Foguetes Verdes (7)
A gran cita da cultura en Galicia enche na fin de semana o Recinto Feiral de Pontevedra cunha morea de manifestacións creativas que amosan todo aquilo que fai mellor a este país
A gran cita da cultura en Galicia enche na fin de semana o Recinto Feiral de Pontevedra cunha morea de manifestacións creativas que amosan todo aquilo que fai mellor a este país
POUCOS TERRITORIOS da
nosa sociedade hai dos que estar máis orgullosos que aqueles que
sinala a nosa cultura. Espazos nos que sentírmonos parte dunha
comunidade, dun conxunto que ten nos seus creadores un dos seus
alicerces máis significados. Percorrer cada ano o Culturgal é
retomar aquela frase da película ‘O falcón maltés’ cando lle
preguntaban a Humprey Bogart de que material estaba feita aquela
estatua negra con forma de paxaro e el respondía «do material co
que están feitos os soños». Os soños de Galicia teñen moito que
ver co labor dos seus escritores, dos seus editores, músicos,
artistas plásticos, actores e atrices, dos máis diferentes axentes
culturais, isto é, con todos os protagonistas dunha creatividade que
se reactivou nos últimos anos na nosa terra dun xeito incríbel.
Cada edición, e xa van once, o Culturgal convértese no compás
preciso para facer visíbel dun xeito colectivo aquilo que ao longo
do ano nos chega en forma de pílulas por cada un dos creadores. Así,
como un ente colectivo, a forza que se amosa nesta fin de semana ten
que enchernos de ilusións e de esperanzas para que eses soños sigan
a medrar.
Dende hoxe e ata o
domingo temos tamén neste espazo un lugar de lecer a carón de todas
estas propostas que procuran actuar co público, co consumidor de
cultura, que estes días se sente coma nun parque de atraccións. Ata
el este ano tamén se pode chegar en autobús dende diferentes puntos
de Galicia grazas á aposta da organización por traer ao público
que se atopa máis lonxe de Pontevedra.
A partir de aí,
consultar a axenda de actividades para estes tres días é un inmenso
crebacabezas no que non hai nin un minuto de descanso. É moi difícil
escoller e cada un farao en función das súas preferencias.
Presentacións de libros, contacontos, obradoiros, accións poéticas,
arte, concertos, ciencia, ilustración, conversas, libreiros,
palabras... todo un océano de creatividade a paixóns fiadas pola
lingua como canle dende a que todo cobra o seu sentido. A lingua é o
que nos suxeita ao territorio, e dende ela medra a creación máis
próxima a nós. Todos estes proxectos persoais e colectivos, de
empresas ou institucións, teñen esa obriga de responder ao que
acontece na nosa contorna. Con máis ou menos posibilidades, son os
proxectos os que defenden a cultura dun país e o Culturgal está
inzado de proxectos e de ilusións. Percorrer os diferentes estands
que artellan o espazo físico é conversar e sentir como a cultura
segue a medrar en Galicia, como a creatividade é o que mellor nos
identifica fronte a outras realidades e posíbelmente sexa o que
mellor lle fai a este país.
A cultura, polo tanto,
ten que ser o noso mellor sinal de identidade, un sector estratéxico
que debería ser sempre alentado por todos para chegar a máis sitios
e cunha maior fortaleza. Calquera investimento neste terreo ten
sempre repercusión na nosa sociedade. Un retorno do que un se decata
ao longo destes tres días abeirados no Lérez sentindo as ilusións
dos seus protagonistas pero tamén as facianas dos visitantes, de
pais e nais que xunto aos seus cativos rin en galego, de escritores
orgullosos do feito e de lectores agradecidos con todos eles.
Falamos de máis de cen
expositores que redimensionan a nosa cultura e dos que podemos gozar
para entender mellor como somos. Pódolles asegurar que sairán moito
mellor do que entraron, orgullosos dos seus, do que se fai aquí, e
tamén sentirán como o seu espírito medra porque a cultura, se algo
acada, é que o ser humano sexa máis ser e máis humano, sexa, en
definitiva, mellor persoa. Só por iso paga a pena mergullarse na
cultura, pero é que ademais o van pasar moi ben grazas ao esforzo
dunha organización cada vez mellor e, sobre todo, grazas ao talento
que medra na nosa terra.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 30/11/2018
Vista xeral do Culturgal na edición do ano 2017. Foto: Rafa Fariña