venres, 18 de decembro de 2020

Resistencia cultural

 Saga/Fuga




MOVÉMONOS na incerteza. Nunha zona de areas movedizas na que todo o que facemos ou tentamos facer permanece en corentena ante o inesperado deste tempo pandémico que máis que nova realidade é unha nova irrealidade, polo que ten de estraño e distópico.

Nesa paisaxe tamén se move a cultura, un dos grandes territorios afectados por esta crise e á que se non se mira tanto porque non bate unhas tixolas polas rúas ou quizais porque está máis afeita ao sufrimento silencioso, a sentirse orelada da comunidade e afeita a moverse na resistencia permanente. Xa pasaron moitos meses e tiveron lugar moitas accións culturais en cinemas, teatros, salas de exposicións, etc... para poder valorar o ámbito cultural como un espazo de contaxio cero, coas medidas precisas, para non axitar os avispeiros dos que sempre miran á cultura cunha distancia que pouco fan por acortar.

O importante é seguir mantendo tenso ese fío da cultura, esa conexión entre programacións e espectadores para que todos poidamos seguir batendo as alas da liberdade que nos concede a cultura. E son precisamente esas alas as que están a axitar a semana cultural dunha Pontevedra que se converte nun niño creativo privilexiado por esta nova edición do Festival Novos Cinemas. Eses paxariños que enchen a cidade anunciando o festival e que forma parte da cabeceira visual realizada pola cineasta Elena Duque, ademais de ser unha fermosura por si mesmos, son unha sutil metáfora da necesidade de delicadeza nestes tempos de cifras desoladoras, palabras desmesuradas e medos que amosan a nosa fraxilidade. Uns paxariños que son a porta de entrada ás proxeccións nese recinto sagrado e máxico que sempre é unha sala de cine, tamén a través da rede e de Filmin, un desfiladeiro para chegar ao visionado do traballo de xente de todo o mundo que amosa o seu talento en imáxenes para tentar descifrarnos. Tanto a sección oficial do Festival como as diferentes seccións que o compoñen son un envexable espazo no que asomarnos a nosa sociedade dende a visión duns creadores que sin estes espazos afogarían ante o desprezo da contorna.

Que Concello de Pontevedra, Universidade de Vigo, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, a través dese exitoso AGADIC que botamos tanto de menos dende outras expresións artísticas para artellar a súa dinamización, traballen xuntos e os vexamos nas fotografías do Festival como o pulo preciso para que flúa o talento, é tamén unha mostra do que precisamos nestes tempos de arrimar todos o ombreiro nunha mesma dirección.

É tempo, polo tanto, de gozar de nomes como os de Luis López Carrasco, Nuria Giménez, Andrés Goteira ou Lois Patiño, entre tantos outros que participan deste encontro de resistencia cultural, neste dobrarlle o brazo nun pulso ao desacougo existencial. Eles, e todo o universo cinematográfico que nestes días nos acompañan a carón do Lérez, son o mellor xeito de amosar a nosa esperanza no futuro e de facer da cultura o medio máis firme para navegar nese mar baixo a noite pecha na que nos atopamos, e no que estamos a escoitar cada día ese berro do monstro que dun xeito tan poderoso nos amosou Lois Patiño coa súa inaugural ‘Lúa vermella’.

Cos ceos tinxidos de vermello, a escuridade dun cine convértese hoxe en día nun acougo físico e mental do que non podemos prescindir, parabéns aos que seguen mantendo en pé esa posibilidade, tanto dende o apoio económico como da organización dunha cita de resistencia e de cultura, dunha cita que xa é parte da cidade.




Publicado no Diario de Pontevedra 18/12/2020

Fotografía: O director Lois Patiño entre representantes das institucións que patrocinan o Festival e os organizadores na xornada inaugural de Novos Cinemas (Gonzalo García)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario