|
Sanitarios ante o Hospital de Pontevedra fai uns poucos días (David Freire) |
Cando
se celebrou o debate de Investidura de Pedro Sánchez, o portavoz do PNV, o
sempre interesante cando sobe ao estrado, Aitor Esteban, tirou dun chiste xa
clásico dentro do ecosistema do humor vasco. Lembran? Aquel de dous vascos que
saíron a buscar setas polo monte, cando un deles atopou algo e chamou excitado
polo seu compañeiro de expedición. «Vén, vén, mira o que atopei!» E o outro
achégase a el ao tempo que o seu amigo lle amosa un carísimo reloxo Rolex que
estaba entre as follas caídas non chan. Poñéndolle unha cara de indignación
este lle espeta: «Pero vamos a ver, a que estamos, a setas ou a Rolex!».
Pois
isto vén a conto de que hai que estar ao que hai que estar. Se nos atopamos no
medio dunha pandemia, dun impacto sanitario e económico como nunca vimos na
nosa sociedade a nosa obriga, ao que temos que estar todos, ao cento por cento,
é a solucionar ou tentar paliar esa situación, e non a propoñer citas
electorais que o único que van a facer é confundirnos, distraernos e, como
sempre acontece con estes procesos, quentar uns ánimos entre a sociedade xa
demasiado alterados, sobre todo entre os políticos, e que ben pouco vai a
favorecer de cara a resolver o realmente importante.
Tanto
o PNV, que xa esqueceu o chiste, como o PP de Galicia, decidiron que no medio
deste tremor temos que ir a votar. Como vascos penso que non me van a ler
moitos, ou polo menos é posible que algún galego máis o faga, vou deixalos a
eles cos seus Rolex e nós imos a poñernos a buscar setas.
Asume
Feijóo, dende a publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto da
convocatoria electoral, un risco enorme, preocupándome moito máis o risco que
pode afectar a unha sociedade que se enfrontará a un proceso electoral moi
diferente, que o que asume o propio presidente e candidato, ante o intento de
revalidar unha nova maioría absoluta nun escenario que, por moito que se poida
pensar que ten atado e ben atado, pode non ser así. Os riscos de Feijóo
sitúanse en cómo mobilizar a certos grupos de poboación, fieis votantes
conservadores, que poden sentirse non moi cómodos ante o que supón dirixirse a
un colexio electoral, así como todo o que acontecerá nos días anteriores, xa
que non temos que esquecer que aquí non só falamos dunha data, senón de todo un
proceso, isto é, dende esa publicación no DOGA e ao longo dunha campaña que xa
veremos en que coordenadas se move. Fálase de menos mitins e progaganda, e o
crecemento de propostas nas redes e no audiovisual, o que agardamos se faga dun
xeito máis participativo para todos os actores electorais que o que estamos a
sofrir cunha Radio Televisión de Galicia instrumentalizada de xeito alarmante e
preocupante dende o partido no poder.
O
que está claro é que hai moitas incertezas, tanto no proceso, como nesa xornada
no 12 de xullo, e as incertezas sempre teñen un lado insondable que pode
voltear as perspectivas duns e doutros. O outro risco é como manexará a
poboación a desescalada, se os brotes do virus (xa asumidos por todos) virán
cando se esperan polo presidente e os seus asesores, sendo esta unha das
motivacións para elexir a data, ou antes, en pleno verán. Como ven todo areas
movedizas, ao que hai que engadirlle outro terreo ben feble, por moito que nos
pese, e que tamén marcará o sentir dos galegos á hora de exercer o seu voto.
