sábado, 22 de febreiro de 2020

Sexamos ambiciosos




POR FIN se moveu ficha dende Madrid para recuperar o uso do gran edificio da antiga sede da Delegación de Facenda en Pontevedra. Un espazo que pola súa ubicación e pola súa capacidade ten que ser unha das grandes apostas que se fagan dende Pontevedra polo futuro, non só do contedor, senón tamén da propia cidade.
Tanto ese emprazamento, no mesmo corazón da cidade, como as potenciais posibilidades que ten o seu interior, deberían facer que sexamos ambiciosos no uso que ten que ter este edificio. Fálase de convertelo no gran arquivo da cidade, e non serei eu (que son do gremio) quen negue a necesidade de conservar e difundir materiais que forman parte da nosa historia e que nos explican como colectivo. Pero tamén entendo que ese tipo de edificios teñen uns usuarios moi restrinxidos, xente cun perfil moi especializado e que nos levaría a perder a ocasión de facer un edificio moito máis accesible á cidadanía, aberto á cidade, que debería ser un dos eixos da súa utilidade. Cada organismo dos cales se queren reunir os seus arquivos nun edificio central tería que ter a sensibilidade suficiente para o seu coidado en condicións óptimas dentro das súas propias instalacións (un bo exemplo é o da Deputación), concedéndolle así o valor que esa documentación xerou ao amparo de cadansúa institución ao longo do tempo.
Vivimos tempos complexos, nos que propiciar a reflexión sobre nós mesmos tería que ser unha das nosas identidades como sociedade, e algo que nos debería ocupar moito máis tempo, facéndoo dende disciplinas como a creación, o pensamento, a urbanidade, a sostenibilidade, a tecnoloxía... É por iso que, ao igual que noutros centros como poden ser o Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB) ou o máis recente na súa posta en marcha, Centro Conde Duque de Madrid, recuperar un edificio do pasado para pensar o noso presente e tentar medir o futuro, sería algo moito máis interesante para o noso desenvolvemento social.
Refírome a espazos multidisciplinares adicados a entender a sociedade contemporánea con accións e actividades adicadas aos diferentes segmentos da poboación, dende o público máis novo ao máis adulto. Festivais creativos, conferencias, encontros literarios, salas de lectura ou de acceso ás novas tecnoloxías ou exposicións, poden dialogar tamén con parte da nosa memoria a través da convivencia con algún tipo de arquivo da cidade que non monopolice toda a infraestrutura. Ese espazo atractivo e aberto á cidadanía, que propicie o encontro coa pluralidade do que somos, pode ser tamén un bo alento para comezar a ensarillar ao público máis novo con este tipo de iniciativas do ámbito das humanidades.
Falaba de ambición e iso ten que ser o que nos mova para seguir facendo de Pontevedra unha cidade referente en moitos ámbitos que conviven co noso tempo e aos que outras cidades estanse sumando tarde. Aproveitemos este paso adiante na recuperación deste edificio e pidamos aos nosos xestores a ambición necesaria para mirar o futuro en común. Abordar un proxecto destas características ten que xuntar casi de maneira obrigada a varias das nosas principais institucións para fornecer un itinerario do que aproveitarnos todos. É importante ter presente o pasado ante calquer paso adiante, temos que conservar e manter aquilo que fomos, pero tamén temos que pensar o que somos hoxe e o que pode ter un maior aproveitamento para esta sociedade tan diferente a cómo o era ata hai uns poucos anos, e para iso precisamos novas ferramentas.



Publicado no Diario de Pontevedra 21/02/2020
Foto: Antiga Delegación de Facenda de Pontevedra


Ningún comentario:

Publicar un comentario