Foguetes verdes (20)
As celebracións do bicentenario do Museo do Prado chegan a Pontevedra da man dun cadro, dun espectacular retrato firmado polo Greco, que vivirá un mes no Museo de Pontevedra
As celebracións do bicentenario do Museo do Prado chegan a Pontevedra da man dun cadro, dun espectacular retrato firmado polo Greco, que vivirá un mes no Museo de Pontevedra
É UN SÓ cadro pero é
un cadro dun dos pintores máis sobresaíntes da historia da pintura.
O retrato do médico Rodrigo de la Fuente de El Greco (Creta,
1541-Toledo, 1614) converterase ao longo do mes no que estará entre
nós, nun marabilloso xeito de enfrontarse á pintura daquel pintor
de orixe cretense e que se trasladou a Toledo cheo de influencias
bizantinas e venecianas que soubo asimilar dentro dunha linguaxe
singular fronte á de calquera outro pintor.
‘De xira por España’
é unha proposta feita dende o Museo do Prado co gallo das
celebracións do seu bicentenario. A pinacoteca máis importante do
mundo plantexa así a cesión dalgunha obra de especial relevancia
dos seus ricos e variados fondos a diferentes museos de toda España,
un por cada comunidade. En Galicia esa celebración chega o luns ao
Museo de Pontevedra, non por casualidade, senón porque este ten como
depósitos ata setenta e seis obras procedentes do centro madrileño,
algunhas delas xa dende a mesma creación do Museo de Pontevedra en
1929.
A obra que se escolleu
foi o retrato dun médico que se pintou entre 1582 e 1585. Un médico
ao que as atribucións dende principios do século XIX relacionan co
doutor Rodrigo de la Fuente, en base ao parecido que amosa con outro
retrato ben identificado dese médico e que se atopa na Biblioteca
Nacional. Pero o que tamén se sabe é que o doutor de la Fuente era
amigo do pintor e un dos fillos do médico foi superintendente do
Alcázar de Madrid onde se atopaba este cadro en 1686. Pasou logo ao
Palacio del Buen Retiro en 1734 chengando ao Museo do Prado en 1819.
A importancia que se lle daba a este lenzo reflíctese no dato de que
en 1833 era o único cadro do Greco exposto no Muso do Prado, mentres
os demais estaba agochados nos seus almacéns.
O retrato segue a
maneira clásica, con raíces venecianas, territorio que coñecía
ben o pintor ao pasar alí tres anos. Naquel espazo encheuse dos
postulados renacentistas abandoando o primitivismo ou a rixidez
orientalizante da súa terra natal en favor dun maior naturalismo. A
outra gran achega de Venecia á súa pintura foi a cor, da que xa non
se puido liberar o resto da súa vida, e así nos seus cadros a cor
xorde como un lóstrego de luminosidade.
O retrato, como gran
xénero da pintura, aquí interprétase de maneira maxistral. Un home
xa maior, vestido á maneira da época, de negro e cos puños e
‘gorgera’ brancos, apoia a súa man sobre un libro, abofé un
tratado de medicina, símbolo do seu labor e do seu coñecemento.
Tamén a sortella que leva no seu dedo pulgar é outro símbolo
médico, xa que con esa xoia se medía o pulso do paciente. A
calidade do lenzo é evidente, a capacidade do pintor por captar os
rasgos do representado dan boa conta do maxisterio de quen fixo do
retrato unha das súas grandes achegas á historia da pintura. Non só
en retratos individuais, senón nos seus grandes cadros colectivos,
como pode ser o famoso ‘Enterro do Conde de Orgaz’, os personaxes
non son só recheo, senón que adoitan ser figuras da época e da súa
sociedade.
O cadro non estará só
no Museo de Pontevedra xa que xunto a el situaranse dous lenzos. ‘A
expulsión dos mercaderes do templo’ e ‘San Pedro e San Pablo’.
O primeiro unha copia saída do propio taller do Greco e o segundo un
cadro que estivo, nalgún momento, atribuído ao fillo do pintor e
que foi o seu discípulo.
Ata o 21 de abril
podemos gozar deste Greco en terras galegas que vense a sumar aos
dous cadros do pintor que se gardan no Colexio do Cardenal en
Monforte de Lemos, un ‘San Lorenzo’ e un San ‘Francisco’.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 15/03/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario