venres, 13 de marzo de 2020

"Un contedor de fantasía"



O BO DA FANTASÍA é que cada un de nós pode levala con el. O necesario e obrigado peche do Salón do Libro por motivo do coronavirus, máis alá da mágoa inicial ao coñecer a noticia, ten que darnos o pulo suficiente para transmitirlle aos nosos cativos que esa fantasía que se agocha cada ano entre as paredes do Pazo da Cultura podémola xerar tamén nas nosas casas. Que mellor contacontos que un pai ou unha nai! Que mellor xeito de empurrar aos nenos á lectura que nunha casa chea de libros! Hai un submarino mellor que agocharse baixo as sabas cunha lanterna? ou unha nave espacial máis molona que un sofá cos seus coxíns ben colocadiños? Levemos durante estes días cheos de dúbidas e pantasmas a fantasía ao interior dos nosos fogares como homenaxe a ese Salón que cada ano converte a Pontevedra na capital da imaxinación e do amor polos libros.
Cúmprense dez anos doutra homenaxe, a que o Salón do Libro lle adicou ao escritor Agustín Fernández Paz. Un acto cheo de emocións e inesquecible aínda hoxe. As palabras do seu eterno amigo, Xabier P. Docampo, na súa louvanza repasando o abecedario vital do vilalbés, foi a mellor mostra do compromiso que estes dous seres, bos e xenerosos, sempre tiveron coa escrita, coa nosa lingua e coa rapazada, á que tantos esforzos e atencións adicaron ao longo da súa vida. O pasamento de ambos aínda se mantén como un ronsel de insubstituíbles ausencias na nosa cultura. Un pesar de escumas que non acaban de desfacerse nas ondas das palabras. Todos os que tivemos o pracer e a honra de coñecelos non pasa nin un só destes acontecementos sen que os botemos de menos, tanto a eles como aos seus textos, sempre agardados, como agardamos polas cereixas na cerdeira en abril, tal e como dixo o propio Xabier P. Docampo no seu discurso de Mantedor nos Premios Xerais de 2013.
Os dous fundíronse aquel día ás beiras do Lérez nunha aperta que todavía nos fai tremer cando a lembramos, ou, como é o meu caso, cando me atopo a dobre páxina adicada á ocasión, escribindo as noticias da hemeroteca do xornal. Xusto nese intre de emocións contidas chegan á redacción as novas do peche do Salón do Libro deste ano e iso me leva a pensar na cantidade de homenaxes públicas e anónimas que se fixeron ao longo de vinte e unha edicións a tantos autores, pero tamén a moitos lectores que medraron e acubillaron a súa paixón nesa contorna que Agustín Fernández Paz definiu como «un contedor de fantasía». Ese contedor, por moitos virus que haxa no ambiente, por moitas portas que se pechen, nunca se poderá pechar de todo, mentres os seus organizadores, os seus protagonistas: autores e ilustradores, pais, nais, nenos e nenas, sigan facendo dese contedor un libro aberto de complicidades.
Fagamos de cada un dos nosos fogares un pequeno Salón do Libro. Xa vivimos moitas edicións para saber dos ingredientes que temos que engadir ao tubo de ensaio para que a fantasía o inunde todo. Menciñeiros como Agustín Fernández Paz ou Xabier P. Docampo deixaron nos seus libros todo un recetario que seguir. Collan calquera deles e fagan a proba, comprobarán como as corentenas con fantasía son menos corentenas.



Publicado no Diario de Pontevedra 13/03/2020
Fotografía. Javier Cervera-Mercadillo


Ningún comentario:

Publicar un comentario