xoves, 12 de setembro de 2019

Pola beira da canción

Pepe Cunha firma un libro esencial para coñecer a achega a nosa música de Guadi Galego que se presentará en ‘Cantos na Maré’


Música que se converte en escrita. Palabras que traducen os sons dunha das voces e dos proxectos musicais máis sobranceiros e interesantes da nosa música. ‘Guadi Galego. Pola beira da canción’ (Edicións Embora) é unha desas obras necesarias para tentar comprender o que se agocha detrás dunha muller que fixo da súa música un compromiso cun xeito de estar na súa terra, cunha maneira de mirar cara o horizonte dende a súa Cedeira natal na que as escumas do batir das ondas e o bruar do vento entre as rochas convértense no alento preciso para construír unha voz na que toda esa proxección xeográfica convértese en sentimento e en pulo.
Dende o seu paso por Berrogüeto converteuse nunha desas voces que mudaron os marcos de moito do que se viña facendo no seu ámbito musical. O folk entendeu, de xeito definitivo, que os sons do pop podían compoñer un novo vieiro polo que achegar novos públicos e que esa música de raíz, e sen renunciar a súa esencia, acadase un chanzo no que xa moitos viñan traballando pero ao que lle faltaba o pulo de Guadi Galego.
Escribe de xeito lúcido no limiar do libro a xornalista e boa coñecedora da música que se fai no noso país, Teresa Cuíñas, que as súas cancións son «un lugar onde ir porque temos a confianza de que Gaudi sempre vai estar onde a esperamos», facéndome lembrar as palabras de José Saramago nas que di que «Sempre acabamos chegando a onde nos esperan». E algo así é certo que acontece coa música de Guadi Galego, unha cuestión á que Pepe Cunha bótanos unha boa man con este texto que abre unha chea de fiestras para coñecer o que hai tras ela. Os comezos, a formación, as arelas, as experiencias compartidas con outros nomes da nosa música e a configuración dun proxecto de seu que, co seu último traballo, ‘Immersion’, que sairá a luz en outubro, chega xa a cinco discos en solitario, e que son o compás aquí proposto, completado con materiais fotográficos, unha entrevista e un estudo de cada un dos seus discos.
Se a música é ben importante no que estamos a falar tamén o é  a construción dun relato ao seu arredor, isto é, artellar un plantexamento dende a escrita ou o xornalístico sobre o que acontece na nosa paisaxe musical, cada vez máis bulideira en estilos e avances, en propostas e meritos que reivindican o quefacer dun sector que non poucas veces viuse marxinado polo noso propio desprezo, froito, abofé, do descoñecemento, e do complexo en moitas ocasións de poder gozar destas variadas ofertas nos palcos do país e mesmo na nosas canles públicas, sempre temerosas de poñer o pé onde pensan que non deben, porén onde están obrigados a facelo. É por isto que esta proposta editorial merece todas as beizóns, por necesaria e por ben feita, e por poñernos nesa beira da canción que canta Guadi Galego nunha das nosas cancións máis fermosas, ‘Cedeira’, unha desas músicas que un non se cansa nunca de escoitar e admirar polo que ten de fusión do que somos e do que temos que ser.
O vindeiro sábado, dentro da intensa programación de ‘Cantos na Maré’ o libro presentarase na pontevedresa Libraría Paz da man dos seus protagonistas, eses que prenden candeas.



Publicado no Diario de Pontevedra 11/09/2019
Fotografía. Guadi Galego nas Matinés do Principal en Pontevedra. (Rafa Fariña)


Ningún comentario:

Publicar un comentario