domingo, 18 de marzo de 2012

Forxa de escritores

Cunha longa tradición no eido literario que inclúe o propio nome do IES, o Instituto Gonzalo Torrente Ballester fai da súa vinculación coa literatura unha forma de implicar aos alumnos na lectura e a escrita. Unha paixón que ten moitos ingredientes que van agromando a partir da consolidación dunha biblioteca moi diferente á que podemos atopar noutros centros de ensino. Nesa biblioteca visibilízase todo o traballo de alumnos, profesores, pais e equipo directivo á hora de apostar pola dinamización da lectura e a escritura como parte esencial do desenvolvemento humano na sociedade. A recente publicación dun libro con varios dos relatos premiados que foron escritos polos alumnos amosa unha realidade que mira cara o futuro. Un futuro que xa é presente, non só polo propio labor dos rapaces, senón por outra nova que enche de orgullo ao centro, a concesión do premio Biblos-Pazos e a publicación dun libro  por unha ex alumna, Iria Morgade.

Cintia, Aldara e Helena atópanse moi a gusto baixo a faciana de Alicia, aquela moza que caendo por un burato achegouse ao mundo maravilloso de fantasía e literario argallado por Lewis Carroll. Ao seu carón soñan, como aquela rapaza, con facer da escrita un xeito de vida, unha actividade na que colmar as súas inquedanzas e o seu amor pola literatura. Elas veñen de gañar diferentes premios de relatos, veñen tamén de ver como as súas verbas se incluiron nun libro de relatos e, sobre todo, veñen de ver como dende o seu instituto se coida e mima esta faceta indispensable para o ser humano.
Chamándose Instituto Gonzalo Torrente Ballester xa se crea o primeiro alicerce para facer do eido literario un espazo decisivo na formación do alumnado, pero tamén a pertenza a ese centro de diferentes escritores como Manuel Lourenzo ou o recordo sempre presente de María Victoria Moreno ou o de nomes como Francisco Calo ou Luís Bará, que dende diferentes ámbitos tamén foron contribuíndo á creación dese pouso que pouco a pouco se vai sementando nas aulas do centro, converténdose nun terreo abonado para que a resposta dos alumnos sexa favorable cara o literario, e que nos últimos tempos ten un ilusionante aderezo coa concesión do Premio Biblos-Pazos e a publicación dunha novela a cargo dunha ex alumna, Iria Morgade.
Todo ese esforzo humano flúe ata un mesmo lugar, ata ese centro de pensamento que sempre debe ser unha biblioteca neste tipo de espazos nos que se visualiza esa rede de intereses. Alí, Pedro Iturburúa e María Jesús Otero velan porque esa biblioteca siga a medrar e se converta nun espazo o máis activo posible buscando a participación desa xuventude á que tantas veces (as máis delas baixo simplistas xeralizacións) se acusa de non prestar atención a este tipo de cuestións.
Incluída no Plan de Mellora de Bibliotecas da Xunta de Galicia, esta en concreto, que leva o nome da inesquecible María Victoria Moreno, vén ofrecendo nos últimos anos unha serie de modificacións que a afastan do que sería un aburrido espazo unicamente adicado a completar horas e horas de estudo. Se fai uns anos creouse un espléndido mural adicado a ‘Alicia no País das Maravillas’, nos últimos meses esta decoración está a tomar máis protagonismo en diferentes puntos do seu espazo. Así, agora nas súas columnas os propios alumnos, arroupados polo mestre de plástica Manuel Martí, están a desenvolver toda unha escolma de senlleiras figuras da literatura galega e universal para acompañar así as lecturas dos rapaces ou alentar ás musas cando éstes se poñen a escribir.
Castelao ou Rosalía de Castro comparten espazo con Cervantes, Shakespeare, Homero, Gustavo Adolfo Becquer, García Lorca ou Valle-Inclán, nunhas representacións onde se esconden moitos chiscos ao mundo literario e cultural, ou mesmo a personaxes do propio centro, e aí o imos a deixar. Xunto a eles, a adaptación de espazos aos novos tempos levou aos xestores da biblioteca a crear tamén un punto que se amosa como un dos favoritos dos estudantes, un recuncho amable onde nuns sofás se poden consultar revistas ou cómics cos que pasar uns bos momentos nun ámbito distentido. E é que a creación destes ambientes é a gran teima dos xestores da biblioteca, “é unha forma máis de impulsar o gusto pola lectoescritura”, comenta Pedro Iturburúa. E o certo é que ao pasar uns minutos nese espazo transmite unha sensación de comodidade, de lugar idóneo para gozar do mundo dos libros. Xunto a esa renovación visual e formal, na biblioteca tamén se traballa na mellora dos seus contidos, coa inclusión de novos fondos, o préstamo de materiais audiovisuais e a presenza de equipos informáticos que axuden aos alumnos no seu quefacer. E é que ese Plan de Mellora incide precisamente nesa triple liña: a dos fondos, os equipos informáticos e a mellora do mobiliario.

