venres, 20 de marzo de 2020

Desassossego/3 #Euficoemcasa



DENDE o pasado martes e ata o vindeiro domingo cada tarde un conxunto de músicos portugueses de primeiro nivel abren as súas casas e estudios para regalarnos media hora de concerto. #Euficoemcasa é unha iniciativa que xorde dos artistas e das propias axencias musicais para facer as obrigadas estancias do desasosego máis levadeiras, pero tamén para situar nos medios de comunicación a problemática que esta crisis sanitaria tamén vai a provocar no sector musical.
A cancelación de concertos, xiras e un sinfín de espectáculos vai facer dos músicos unha das vítimas económicas da crise, e deste xeito queren visibilizar esa situación. Así é como 78 artistas adicarán media hora, a partir das cinco da tarde ata as once da noite (tede en conta a hora de diferencia horaria con Portugal), para facernos chegar a súa música. Músicas diversas que chegarán a nós a través das contas persoais de cada un deles en Instagram. Concertos que poderemos seguir nos nosos teléfonos móbiles para sentirnos acompañados polos sons e sotaques lusos.
Antonio Zambujo, Pedro Abrunhosa, Diogo Piçarra, Ana Moura, Márcia, Samuel Úria, Capicua, Luisa Sobral ou Fausto, son só algunhas das estrelas cómplices desta iniciativa solidaria que vén a reivindicar o papel da cultura portuguesa como un dos orgullos dos nosos veciños. Apenas uns días despois de saltar as alarmas sanitarias case oitenta músicos puxéronse dacordo para que as tardes desta semana sexan unha festiña musical en cada un dos fogares que queiran abrir as súas fiestras ás súas voces.
Dende cada un dos nosos teléfonos buscando por #Euficoemcasa podemos atopar a programación diaria que, por citar algúns exemplos, hoxe terá a Marco Rodrigues, Agir, Pedro Abrunhosa, Capicua ou Pedro Mafama. Mañá día 21 a Rui Massena, Héber Marques, The Legendary Tigerman ou Ana Bacalhau e o remate, o domingo 22 a, entre outros, a Nuno Ribeiro, Ana Moura, David Carreira ou Luisa Sobral. Todos eles e elas están esperando a oportunidade de deixalos pasar ás súas casas. Unha ocasión única para achegarse as mellores músicas de Portugal dende o compromiso dos seus artistas. Ate já!


Publicado en Diario de Pontevedra 20/03/2020


Ningún comentario:

Publicar un comentario