luns, 24 de outubro de 2011

«Isto non só é colgar, inaugurar e marchar»



Trátase dunha clara e fortísima aposta pola pintura, e é unha aposta segura, a cabalo gañador. Unha licenciatura en Historia da Arte e continuadas participacións como crítico e colaborador na posta en marcha doutras mostras respaldan o traballo de Ramón Rozas, que vive unha experiencia máis como comisario nesta edición inicial da exposición ‘Na beira do río. Diálogos na pintura’. O proxecto, programado nun tempo récord -hai só catro meses que se presentou esta idea ao Concello-, realiza unha posta en común da obra pictórica de Manuel Dimas e Itziar Ezquieta mais, nel, a protagonista non é outra que a pintura. “Os artistas actuais traballan outros formatos. Hai poucos anos só se repetían exposicións de fotografía e de video. Eu quería que Pontevedra tivese -organizada polo Concello- alomenos unha mostra de pintura con carácter anual, que esta recuperase o lugar que lle corresponde”, explica Rozas, quen considera á modalidade do pincel “a grande arte” xunto á literatura e ao cine. O outro obxectivo, máis alá de expoñer os haberes destes artistas que desenvolven a súa carreira en Pontevedra, é o de habilitar o Pazo da Cultura como un espazo conectado directamente co saber da cidade. “Ademais da Galería de Sargadelos e da recentemente inagurada sá de exposicións da Xunta, aquí hai poucos lugares nos que expoñer. Tamén hai artistas que só queren facelo en pleno centro e, aínda que asusten os seus metros cadrados, as instalacións do Pazo son moi válidas para estas exposicións. Parece que cruzar o Lérez implica camiñar ata outra cidade e non se aproveita a súa programación cultural”, apunta Rozas. De aquí á referencia ao río no nome da mostra que, nesta ocasión, pon fronte a fronte e lado a lado os traballos de Dimas e Ezquieta.

Conxunción|“Pareceume moi interesante xuntar as visións dos dous artistas sobre o ser humano -explica Rozas-. Son de distintas xeracións, teñen diferente formación… Cada artista resposta de xeito diferente e aquí xorde o diálogo. Dimas representa ao ser humano desde o carácter festivo, destacando a súa sensualidade. Itziar faino dun xeito máis íntimo. Pode que en apariencia a maneira de traballar sexa distinta, pero detrás hai similitudes”, achega o comisario da actual conxunción artística do Pazo. Aínda que a obra destes dous pintores só coincidira antes en feiras de arte e con galeristas diferentes, aceptaron convencidos a proposta de Rozas, compartindo a súa defensa da pintura. “Dimas máis convencido que Ezquieta, que quedou moi contenta pero ao principio pensaba que máis que diálogo, isto ía parecer unha pelexa… -confesa Rozas-. A min animoume que, este mes, o museo Guggenheim de Bilbao ofrece unha proposta similar mais cos escultores Brancusi e Serra. Serra é de esculturas enormes, con moitas pezas, Brancusi é o contrario. E funciona!”. 
No caso concreto comisariado por Rozas, os artistas trasladan ao público a mensaxe que o experto en arte quería transportar, obtendo ese respecto que demanda para a pintura. Mais o seu labor non remata aquí, aínda que en todo momento destaca que se trata dun traballo en equipo. “Comisario é unha palabra horrible, asusta. Habería que inventar outro termo para chamar a quen organiza ou dirixe unha exposición. Hai moito traballo detrás: o dos pintores, o dos responsables de montaxe, os de iluminación, os do catálogo…”. Na parte que lle toca a el, continuará a dinamizar este proxecto coa posta en marcha duns obradoiros de pintura para nenos -cunha resposta abraiante, solicitándose máis prazas das dispoñibles-, buscando ocos para visitas de grupos escolares e ultimando os preparativos dun diálogo aberto ao público no que os artistas debaterán sobre a súa maneira de entender a arte. “Isto non só é colgar, inaugurar e marchar”; conclúe Rozas.


Entrevista de Lorena J. Barral. Publicado en Diario de Pontevedra 23/10/2011
Foto: Javier Cervera-Mercadillo

Ningún comentario:

Publicar un comentario