coñecer a achega a nosa música de Guadi
Galego que se presentará en ‘Cantos na Maré’
Música que se converte
en escrita. Palabras que traducen os sons dunha das voces e dos
proxectos musicais máis sobranceiros e interesantes da nosa música.
‘Guadi Galego. Pola beira da canción’ (Edicións Embora) é unha
desas obras necesarias para tentar comprender o que se agocha detrás
dunha muller que fixo da súa música un compromiso cun xeito de
estar na súa terra, cunha maneira de mirar cara o horizonte dende a
súa Cedeira natal na que as escumas do batir das ondas e o bruar do
vento entre as rochas convértense no alento preciso para construír
unha voz na que toda esa proxección xeográfica convértese en
sentimento e en pulo.
Dende o seu paso por
Berrogüeto converteuse nunha desas voces que mudaron os marcos de
moito do que se viña facendo no seu ámbito musical. O folk
entendeu, de xeito definitivo, que os sons do pop podían compoñer
un novo vieiro polo que achegar novos públicos e que esa música de
raíz, e sen renunciar a súa esencia, acadase un chanzo no que xa
moitos viñan traballando pero ao que lle faltaba o pulo de Guadi
Galego.
Escribe de xeito lúcido
no limiar do libro a xornalista e boa coñecedora da música que se
fai no noso país, Teresa Cuíñas, que as súas cancións son «un
lugar onde ir porque temos a confianza de que Gaudi sempre vai estar
onde a esperamos», facéndome lembrar as palabras de José Saramago
nas que di que «Sempre acabamos chegando a onde nos esperan». E
algo así é certo que acontece coa música de Guadi Galego, unha
cuestión á que Pepe Cunha bótanos unha boa man con este texto que
abre unha chea de fiestras para coñecer o que hai tras ela. Os
comezos, a formación, as arelas, as experiencias compartidas con
outros nomes da nosa música e a configuración dun proxecto de seu
que, co seu último traballo, ‘Immersion’, que sairá a luz en
outubro, chega xa a cinco discos en solitario, e que son o compás
aquí proposto, completado con materiais fotográficos, unha
entrevista e un estudo de cada un dos seus discos.
Se a música é ben
importante no que estamos a falar tamén o é a construción
dun relato ao seu arredor, isto é, artellar un plantexamento dende a
escrita ou o xornalístico sobre o que acontece na nosa paisaxe
musical, cada vez máis bulideira en estilos e avances, en propostas
e meritos que reivindican o quefacer dun sector que non poucas veces
viuse marxinado polo noso propio desprezo, froito, abofé, do
descoñecemento, e do complexo en moitas ocasións de poder gozar
destas variadas ofertas nos palcos do país e mesmo na nosas canles
públicas, sempre temerosas de poñer o pé onde pensan que non
deben, porén onde están obrigados a facelo. É por isto que esta
proposta editorial merece todas as beizóns, por necesaria e por ben
feita, e por poñernos nesa beira da canción que canta Guadi Galego
nunha das nosas cancións máis fermosas, ‘Cedeira’, unha desas
músicas que un non se cansa nunca de escoitar e admirar polo que ten
de fusión do que somos e do que temos que ser.
O vindeiro sábado,
dentro da intensa programación de ‘Cantos na Maré’ o libro
presentarase na pontevedresa Libraría Paz da man dos seus
protagonistas, eses que prenden candeas.
Publicado no Diario de Pontevedra 11/09/2019
Fotografía. Guadi Galego nas Matinés do Principal en Pontevedra. (Rafa Fariña)
Ningún comentario:
Publicar un comentario