Xunto con ese Plan, este pequeno milagre aúna a acción dos equipos de Biblioteca e de Dinamización da Lingua Galega, xunto coa axuda da Asociación de Pais e Nais de Alumnos e que se materializou hai unhas datas coa publicación dun libro onde se recollen en papel as achegas dos propios alumnos.


‘Petiscos 2011’ |Un libro é un libro. A ilusión na que se materializan os soños de todos aqueles que escriben con máis ou menos ambicións. E como estamos dentro dun mundo de ilusións, na parede da biblioteca, nese mural de Alicia atopamos libros pintados, contemplamos os lombos duns volumes que esperan a ter un nome e un autor. Unha feliz idea que permite que aqueles alumnos que venzan nos concursos literarios vexan o seu nome alí inscrito para a eternidade.
Abofé que nos soños de Cintia, Aldara e Helena non debía estar o de aparecer nun deses libros dun xeito tan prematuro. Pero é o que ten ‘caer de pé’, como di o dito, e formar parte dun centro tan activo que lles permite adiantar en moitos anos o que sería normal. Elas, xunto con case outros trinta alumnos, tanto ‘escritores’ como ‘ilustradores’ forman parte de ‘Petiscos 2011’, unha escolma de bocados literarios. Gustosos bocadiños que xa morderon o éxito a través da consecución de diferentes premios en concursos de relatos, entre eles o ‘Ben veñas maio’ e que agora se oferta aos lectores como un agasallo e como a materialización dese milagre. O milagre da escrita como complemento ás numerosas campañas que se fan da lectura, pero non sempre da escrita. No Torrente Ballester apostan por ambos territorios como complementarios, e estas tres rapazas sérvennos para visualizar o éxito desta aposta do centro escolar.
Todas elas decláranse lectoras compulsivas, mozas que fan da lectura un acto de afianzamento persoal, aínda que ao mellor non sexan plenamente conscientes do que iso supón, pero será o tempo e a madurez os que lles fagan decatarse deste aspecto. Mentres pasan horas lendo, entre os seus autores favoritos Aldara Otero cita con entusiasmo a Laura Gallego, nome co que coincide coa súa compañeira Cintia Cabada, e esta engádelle o de Patrick Rothfuss. Helena Lemiña laiase de que ten pouco tempo para satisfacer esta paixón, os estudos restan tempo, e aínda así as súas lecturas son máis clásicas, e os nomes de Rosalía de Castro ou Gustavo Adolfo Bequer parecen facer sorrir a eses mesmos autores agora pintados nas columnas proximas a nós.
Empurradas pola súa profesora de galego, Mariló Valiño, animáronse a participar en diferentes certames literarios a partir do traballo feito na clase. E é que o papel dos profesores é indisociable deste milagre, a implicación no que vai máis alá do seu labor obligatorio outórgalles o ser clave en todo este proceso, e xunto a Mariló hai que citar a María Jesús Otero, do departamento de Lingua Castelá e Literatura. As nosas protagonistas gustaríalles compatibilizar esa afección con outras disciplinas artísticas como a pintura ou a música, das que tamén son moi partidarias. Cintia tampouco lle perde ollo á bioloxía, e a todas elas lles gustaría afianzar un futuro aínda afastado, pero cheo a moreas de ilusións e expectativas.
A Asociación de Nais e Pais e o propio Instituto, encabezado polo seu director, José Ramón Couto, botaron a andar estes ‘Petiscos’ como unha iniciativa que debería ter continuidade noutras edicións por riba de crises materialistas. Con este libro nas mans empézase a entender o milagre da lectura e o que a conxunción de forzas e ilusións (o propio autor da edición tamén ten o seu pasado vencellado ao centro) pode chegar a facer.

