Saga/Fuga
VIVIMOS
tempos complexos. Tempos nos que é difícil conxugar o verbo viaxar, de aí que
este ‘Pontevedra. Cuaderno de viaxe’, asinado por José Benito García, no
apartado dos textos, e Alex Vázquez nas súas ilustracións, sexa unha invitación
para resistir ante esta situación tan estraña chea de limitacións a nosa
mobilidade. Entendámolo como unha forma de resitencia dende Pontevedra, coa
sorte de ter unha cidade tan fermosa e con tantas posibilidades para
converterla no centro dunha viaxe que abofé traerá unha chea de sorpresas.
Adoitamos
desprezar aquilo co que convivimos. Escenarios que dende a nosa cotidianeidade
entendemos faltos de valor polo noso contacto diario, teimando en poñer o noso
ollo noutras xeografías ou itinerarios para convertelos en destino das nosas
viaxes de lecer. Tanto José Benito García como Alex Vázquez ofrécennos neste
libro, coidadosamente editado, unha ferramenta moi útil para que acompañe esa
viaxe pola nosa cidade. O seu formato, ideal para meter nun abrigo ou nun bolso
e de fácil manexo, temos que entendelo como unha invitación a percorrer a
cidade, a compartir a súa visión e a coñecer aquilo que se agocha tras a súa
fermosura como ámbito urbano.
Os
feitos históricos, os detalles, as curiosidades, as lendas, os datos ou os
nomes que manexa José Benito García son ese relato que nos configurou como
cidade e como sociedade ao longo dos séculos. Palabras sobre as que se apoian
as ilustracións feitas por Alex Vázquez para converter cada recuncho elexido
nun sopro de vida, a representación daquilo que baila ante os nosos ollos como
a celebración da nosa colectividade. Espazos que forman parte de nós e que Alex
Vázquez recrea cunha incríble sutileza, unha intuición que substitúe o que
podería ser un debuxo máis rematado ou máis preciso na súa intención. O certo é
que con esa decisión aumenta a nosa relación con cada unha desas estampas, con
eses escenarios cos que o noso ollo xoga a completar en base a lembranzas da
nosa propia experiencia.
Non
pensemos que por vivir cada día en Pontevedra, por camiñar polas súas rúas unha
e outra vez, xa sabemos todo dela. Unha cidade, e máis esta, coa súa longa
historia a través dos séculos, é sempre unha sorte de cofre cheo de sorpresas.
Asegúrolles que camiñar por Pontevedra, cun ritmo diferente ao que empregamos
para ir aos nosos traballos ou as nosas ocupacións, permitiralles cambiar a súa
perspectiva sobre ela. Tenten dirixir a súa mirada cara onde non adoitan
facelo. Fíxense nos detalles dos nosos edificios históricos, nas prazas, nas
fontes, nas pontes, nos escudos, nos cruceiros, nas igrexas... en definitiva,
fagan o esforzo de coñecer máis alá de onde viven e asegúrolles que a
recompensa por facelo será moi grande.
Sigan
os pasos que se sinalan neste ‘Cuaderno de viaxe’ e fagan a súa propia viaxe,
tamén con esa parte de inocencia que ten que acompañar sempre a unha actividade
como esta, isto é, con gañas de coñecer, de aprender e de descubrir. Chántense
ante cada unhas destas sinais e abran o libro fronte a elas. Lerán a súa
historia e entenderán moitas cousas de porque cada espazo ten esa configuración
e, ao mesmo tempo, vexan a xenialidade de quen conxelou durante un instante o
que leva dende sempre xunto a nós. Pedras, humidades, memorias, sensacións sen
as que Pontevedra sería moi diferente, e nós tamén.
‘Pontevedra.
Cuaderno de viaxe’ é, daquela, unha singular viaxe cara nós mesmos. Cara a nosa
alma colectiva.
Publicado no Diario de Pontevedra 4/12/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario