O BO DA FANTASÍA é que cada un de nós
pode levala con el. O necesario e obrigado peche do Salón do Libro por motivo
do coronavirus, máis alá da mágoa inicial ao coñecer a noticia, ten que darnos
o pulo suficiente para transmitirlle aos nosos cativos que esa fantasía que se
agocha cada ano entre as paredes do Pazo da Cultura podémola xerar tamén nas
nosas casas. Que mellor contacontos que un pai ou unha nai! Que mellor xeito de
empurrar aos nenos á lectura que nunha casa chea de libros! Hai un submarino mellor
que agocharse baixo as sabas cunha lanterna? ou unha nave espacial máis molona
que un sofá cos seus coxíns ben colocadiños? Levemos durante estes días cheos
de dúbidas e pantasmas a fantasía ao interior dos nosos fogares como homenaxe a
ese Salón que cada ano converte a Pontevedra na capital da imaxinación e do
amor polos libros.
Cúmprense dez anos doutra homenaxe, a
que o Salón do Libro lle adicou ao escritor Agustín Fernández Paz. Un acto cheo
de emocións e inesquecible aínda hoxe. As palabras do seu eterno amigo, Xabier
P. Docampo, na súa louvanza repasando o abecedario vital do vilalbés, foi a
mellor mostra do compromiso que estes dous seres, bos e xenerosos, sempre
tiveron coa escrita, coa nosa lingua e coa rapazada, á que tantos esforzos e
atencións adicaron ao longo da súa vida. O pasamento de ambos aínda se mantén
como un ronsel de insubstituíbles ausencias na nosa cultura. Un pesar de
escumas que non acaban de desfacerse nas ondas das palabras. Todos os que
tivemos o pracer e a honra de coñecelos non pasa nin un só destes
acontecementos sen que os botemos de menos, tanto a eles como aos seus textos,
sempre agardados, como agardamos polas cereixas na cerdeira en abril, tal e
como dixo o propio Xabier P. Docampo no seu discurso de Mantedor nos Premios
Xerais de 2013.
Os dous fundíronse aquel día ás beiras
do Lérez nunha aperta que todavía nos fai tremer cando a lembramos, ou, como é
o meu caso, cando me atopo a dobre páxina adicada á ocasión, escribindo as
noticias da hemeroteca do xornal. Xusto nese intre de emocións contidas chegan
á redacción as novas do peche do Salón do Libro deste ano e iso me leva a
pensar na cantidade de homenaxes públicas e anónimas que se fixeron ao
longo de vinte e unha edicións a tantos autores, pero tamén a moitos lectores
que medraron e acubillaron a súa paixón nesa contorna que Agustín Fernández Paz
definiu como «un contedor de fantasía». Ese contedor, por moitos virus que haxa
no ambiente, por moitas portas que se pechen, nunca se poderá pechar de todo,
mentres os seus organizadores, os seus protagonistas: autores e ilustradores,
pais, nais, nenos e nenas, sigan facendo dese contedor un libro aberto de
complicidades.
Fagamos de cada un dos nosos fogares un
pequeno Salón do Libro. Xa vivimos moitas edicións para saber dos ingredientes
que temos que engadir ao tubo de ensaio para que a fantasía o inunde todo.
Menciñeiros como Agustín Fernández Paz ou Xabier P. Docampo deixaron nos seus
libros todo un recetario que seguir. Collan calquera deles e fagan a proba,
comprobarán como as corentenas con fantasía son menos corentenas.
Publicado no Diario de Pontevedra 13/03/2020
Fotografía. Javier Cervera-Mercadillo
Fotografía. Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario