domingo, 17 de marzo de 2019

De xira

Foguetes verdes (20)
As celebracións do bicentenario do Museo do Prado chegan a Pontevedra da man dun cadro, dun espectacular retrato firmado polo Greco, que vivirá un mes no Museo de Pontevedra


É UN SÓ cadro pero é un cadro dun dos pintores máis sobresaíntes da historia da pintura. O retrato do médico Rodrigo de la Fuente de El Greco (Creta, 1541-Toledo, 1614) converterase ao longo do mes no que estará entre nós, nun marabilloso xeito de enfrontarse á pintura daquel pintor de orixe cretense e que se trasladou a Toledo cheo de influencias bizantinas e venecianas que soubo asimilar dentro dunha linguaxe singular fronte á de calquera outro pintor.
De xira por España’ é unha proposta feita dende o Museo do Prado co gallo das celebracións do seu bicentenario. A pinacoteca máis importante do mundo plantexa así a cesión dalgunha obra de especial relevancia dos seus ricos e variados fondos a diferentes museos de toda España, un por cada comunidade. En Galicia esa celebración chega o luns ao Museo de Pontevedra, non por casualidade, senón porque este ten como depósitos ata setenta e seis obras procedentes do centro madrileño, algunhas delas xa dende a mesma creación do Museo de Pontevedra en 1929.
A obra que se escolleu foi o retrato dun médico que se pintou entre 1582 e 1585. Un médico ao que as atribucións dende principios do século XIX relacionan co doutor Rodrigo de la Fuente, en base ao parecido que amosa con outro retrato ben identificado dese médico e que se atopa na Biblioteca Nacional. Pero o que tamén se sabe é que o doutor de la Fuente era amigo do pintor e un dos fillos do médico foi superintendente do Alcázar de Madrid onde se atopaba este cadro en 1686. Pasou logo ao Palacio del Buen Retiro en 1734 chengando ao Museo do Prado en 1819. A importancia que se lle daba a este lenzo reflíctese no dato de que en 1833 era o único cadro do Greco exposto no Muso do Prado, mentres os demais estaba agochados nos seus almacéns.
O retrato segue a maneira clásica, con raíces venecianas, territorio que coñecía ben o pintor ao pasar alí tres anos. Naquel espazo encheuse dos postulados renacentistas abandoando o primitivismo ou a rixidez orientalizante da súa terra natal en favor dun maior naturalismo. A outra gran achega de Venecia á súa pintura foi a cor, da que xa non se puido liberar o resto da súa vida, e así nos seus cadros a cor xorde como un lóstrego de luminosidade.
O retrato, como gran xénero da pintura, aquí interprétase de maneira maxistral. Un home xa maior, vestido á maneira da época, de negro e cos puños e ‘gorgera’ brancos, apoia a súa man sobre un libro, abofé un tratado de medicina, símbolo do seu labor e do seu coñecemento. Tamén a sortella que leva no seu dedo pulgar é outro símbolo médico, xa que con esa xoia se medía o pulso do paciente. A calidade do lenzo é evidente, a capacidade do pintor por captar os rasgos do representado dan boa conta do maxisterio de quen fixo do retrato unha das súas grandes achegas á historia da pintura. Non só en retratos individuais, senón nos seus grandes cadros colectivos, como pode ser o famoso ‘Enterro do Conde de Orgaz’, os personaxes non son só recheo, senón que adoitan ser figuras da época e da súa sociedade.
O cadro non estará só no Museo de Pontevedra xa que xunto a el situaranse dous lenzos. ‘A expulsión dos mercaderes do templo’ e ‘San Pedro e San Pablo’. O primeiro unha copia saída do propio taller do Greco e o segundo un cadro que estivo, nalgún momento, atribuído ao fillo do pintor e que foi o seu discípulo.
Ata o 21 de abril podemos gozar deste Greco en terras galegas que vense a sumar aos dous cadros do pintor que se gardan no Colexio do Cardenal en Monforte de Lemos, un ‘San Lorenzo’ e un San ‘Francisco’.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 15/03/2019



Ningún comentario:

Publicar un comentario