DESPERÉZANSE
con setembro moitas das accións e iniciativas culturais que van a
marcar o noso curso vital ata a chegada do verán. Sempre tan lonxe
pero cada vez máis preto. En Pontevedra son moitas as entidades que
estes días poñen en marcha as súas actividades renovando así, un
ano máis, o seu compromiso coa cultura e tamén coa cidade. Co
Cineclube xa programando dende fai unhas semanas o pasado luns foi o
Ateneo de Pontevedra o que arrincou a súa xeira de actos, tan
diversos nas súas propostas, como felices nas súas achegas aos seus
socios, pero tamén á cidadanía en xeral, xa que os seus actos son
sempre abertos ao público.
Dende 1965, dise
pronto, e un pouquiño máis tarde que o Cineclube, ao que antes
citaba tendo ambos un nacemento común polos seus valentes
protagonistas, o Ateneo de Pontevedra leva axitando con maior ou
menor intensidade a alma cultural da nosa vila. Dende aquel primeiro
presidente, o inesquecible Alfonso Zulueta de Haz ata o actual, Xaime
Toxo, esta entidade tenta explicar ao ser humano dende as súas
facetas máis diversas, pero sempre coa áncora asentada na cultura e
as súas posibilidades para tentar mellorarnos no que sexa posible.
Cando Xaime Toxo, na
presentación dese primeiro acto que foi o de dar a coñecer a
edición comentada por Anxo Angueira de ‘En las orillas del Sar’
de Rosalía de Castro editada por Xerais, daba a benvida a este novo
curso viña a revelar esa especie de milagre que é que unha entidade
cultural con escasas posibilidades económicas siga un ano máis
ofrecendo espazos de interacción entre creadores e o público,
achegando propostas tan interesantes para coñecernos como a deste
luns na que Anxo Angueira pronunciou unha conferencia marabillosa
sobre este poemario de Rosalía de Castro e o proceso de creación
así como o desenvolvemento das poesías desta muller aínda hoxe
insuperable na súa concepción poética, é como se comprobou na
Casa das Campás, lugar no que se desenvolveu o acto grazas á
impagable colaboración da Universidade de Vigo co noso tecido
cultural, defendendo o que é a nosa identidade como poucas palabras
das que viñeron despois dela.
Cada acto do Ateneo de
Pontevedra ou cada sesión deste revitalizado e afouto Cineclube
convértense nun berro de esperanza ante a unha sociedade que semella
afastarse das pegadas da cultura, poñéndose de costas a ela e sen
ter a consideración que merece. Ese berro lévanos tamén a lembrar
e gabar a todos os que durante máis de cincuenta anos foron
sementando para que ambas entidades sigan en pé e sigan facendo de
Pontevedra unha referencia da cultura, pero non desa cultura do
espectáculo senón da cultura do día a día, a cultura da xente que
se xunta para escoitar, para falar e para pensar, en definitiva, para
medrar como seres humanos.
Contemplar
a Xaime Toxo, Ana Acuña, Anxo Angueira e Fran Alonso falando arredor
de Rosalía de Castro tras as novas edicións de 'Cantares Gallegos',
'Follas Novas' e 'En las orillas del Sar' foi un comezo de curso
perfecto por parte do Ateneo, convocándonos arredor desa muller
fundacional da nosa mellor escrita e cuxa obra aínda hoxe segue
sendo un manancial inesgotábel do que segue a manar unha auga fresca
que non deixa de abraiarte. Algúns dos poemas alí comentados,
referidos a situacións como a emigración ou o ecoloxismo, beliscan
a pel pola intuición da súa creadora, polo compromiso cunha terra á
que tanto ela como os que seguen a defender a cultura e o pensamento
dende diferentes asociacións honran cada día.
Publicado no Diario de Pontevedra 27/09/2019
fotografía. Presentación do libro 'En las orillas del Sar' na primeira sesión do Ateneo de Pontevedra deste curso. (Rafa Fariña)