domingo, 24 de marzo de 2019

Feliz Idade

Foguetes verdes (21)
A palabra de Olga Novo cítanos no territorio físico da Pobra do Brollón para esculcar no paso do tempo, na herba que medra como raigame dunha xenealoxía que se perpetúa na súa filla


OS ELOS DA FAMILIA, semente dun espazo físico, son o alento deste poemario que deixa ao lector sen folgos cando chega ao seu remate. Unha lectura chea de matices, de forza e forzas telúricas que, partindo da propia terra, mestúranse coa capacidade do ser humano de amar. O amor que todo o enche, o amor polo pai, o amor cauterizado nunha filla. Dúas liñas temporais que son unha soa. Aí, xusto aí, é onde fica a poesía de Olga Novo (A Pobra do Brollón, 1975), como un fito vital, a sinalización dese tránsito do pai á filla e á neta.
É unha escrita coa tinta da emoción e sobre o gume da liña da vida, no que a poeta é quen de enlearnos pola contundencia dunha poesía que non deixa recantos para a distracción. A perda do pai e a chegada dunha filla colocan á nosa protagonista no medio dunha estirpe e no miradoiro que permite recuperar o amor infindo por quen marchou pero que deixou  a súa pegada nos camiños polos que pasou un tractor ou a oralidade dos poemas que xorden «cando o trigo se deita ante unha orde do vento». Dende ese miradoiro privilexiado recupérase unha memoria que se converte tamén no camiño da liberdade, da necesidade de ser amada e da celebración da Feliz Idade de Lúa, a recén chegada. O abrente dunha nova dimensión temporal que xorde do feito de parir, da chegada a ese territorio inzado de sentimentos como é a aldea, e que se amosa como a cápsula na que o latexo orgánico da familia resiste e mantén todo o seu sentido fronte ao exterior.
O poemario divídese en sete partes, unha estructura na que chegamos a entender unha certa fractalidade nese camiño, nese superar diferentes aneis da vida que se engurran entre si. Azares, estructuras, preguntas ou emocións súmanse para xerar ese itinerario convulso no que se hai unha realidade incuestionábel é a que vén dada pola terra e a nosa pertenza a ela. «Dei a volta e comín terra/só para coñecer o teu sabor/e o pracer mineral da miña lingua», escribe Olga Novo nun poema, ‘Amor fou’, que causa estremecemento e no que reflicte toda a súa existencia dende o apego a súa contorna, á familia e á unha lingua que quizais son todo a mesma cousa, a fiel dimensión na que se establece Olga Novo para sentir o que é estar viva e procurar acadar unha harmonía imposíbel de lograr sen a conxunción de todos eses elementos. Ese poema pecha o libro como unha fotografía en movemento na que rexistramos todo o que supón facer poesía, converténdoa no compás que resume o paso dunha persoa pola vida.
Dende 2011 non tiñamos novidades na poesía de Olga Novo. Oito anos que abofé son os que fixeron levedar esta ‘Feliz Idade’ de territorios e latexos, de familia e natureza que constrúen un libro que non semella un libro máis. Un esforzo dende a poesía por poñer palabra onde os sentimentos se preguntan a si mesmos sobre as súas canles para afirmarse como parte de nós mesmos. A palabra ponlle corpo a todo iso, a palabra é o refuxio amniótico fronte unha realidade exterior da que tantas e tantas veces paga a pena fuxir. «A poesía move obxectos na distancia», é o comezo dun deses poemas dos que un non se poderá afastar durante moito tempo. Nesa liña inicial a poesía revela a súa forza para nomear, pero tamén para sentir no noso interior como as cousas poden mudar dende ese rol da palabra.
Feliz Idade’ que Kalandraka edita dentro do seu selo poético ‘Tambo’, é a necesidade que tempos de ter na poesía un acubillo para sentir que o máis próximo a nós converxe cara a posibilidade de ser o que nos faga mellores, o que acade unha digna beleza sempre e cando nos demos conta do seu valor.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 22/03/2019


Ningún comentario:

Publicar un comentario