luns, 3 de xaneiro de 2022

No tempo dos pel vermella


O pulo dos novos nomes da nosa escrita, o Premio Nacional de Xesús Fraga e todo o que rodeu a Xela Arias marcaron este ano literario

 


Os dous coincidieron na presentación das súas novas novelas no Culturgal e fixérono acompañados por Manuel Rivas. Unha fotografía que tiña moito de afirmar o relevo xeracional dunha fornada de autores que están a converter a Galicia en toda unha referencia no literario, xa non só dende a calidade, que sempre a houbo, senón tamén dende a cantidade de nomes que nos engaiolan coas súas historias sen renunciar a esa calidade. Alí estaban Ledicia Costas e Diego Ameixeiras coa súas novelas recén saídas do prelo, ambas editadas por Xerais, amosando ese novo fulgor dos que o propio Manuel Rivas calificou como os «pel vermella» da nosa escrita. Mozos e mozas que non deixan de pescudar novos vieiros cos que expresarse, exploradores inquedos na conquista de novos territorios dende os que argallar historias que, como acontece nestes dous casos, sinalan tamén a nosa sociedade e a moitas das súas eivas, nun claro compromiso co que nos rodea, Así é como ‘Golpes de luz’ de Ledicia Costas e ‘O cervo e a sombra’ de Diego Ameixeiras, convértense para min nas dúas mellores obras de narrativa deste ano no noso país.

Unha narrativa galega que recibiu un enorme respaldo coa concesión a Xesús Fraga do Premio Nacional de Narrativa pola súa obra ‘Virtudes (e misterios)’ e que non era quen de levar a nosa lingua dende o ano 2003, cando Suso de Toro acadou este galardón con ‘Trece badaladas’. E dentro desa narrativa merecen a pena moitos outros títulos que se publicaron ao longo do ano. Así é como podemos citar varios libros que, dende a edición de Xerais, non debemos esquecer: ‘Sibila’ de Rosa Aneiros, ‘O peso do cerebro’ de Xesús Constela, ‘Nus’ de Manuel Gago e ‘Deixádenos Remar’ de Ana Cabaleiro.

Tamén títulos como ‘A vida secreta de Úrsula Bass’ (Galaxia) de Arantza Portabales, ‘O rosario e a buguina’ (Galaxia) de Ricardo Losada, a gañadora do premio Torrente Ballester do pasado ano e ‘Pazo de inverno’ de Alberto Lema, que acadou o Premio García Barros. Tamén nesta editora dous libros a salientar, xa que foron gabados con sendos recoñecementos, o Premio de Narrativa Breve Repsol, ‘Eternity’, asinado por Xosé Monteagudo e o Premio de Narrativa Illa Nova, ‘Oito días sen Eva Cortés’, escrito pola xornalista Sara Vila. Por rematar con este selo de Galaxia non se pode esquecer a culminación dun inxente proxecto como foi o de facer a biografía de Castelao e que baixo o título de ‘Castelao. Construtor da nación’ permitiu que Miguel Anxo Seixas a levase a bo porto, ao publicarse nestes derradeiros días do ano o terceiro tomo da que xa é, e será moi difícil de superar, a mellor biografía do autor de ‘Cousas’.

Se houbo nas nosas letras outro fito a salientar ao longo deste ano xunto a ese Premio Nacional de Xesús Fraga foi o tremor que significou todo o que rodeou a designación de Xela Arias como protagonista do Día das Letras Galegas, espallándose ao longo de todo o ano unha serie de publicacións que abordaron a súa figura achengándoa aos lectores dende as súas diferentes perspectivas, ao tempo que se lograba unha complicidade cos lectores e a sociedade como facía tempo que non se daba neste tipo de celebracións.

‘Lixeiro’ o último libro de poemas de Ismael Ramos, xunto con ‘Os paxaros e outros poemas’ de Daniel Salgado amosan a confirmación de dous poetas que levan xa varios anos facendo forza para ocupar ese lugar. Tamén para pelexar, ou mellor dito para medirse, con toda esa nova xeración de mulleres que ocupa nos últimos anos a cabeceira da nosa listaxe poética. Ambos realizan unha proposta íntima de observación das súas contornas, un exercicio de exploración persoal para afirmar cal é a súa posición ante esa sociedade a esculcar.

A carón destes poemarios atopamos outros ben interesantes. A nova achega literaria da xornalista cultural Pilar García Rego, ‘Humanario’ (Galaxia), volve a abraiarnos fronte a quen estivo demasiado tempo oculta nesta posibilidade creativa co plantexamento dun itinerario case de supervivencia ante a desolación e o medo. Do mesmo xeito ‘Trevo’ de Manuel Seixas (Galaxia) establece unha serie de vieiros polos que moverse na procura do acougo ante a revelación do noso fraude como especie que o tempo fuxidío enche de interrogacións. Luís Rei chegou ao final do ano co seu novo monllo de poemas baixo o título de ‘As sílabas do mundo’, coa edición de Kalandraka. Nel atopamos un percorrido vital, onde a felicidade e o do, amósanse como as dúas caras dunha existencia na que a memoria é o activo no que se acubilla o poeta para interpretar o almacén da vida. Outras recomendacións serían as que vén de editar Apiario: ‘O que fica fóra’ de Manuel Rivas e ‘Ave do paraíso’ de Lorena Conde, e ‘A timidez cas copas’ de Ruth Lodeiro en Laiovento.

E remato este recordatorio onde tantos faltan, pero o lido lido está, con ‘Que hostia din os rumorosos?’ do grupo Rompente e que nos deixou unha xoia poética e visual da man da editorial Elvira para lembrar a radical vixencia dos Reixa, Romón e Avendaño xunto á plástica de Antón Patiño.



Publicado no Diario de Pontevedra 31/12/2021

Ningún comentario:

Publicar un comentario