Amosounos o 2020 a súa
cara máis fera. A que cada certo tempo pon á sociedade nunha
situación límite. Situándonos ante un cantil fronte ao que ollar,
non só cara a enfermidade e a dor, senón tamén cara nós mesmos
como especie. As semanas de confinamento que marcarán, non só este
ano, senón o resto das nosas vidas, puxéronnos a proba para
medirnos dende o invidual fronte ao colectivo. Se de algo pode
presumir a nosa especie é da súa capacidade para aprender, para
tentar superar as complexidades, porén, como raza, tamén temos no
noso ADN unha incríble capacidade para petar dúas e ata tres veces
na mesma pedra, repetir erros e esquecer as ensinanzas da vida.
Os días pasan e os
pesadelos quedan atrás co que é tempo de pensar naqueles que nos
botaron unha man para pasar ese trago de illamento no que a cultura e
as súas inquedanzas convertéronse no vento fresco co que poder
respirar durante tantas semanas. Certo é que isto non é algo novo,
se algo aporta a cultura a toda sociedade é esa capacidade de mudar,
cos seus ventos de creatividade e imaxinación, a nosa cotiandade. A
cultura leva abrindo fiestras e impulsando amenceres dende que é un
músico compuxo as súas primeiras notas, un escritor apuntou as súas
primeiras narracións ou alguén fixo un garabato nalgunha parede.
Por esa capacidade para modificar ou calmar os demos é polo que a
cultura é importante en calquera sociedade, un valor que medra cando
as cousas aínda se poñen peores e serve para comprobar como ese
potencial é algo a reivindicar e a poñer en valor, non só cando
veñen mal dadas e non dubidamos en gabar o ben que nos fixo ler un
libro mentres estabamos pechados, escoitar un concerto nas redes, ver
un filme ou visitar un museo de xeito virtual. Esa doazón ao
colectivo da cultura é un valor a reivindicar máis alá de
pandemias e ten que converterse nun dos activos máis afoutos e
senlleiros de calquera sociedade.
Galicia, a Galicia que
neste día celebramos como un elo cos nosos devanceiros e co valor
dunha terra capaz de xerar un ámbito singular na nosa creatividade,
é a que non pode deixar nunca de lado aos seus creadores. Unha sorte
de zume que, como nas plantas, móvese no colectivo e fainos medrar
con forza e coa posibilidade de gozar das nosas inquedanzas. Ese zume
en Galicia é tan diverso coma vigoroso. Diverso porque os nosos
creadores traballan dende campos tan variados como son o da plástica,
o musical, o audiovisual, o teatro, a cociña, o deseño, a escrita
ou a banda deseñada, por citar só algúns deses territorios
creativos, nos que temos sobranceiros exemplos da súa capacidade,
así como do seu liderado en todo o Estado, e todo iso acubillado
nunha lingua propia. Temos, polo tanto, o máis difícil sempre, a
semente, aquilo que non se pode comprar con cartos, senón que xorde
en base a sensibilidades, coñecementos e profesionalidade; pero o
que se bota en falla é como ese produto é quen de inzar na
sociedade máis alá duns círculos reducidos e tamén cómo poñemos
todo ese potencial en valor nun contexto máis amplo, fóra de
Galicia, como xeito de reivindicarnos como unha terra de creación,
co que iso ten, non só de afianzamento dun pobo, senón tamén como
parte dunha industria capaz de xerar emprego e ingresos.
Por todo isto é polo
que os artistas precisan, e máis nestes tempos de incertezas e
desacougos, que se aposte polo seu traballo, que se participe nos
seus proxectos, primeiro dende o individual coa compra e
participación nos seus produtos, que tantas horas e horas de esforzo
levan con eles; pero tamén dende a administración, que ten que
servir de lanzadora para transportar todos eses soños que forneceron
nun cadro, nun disco ou nun libro cara outros escenarios. Estamos
obrigados a saber vender o que facemos, a xerar mercados cos nosos
soños e a situar a nosa cultura no exterior. Vimos de pasar un
proceso electoral no que a cultura estivo afastada de debates e
liortas entre candidatos. Nada novo. A cultura, unha das que deberían
ser as tres grandes patas de toda sociedade que pense no valor do
individuo, xunto coa sanidade e a educación, desprázase de cotío
do foco mediático, castigándoa e magoándoa dun xeito que atenta
contra nós mesmos. Quéresenos poñer ese foco de xeito permanente
no ‘Camiño de Santiago’, xustamente o noso produto máis
coñecido en toda Europa e no mundo, mentres se esquecen as
corredoiras polas que nos movemos cada xornada, eses talleres dos
nosos artistas, bulideiros e cheos dunha ilusión á que lle damos as
costas. Esquecemos tamén a Portugal, comunidade de noso, coa que
máis alá do testimonial teríamos que fornecer unha alianza
estratéxica clave para dúas culturas irmás.
Os ventos dos nosos
creadores non poder quedar máis tempo pechados entre unhas fiestras
que deixan ver a nosa contorna pero que impiden que esa cultura se
achegue de xeito máis intenso á cidadanía. Poñámonos en valor,
escoitemos aos protagonistas deses diversos territorios da
creatividade, entendamos as súas necesidades e plantexemos, dende as
súas propostas, alianzas entre os diferentes sectores para non
repetir erros, para non quedar illados daquilo que nos ten que dar a
vida: a cultura.
Publicado no Especial Día de Galicia 25/07/2020. El Progreso/Diario de Pontevedra/ La Región/ Atlántico
Ningún comentario:
Publicar un comentario