Soño literario | Aldara, Cintia e Helena son un trío de mulleres que nos permite constatar o maior interese das mozas por este tipo de actividades por riba dos mozos. Elas, aínda entre soños, amósanse tamén moi espertas en relación ás súas idades, sabedoras de que teñen un potencial que lles pode dar moitos momentos de ledicia e agora, e de aquí en diante, terán que estar sempre moi atentas ao que pode acontecer, a seguir traballando, escribindo e lendo para facer da súa narrativa algo salientable. Aínda é cedo para saber que ocorrirá, pero o que si sabemos é que están en boas mans, nas dun centro que mima e coida como poucos esta aposta pola creatividade do ser humano, pero sobre todo pola lectura. Unha aposta á que xa é imposible renunciar. Nin tan sequera as feroces tesoiras dos recortes terán a forza suficiente para impedir que estas rapazas e moitas outras vivan o seu soño. O seu soño literario.

Iria Morgade: A semente comeza a dar os seus froitos
Non perdeu o tempo Iria Morgade dende que marchou do IES Torrente Ballester. Tras rematar a Licenciatura en Ciencias Políticas, a cabalo entre Compostela e Madrid, vén de publicar o que é o seu primeiro libro, ‘Verbas no ar’, presentado na cidade hai uns meses polo Ateneo de Pontevedra. Hai uns días participou nun encontro cos lectores que se achegaron ata a Librería Paz. O libro xorde da concesión do VII Premio Biblos-Pazos, agasallando así a unha moza que aínda que fixo os seus estudos  por outro lado non ten pensado deixar a escrita. En ‘Verbas no ar’ amósase a unha escritora para nada afastada do mundo real. Abofé que a vida a sacou fóra dese conto de Lewis Caroll por onde deixamos as nosas protagonistas anteriores. O tempo e a experiencia influíron sobre Iria Morgade e neste libro “amósase un texto no que non son necesarias as florituras para que nos desgarre, abríndonos os ollos ante un mundo en conflito a golpe de linguaxe tweet. E a autora sabe que son tempos de combate, de manifestarse contra a inxustiza”, segundo os membros que compuxeron o xurado: Elena Veiga, Tucho Calvo e Xavier P. Docampo.

Aqueles tempos |Non pasaron moitos anos dende que Iria Morgade deixou o Torrente Ballester, onde fixo os seus estudos de Secundaria. Alí xa gañara o primeiro premio ‘Ben Veñas, Maio’ no ano 2004 e o terceiro premio do concurso ‘Entre nós en galego’ no 2005. “O vivir a adolescencia no instituto e o ser o principio dos meus impulsos por escribir é algo que non se pode esquecer", comenta Iria Morgade. O ter participado naqueles concursos xuvenís permitiulle recuperar, tras os anos de estudos da carreira, a súa verdadeira vocación, a da escrita. "Recordo como a profesora Mariló sempre me animaba a presentarme a concursos, foi unha man que me axudou. Unha cousa é que ti escribas, e outra que penses que o que fas lle vai gustar a alguen. Ela sempre estaba atenta ás convocatorias para que nos presentásemos a elas" apunta a escritora. Iria Morgade, apoiada polo premio ‘Biblos-Pazos’ e pola publicación do que é o seu primeiro libro, quere transmitirlles aos alumnos que agora mesmo están onde estaba ela fai uns poucos anos que “teñen que manter a esperanza e a ilusión. Hai moita xente que escribe e que o fai moi ben. E por qué eu non vou ter a posibilidade de chegar algún día a ser como eles? Hai que confiar no que che gusta, gozar facendoo e sobre todo presentarte a todo o que poidas. Como me sucedeu a min con este premio dirixido a menores de 25 anos". Agora, Iria Morgade xa é escritora, unha escritora froito da sementeira do IES Torrente Ballester de Pontevedra.


Publicado en Diario de Pontevedra 18/03/2012
Fotografías Alba Sotelo

1 comentario:

  1. Moi ben dito, dona Iria.
    Saúdos agarimosos 2, eu tamén son túa fan ;)

    ResponderEliminar