POR FIN se moveu ficha
dende Madrid para recuperar o uso do gran edificio da antiga sede da
Delegación de Facenda en Pontevedra. Un espazo que pola súa
ubicación e pola súa capacidade ten que ser unha das grandes
apostas que se fagan dende Pontevedra polo futuro, non só do
contedor, senón tamén da propia cidade.
Tanto ese emprazamento,
no mesmo corazón da cidade, como as potenciais posibilidades que ten
o seu interior, deberían facer que sexamos ambiciosos no uso que ten
que ter este edificio. Fálase de convertelo no gran arquivo da
cidade, e non serei eu (que son do gremio) quen negue a necesidade de
conservar e difundir materiais que forman parte da nosa historia e
que nos explican como colectivo. Pero tamén entendo que ese tipo de
edificios teñen uns usuarios moi restrinxidos, xente cun perfil moi
especializado e que nos levaría a perder a ocasión de facer un
edificio moito máis accesible á cidadanía, aberto á cidade, que
debería ser un dos eixos da súa utilidade. Cada organismo dos cales
se queren reunir os seus arquivos nun edificio central tería que ter
a sensibilidade suficiente para o seu coidado en condicións óptimas
dentro das súas propias instalacións (un bo exemplo é o da
Deputación), concedéndolle así o valor que esa documentación
xerou ao amparo de cadansúa institución ao longo do tempo.
Vivimos tempos
complexos, nos que propiciar a reflexión sobre nós mesmos tería
que ser unha das nosas identidades como sociedade, e algo que nos
debería ocupar moito máis tempo, facéndoo dende disciplinas como a
creación, o pensamento, a urbanidade, a sostenibilidade, a
tecnoloxía... É por iso que, ao igual que noutros centros como
poden ser o Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona (CCCB) ou o
máis recente na súa posta en marcha, Centro Conde Duque de Madrid,
recuperar un edificio do pasado para pensar o noso presente e tentar
medir o futuro, sería algo moito máis interesante para o noso
desenvolvemento social.
Refírome a espazos
multidisciplinares adicados a entender a sociedade contemporánea con
accións e actividades adicadas aos diferentes segmentos da
poboación, dende o público máis novo ao máis adulto. Festivais
creativos, conferencias, encontros literarios, salas de lectura ou de
acceso ás novas tecnoloxías ou exposicións, poden dialogar tamén
con parte da nosa memoria a través da convivencia con algún tipo de
arquivo da cidade que non monopolice toda a infraestrutura. Ese
espazo atractivo e aberto á cidadanía, que propicie o encontro coa
pluralidade do que somos, pode ser tamén un bo alento para comezar a
ensarillar ao público máis novo con este tipo de iniciativas do
ámbito das humanidades.
Falaba de ambición e
iso ten que ser o que nos mova para seguir facendo de Pontevedra unha
cidade referente en moitos ámbitos que conviven co noso tempo e aos
que outras cidades estanse sumando tarde. Aproveitemos este paso
adiante na recuperación deste edificio e pidamos aos nosos xestores
a ambición necesaria para mirar o futuro en común. Abordar un
proxecto destas características ten que xuntar casi de maneira
obrigada a varias das nosas principais institucións para fornecer un
itinerario do que aproveitarnos todos. É importante ter presente o
pasado ante calquer paso adiante, temos que conservar e manter aquilo
que fomos, pero tamén temos que pensar o que somos hoxe e o que pode
ter un maior aproveitamento para esta sociedade tan diferente a cómo
o era ata hai uns poucos anos, e para iso precisamos novas
ferramentas.
Publicado no Diario de Pontevedra 21/02/2020
Foto: Antiga Delegación de Facenda de Pontevedra
Ningún comentario:
Publicar un comentario