Foguetes Verdes (10)
O Museu de Arte
Antiga de Lisboa acolle un dos cadros máis engaiolantes da historia
da pintura, ‘As tentacións de San Antonio’ do Bosco. Un cadro
que xustifica toda unha viaxe
É CERTO QUE sobran os
motivos para achegarse a Lisboa. Percorrer as súas rúas, sentir o
latexar da súa vida portuguesa, seguir as pegadas de Fernando
Pessoa... sería innumerable a cantidade de atractivos que se agochan
nunha das capitais europeas máis fermosas. Pero as veces hai unha
serie de motivos que están aínda máis ocultos pero que posúen tal
capacidade de atracción e de sedución que poden ser o pulo para
realizar unha viaxe por si sós. En Lisboa un deses reclamos podería
ser un cadro, pero evidentemente non un cadro calquera, senón un
cadro firmado polo Bosco e que se garda na sala nº 61 do Museo de
Arte Antigua.
Cando un vai a un
espazo así non presta atención ao que vai pasando ante os seus
ollos. Cadros dunha enorme calidade nos que para nós destaca unha
gran sala adicada aos doce apóstoles asinados por Zurbarán. Pero no
Museo atopámonos cadros de Durero, Van Dyck, Tiepolo, Rafael ou
Lucas Cranach, só por citar algúns mestres da arte universal, e sen
esquecer a importante colección de pintura portuguesa na que
destacan os paneis de ‘San Vicente’ de Nuno Gonçalves, do século
XV.
Os pasos van nunha soa
dirección sabedor do tesouro que alí se agocha e as pernas tremen
ante a prevista emoción que chegará nuns poucos minutos. Intúese a
súa presenza pola acumulación de persoas (nada que ver co que
acontece con outros cadros e noutros museos) que nas anteriores salas
eran case un deserto, pero alí, son varias as que ante o tríptico
do Bosco dan voltas ao seu arredor, vendo tamén a parte traseira que
tamén está pintada, xa que serve de peche para o tríptico, ao
tempo que escoitan por uns auriculares as explicacións sobre o
contido do cadro. A peza, nun primeiro moito, non deixa tempo para
buscarlle explicacións ás esceas representadas xa que o espectador
só está abraiado ante o que alí se amosa. o rico e febril universo
creativo do Bosco, as zonas de escuridade e luz, a paisaxe, os
detalles das figuras, as formas monstrosas, a imaxinación
inagotable. A medida que pasan os minutos xa buscamos unha
explicación e é cando nos achegamos á historia representada, a das
tentacións de San Antonio, sendo cando adaptamos a xenialidade do
pintor a un discurso iconográfico.
O cadro, que formaba
parte da colección real ata a instauración en 1911 da República,
incorporouse á colección do Museo sendo, dende entón, unha das
súas pezas sobranceiras, máis aínda coa recuperación do Bosco nos
últimos tempos como un dos grandes mestres da pintura a partir de
grandes exposicións como a que no Museo do Prado levou este mesmo
cadro como peza importante da súa traxectoria. A súa parte
traseira, en grisalla, representa o prendemento de Cristo, así como
o Calvario subindo coa Cruz ás costas. O panel esquerdo do tríptico
amosa o voo e a caída de San Antonio, o central, de maior tamaño,
amosa as tentacións que sufriu o santo e os seus rexeitamentos.
Lujuria, brujería, gula, falsos ídolos... son algunhas desas
tentacións que asoman ante San Antonio do xeito máis inimaxinable
posible. Por último, o terceiro panel, amosa o momento da meditación
do santo, aínda non a salvo dalgunha tentación. Todo un
efervescente imaxinario plantexado na étapa final do pintor, cando o
mundo medieval tocaba ao seu fin e o Renacemento enchía Europa de
novas percepcións arredor do ser humano. O Bosco fixo iso tan
complexo para calquera creador como é xerar un universo propio a
través de símbolos e lecturas propias dese momento determinado,
respostando así, como calquera pintor, ao seu tempo, un tempo que se
pode recuperar dende Lisboa, xunto ao cauce calmo do Tajo e a carón
dunha obra mestra da pintura. Toda unha tentación.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 28/12/2018