Xa tocaba rematar o ano cando chegou a
novela de Suso de Toro ‘Un señor elegante’. Unha novela da que se falaba dende
hai tempo. Sabíase que Suso de Toro andaba a argallar algo, e iso sempre xera
expectación. Sabíase que o autor de ‘Polaroid’ estaba a mergullarse na historia
deste país, pero o que non sabiamos era que tras ese traballo de busca
atopabase a historia de Ramón Baltar, ‘Un señor elegante’ (Xerais), e xunto a
ela todo un pano de fondo que amosa moitísimas situacións desta Galicia tantas
veces chea de medo de mirar cara o seu pasado, inzado de historias ocultas
entre familias, sementadas de segredos e medos fronte aquelas gadoupas dun
tempo que aínda, en moitos casos, semella non estar superado. Unha novela
monumental chea de buratos polos que meterse arredor da historia central dese
‘señor elegante’.
Ata ese momento por estas páxinas a
novela que causara unha maior sensación fora a de Xesús Fraga, ‘Virtudes (e
misterios)’, (Galaxia), na que tamén se nos obriga a mirar ao pasado a través
dunha historia da emigración a cargo da avoa do autor. Unha emigración a
Londres, a unha Europa sempre nun segundo lugar fronte aos procesos migratorios
galegos cara América, e que aquí se trata con engaiolante mestría, chea de
conexións con nós mesmos a través de detalles que nos enguedellan coas nosas
propias familias. Destacamos tamén outros dous títulos publicados en Galaxia,
‘O paraíso dos inocentes’, de Antón Riveiro Coello, e ‘Silencio’ de Agustín
Agra, un sinxelo libro de relatos pero cheos de fondura e coa capacidade
impagable de tentar descifrar a complexa natureza humana. Outro libro de
relatos ben interesante é o publicado en Baía Edicións, ‘Entre donas’, no que
un monllo de autoras xuntan as súas voces na reinvindicación da ollada feminina
que mude a nosa sociedade.
Tampouco podemos pasar por alto a
chegada á nosa lingua por primeira vez do ‘Poeta en Nova York’ de Federico
García Lorca coa traducción de Suso Díaz, asentando nas nosas letras a mellor
poesía do granadino como parte dun proceso de fornecemento do noso sistema cultural
ben necesario. Nesa liña tamén está a traballar de xeito meritorio a
pontevedresa editorial Kalandraka con diferentes traducións de títulos
sinalados da literatura universal como ‘Na estrada’ de Jack Kerouak.
Tamén nun ano coma este, no que se
celebra o centenario da Xeración Nós, merece o aplauso a escolma de textos
arredor desta xeración que Galaxia vén de sacar do prelo con diferentes
autorías que se mergullan nos seus protagonistas, dende os máis coñecidos
Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco ata nomes máis descoñecidos como Antón
Villar Ponte ou quen tan ligado estivo a Pontevedra, Antón Losada Diéguez.
Pero de novo a poesía é a que está a
converter a Galicia nunha referencia literaria en todo o estado. Os premios a
nivel nacional de Olga Novo ou Alba Cid, por libros editados o pasado ano,
renovan a forza das palabras das nosas poetas que seguen achegando poemarios
tan interesantes como os de Ana Romaní en Chan da Pólvora, ‘A desvértebra’;
ou ‘Gramo Stendhal’ de María Lado en
Apiario; e iso sen esquecer a voces maiúsculas da nosa poética, como Chus Pato
que presenta a súa ‘Obra completa’ en Euseino? Editores; ou Yolanda Castaño que
logrou o Premio Estandarte ao mellor Libro de Poesía coa antoloxía bilingüe ‘Un
cobertizo lleno de significados sospechosos’ (Milenio).
E seguindo coa poesía pero desta volta
asinada por homes destacar dúas presencias. Unha a reimpresión 25 anos despois
de ‘O valo de Manselle’ mítico texto poético de Anxo Angueira que a editorial
Apiario voltou a erguer de xeito prodixioso e a recente publicación dun
poemario póstumo do inesquecible Manuel Álvarez Torneiro que da man da
colección Tambo de Kalandraka pon ante nós ‘Clave de bóveda’o que supón un
inesperado agasallo e unha recuperación do acubillo da palabra de Álvarez
Torneiro como xeito de iluminar a vida. Un libro que ademais chega acompañado
de dous pequenos debuxos doutro inesquecible, o pintor Manuel Moldes.
A memoria é parte fundamental de
calquera escrita. Un xeito de entender como somos en base a un pasado moitas
veces esquecido. A editorial Alvarellos dende esa vertente achega dous libros
imprescindibles ‘Federico García Lorca en Santiago de Compostela’, a cargo de
Henrique Alvarellos seguindo as pegadas da presenza lorquiana en Compostela e
‘Aramados’, a recuperación do relato de Manuel García Gerpe da súa experiencia
nun campo de concentración entre 1939 e 1941.
Non están todos os que son pero si que
son todos os que están, nesta mirada puramente persoal, de lecturas e abofé que
con máis dun esquecemento.
Publicado no Diario de Pontevedra 27/12/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario