xoves, 27 de febreiro de 2020

No corazón do fogo

Achegarse á mítica casa estudio de Leopoldo Nóvoa na Armenteira é recuperar o magnetismo da súa presenza

Interior da vivenda de Leopoldo Nóvoa na Armenteira coa cheminea
no seu centro (Javier Cervera-Mercadillo)

HAI AUSENCIAS que son un fondo baleiro. Pegadas de seres cunha forza tal que deixan coa súa morte un rastro que o tempo, por moito que o vaia modelando, é incapaz de borrar. Ao pasar uns minutos na vivenda e tamén estudio que Leopoldo Nóvoa creou como unha peza máis do seu traballo artístico a carón de Susana Carlson e co maxisterio do seu amigo e arquitecto Celestino García Braña, dámonos conta desa enerxía que un dos creadores máis importantes da nosa plástica deixou en cada un dos espazos que forman parte desta construción, aberta á pracenteira e inspiradora contorna do mosteiro de Armenteira.
Nese interior un percibe o tempo, o tempo do pasado dunha casa que foi antes que esta, pero tamén do tempo humano de quen a habitou. Un artista que entendeu a súa propia vida como parte dun proceso de creación que ía máis alá da concreción mental nunha obra de arte. Mobles deseñados por el mesmo, estruturas que xeran un ambiente no que as liñas e as materias parece manter presente na súa tridimensionalidade o que foi a súa obra. A lembranza inacabable do construtivismo de Torres García, ou o protagonismo dos materiais que pouco a pouco foron colonizando as súas superficies de traballo, deixan en cada unha das estancias o latexo de quen argallou todo isto, concedéndolle ao visitante esa sensación dunha personalidade inesgotable no tempo, alguén que manexou a súa obra como ferramenta para tentar ler o mundo, para calibrar cómo os acontecementos que rodearon toda unha vida podían formar parte dun discurso artístico. Un feito dunha grande complexidade e trascendencia ao manexarse Leopoldo Nóvoa no terreo da abstracción, onde a forza xorde non da representación fiel da realidade, senón dunha concreción sensorial, ao traducir a realidade a través do corazón e da mente do artista. Nese proceso este espazo en Armenteira era un laboratorio, a outra cara do seu atelier parisino, o espazo que se chantaba na súa terra orixinal, da que tanto tempo estivo afastado e á que cada vez máis precisaba volver. Escribe José Saramago na cita que da pé ao seu libro ‘A viaxe do elefante’, aquilo de que «Sempre acabamos chegando a donde nos esperan». Galicia esperou sempre por Leopoldo Nóvoa e Leopoldo Nóvoa construiu en Armenteira a súa gran árbore baixo a que dar acougo a súa alma ata o fin dos seus días, sen durmir (como fixera o seu veciño San Ero)  máis que o necesario para seguir medrando nas posibilidades da súa obra. Dende o incendio que arrasou o seu estudio de París, con toda unha vida dentro, o artista entendeu de xeito intelixente que as posibilidades da obra de arte o obrigaban a unha nova revisión do que estaba feito e a plantexar un novo camiño. En París a cinza venceu á luz, pero Leopoldo Nóvoa soubo ver na cinza a luz dunha nova obra. Un corazón que comezou a bater, un diapasón que dende entón afinou unhas pezas incríbles nas súas inesperadas conquistas.
É fermoso pensar nesa sólida cheminea de ferro ocupando o espazo central do gran salón como o corazón desta casa. O lugar no que a realidade dos materiais converteuse en materiais creativos, en cinzas que posteriormente pousábanse nos seus lenzos para xerar unha íntima paisaxe do exterior. Refírome ás guerras  que nos puxeron ante o espello da nosa propia miseria humana nesta pretendida civilizada Europa. ‘Next time the fire’. O Apocalipse. Sentimentos que aterraban nos cadros, pero que ao mesmo tempo deixaban unha pátina de trascendencia entre as pedras e o formigón dunha casa que tamén medraba ao tempo que o facía a súa obra.
«En que mundo estabas/se non chegaba a ti o frío da sombra,/o berro da cinza/no corazón do fogo». Escribiu, nun inmenso poema, o seu amigo Xavier Seoane. Frío, sombra, berro, cinza, corazón, fogo. Palabras dunha poesía que tamén son palabras da pintura de Leopoldo Nóvoa, quizais o pintor máis poeta dos que tivemos nesta terra, e algo diso tamén se mantén aínda flotando no aire da súa vivenda. A poesía é presenza dunha ausencia, condensar o incondensable, e iso é precisamente o que un sente nese fogar, nese estudio, entre cadros metidos en plásticos como poemas agardando polo papel, fronte a botes con materiais que quixeron ser verso ou pintura e agora son testemuñas de quen as concebiu. Emocións entre cadros, paredes e fotografías. Un milagro no tempo que tamén ten un heroe, como acontece en todo espazo mítico, o seu nome, Samuel Fontán, quen tanto o axudou para manexar as súas obras e quen mantén hoxe vivo este corazón de fogo como a mellor homenaxe a un creador eterno.



Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 22/02/2020


Ningún comentario:

Publicar un comentario