Falo dunha economía sometida tamén aos efectos da Covid-19 e a progresiva
activación dos diferentes sectores que tenten facer esta travesía polo deserto
o máis sinxela posible. Pois con esta axitación á que todos os nosos dirixentes
e funcionarios públicos, oposición, cidadáns, medios de comunicación e todo
aquel que forme parte da sociedade galega, teríamos que prestarlle a nosa única
atención coa maior unidade posible, acontece que non vai a ser así, situándonos
fronte a esa fenda no chan que sempre son unhas eleccións. Ao mellor é unha
tontería, pola súa simplicidade e incluso por unha lóxica desterrada totalmente
xa das nosas mentes políticas, o pensar en evitar ao longo do verán o maior
número de contaxios, en frear a crise económica na medida en que se poida e
logo, despois deste impredecible verán, xa máis tranquiliños, botarnos a votar
como se non houbera un mañá. Porque ao mellor resulta que non hai rebrote en
setembro, ou si; ou en outubro, ou si; ou en novembro, ou si... e así
poderíamos chegar ata o vindeiro ano. Dúbidas e máis dúbidas nun contexto
excepcional.
Agora
xa está feito e teremos que ir a coller setas en pleno mes de xullo, que todos
sabemos que non é a mellor época, e para iso temos que ollar ao feito durante a
lexislatura que é o que realmente se ten que valorar nas eleccións. Outra
incertidume máis para o votante que, con este shock ao que estamos sometidos,
poderase decantar por facer a súa escolla só en base ao acontecido nas últimas
semanas e non nos últimos catro anos. E como a sanidade é onde todos temos
posta a nosa máxima atención nestes días pois resulta que o Partido Popular non
ten precisamente aí onde máis presumir. Lonxe das mensaxes institucionais a pé
de rúa sabemos ben da precariedade laboral dos sanitarios, do maltrato á
sanidade primaria, da perversión do sistema público en beneficio da sanidade
privada, dos recortes en recursos e a perda de camas, realidades que se
converteron en ‘hilillos de plastilina’ cos acontecementos vividos en Verín que
ante a revolta do pobo e a súa repercusión mediática, obrigaron a recoller
velas e poñer en corentena os plans previstos dende a Consellería de Sanidade.
Fronte
ao Partido Popular está clara a relación de forzas que tentarán frear á maioría
absoluta de Feijóo, cun PSdeG, BNG e Galicia en común que terán, tamén na
sanidade, o punto de arrinque da campaña para engaiolar aos seus votantes. O
PSdeG de Gonzalo Caballero, ademais de defender o feito polo Goberno de Pedro
Sánchez ao longo da pandemia, plantexará unha das poucas certezas desta campaña
como é que o voto a Feijóo, coa papeleta coas siglas do PP, é o voto a Pablo
Casado, Cayetana Álvarez de Toledo, Teodoro García Egea ou Ayuso, isto é, un PP
que dende Madrid estará ben atento aos votos dos galegos para validar con eles
a súa oposición chea, como voltamos a comprobar onte mesmo, de rencores e
atrancos á todo o que supoña axudar a un país que sairá desta, para vergoña dun
Casado quen nin sequera sería elexido como delegado da súa clase no colexio. O
BNG tirará do potencial da súa candidata, Ana Pontón, do relevante papel que un
só diputado foi quen de plantexar en Madrid, así como a posta en valor de
xestiones públicas exitosas, como a realizada en Pontevedra, e a revelación
desta pandemia como é facer da contorna e as súas posibilidades o espazo máis
acaído para o desenvolvemento social das persoas. Galicia en Común, liderada
por Gómez Reino, tentará mitigar as súas permanentes fracturas internas en
Galicia e sacarlle partido ás políticas de Unidas Podemos dende o Goberno do
Estado no eido laboral e de plantexar axudas como a renda básica aos que máis
van a sofrir con esta crise.
Entre
eles vaise a xogar este desafío co que nos adentramos nunhas semanas nas que
nos atoparemos con moitas dúbidas, moitas máis das necesarias ante unha
cuestión tan importante como unhas eleccións, e que veñen a sumarse ás dúbidas
que unha situación imprevisible, e nunca vivida por todos nós, non deixa de
plantexarnos. E nós sen saber se estamos a setas ou a Rolex.
Publicado no Diario de Pontevedra 21/05/2020