luns, 28 de decembro de 2020

Unha biografía que se converte na novela que explora un século

 


Xa tocaba rematar o ano cando chegou a novela de Suso de Toro ‘Un señor elegante’. Unha novela da que se falaba dende hai tempo. Sabíase que Suso de Toro andaba a argallar algo, e iso sempre xera expectación. Sabíase que o autor de ‘Polaroid’ estaba a mergullarse na historia deste país, pero o que non sabiamos era que tras ese traballo de busca atopabase a historia de Ramón Baltar, ‘Un señor elegante’ (Xerais), e xunto a ela todo un pano de fondo que amosa moitísimas situacións desta Galicia tantas veces chea de medo de mirar cara o seu pasado, inzado de historias ocultas entre familias, sementadas de segredos e medos fronte aquelas gadoupas dun tempo que aínda, en moitos casos, semella non estar superado. Unha novela monumental chea de buratos polos que meterse arredor da historia central dese ‘señor elegante’.

Ata ese momento por estas páxinas a novela que causara unha maior sensación fora a de Xesús Fraga, ‘Virtudes (e misterios)’, (Galaxia), na que tamén se nos obriga a mirar ao pasado a través dunha historia da emigración a cargo da avoa do autor. Unha emigración a Londres, a unha Europa sempre nun segundo lugar fronte aos procesos migratorios galegos cara América, e que aquí se trata con engaiolante mestría, chea de conexións con nós mesmos a través de detalles que nos enguedellan coas nosas propias familias. Destacamos tamén outros dous títulos publicados en Galaxia, ‘O paraíso dos inocentes’, de Antón Riveiro Coello, e ‘Silencio’ de Agustín Agra, un sinxelo libro de relatos pero cheos de fondura e coa capacidade impagable de tentar descifrar a complexa natureza humana. Outro libro de relatos ben interesante é o publicado en Baía Edicións, ‘Entre donas’, no que un monllo de autoras xuntan as súas voces na reinvindicación da ollada feminina que mude a nosa sociedade.

Tampouco podemos pasar por alto a chegada á nosa lingua por primeira vez do ‘Poeta en Nova York’ de Federico García Lorca coa traducción de Suso Díaz, asentando nas nosas letras a mellor poesía do granadino como parte dun proceso de fornecemento do noso sistema cultural ben necesario. Nesa liña tamén está a traballar de xeito meritorio a pontevedresa editorial Kalandraka con diferentes traducións de títulos sinalados da literatura universal como ‘Na estrada’ de Jack Kerouak.

Tamén nun ano coma este, no que se celebra o centenario da Xeración Nós, merece o aplauso a escolma de textos arredor desta xeración que Galaxia vén de sacar do prelo con diferentes autorías que se mergullan nos seus protagonistas, dende os máis coñecidos Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco ata nomes máis descoñecidos como Antón Villar Ponte ou quen tan ligado estivo a Pontevedra, Antón Losada Diéguez.

Pero de novo a poesía é a que está a converter a Galicia nunha referencia literaria en todo o estado. Os premios a nivel nacional de Olga Novo ou Alba Cid, por libros editados o pasado ano, renovan a forza das palabras das nosas poetas que seguen achegando poemarios tan interesantes como os de Ana Romaní en Chan da Pólvora, ‘A desvértebra’; ou  ‘Gramo Stendhal’ de María Lado en Apiario; e iso sen esquecer a voces maiúsculas da nosa poética, como Chus Pato que presenta a súa ‘Obra completa’ en Euseino? Editores; ou Yolanda Castaño que logrou o Premio Estandarte ao mellor Libro de Poesía coa antoloxía bilingüe ‘Un cobertizo lleno de significados sospechosos’ (Milenio).

E seguindo coa poesía pero desta volta asinada por homes destacar dúas presencias. Unha a reimpresión 25 anos despois de ‘O valo de Manselle’ mítico texto poético de Anxo Angueira que a editorial Apiario voltou a erguer de xeito prodixioso e a recente publicación dun poemario póstumo do inesquecible Manuel Álvarez Torneiro que da man da colección Tambo de Kalandraka pon ante nós ‘Clave de bóveda’o que supón un inesperado agasallo e unha recuperación do acubillo da palabra de Álvarez Torneiro como xeito de iluminar a vida. Un libro que ademais chega acompañado de dous pequenos debuxos doutro inesquecible, o pintor Manuel Moldes.

A memoria é parte fundamental de calquera escrita. Un xeito de entender como somos en base a un pasado moitas veces esquecido. A editorial Alvarellos dende esa vertente achega dous libros imprescindibles ‘Federico García Lorca en Santiago de Compostela’, a cargo de Henrique Alvarellos seguindo as pegadas da presenza lorquiana en Compostela e ‘Aramados’, a recuperación do relato de Manuel García Gerpe da súa experiencia nun campo de concentración entre 1939 e 1941.

Non están todos os que son pero si que son todos os que están, nesta mirada puramente persoal, de lecturas e abofé que con máis dun esquecemento.


Publicado no Diario de Pontevedra 27/12/2020

Ningún comentario:

Publicar un comentario