venres, 17 de xuño de 2011

Cento dez anos de Manuel Torres



Casiñas brancas ata as que chegaba a auga do mar ás súas portas, centos de homes e mulleres adicados á vida mariñeira, sen apenas electricidade e soñando coa presenza dalgún automóbil. Poderíamos imaxinar así aquel Marín do 17 de xuño de 1901 no que naceu Manuel Torres. Un Marín que iría medrando a carón deste home que co tempo se converteu nun dos grandes pintores de Galicia, dentro daquela xeración de renovadores da arte (‘Os novos’) impulsados polos consellos de Castelao, os Laxeiro, Colmeiro, Arturo Souto, Carlos Maside e Manuel Torres esnaquizaron a pintura tradicional e pintoresca que se facía en Galicia e adaptaron as novas linguaxes da vangarda ó carácter e o sentir do pobo galego. Todos eles tiñan unha fonda identificación coa súa terra, poñendo a súa pintura ó servizo dunha identidade que pelexaba nas décadas dos anos vinte e trinta do século pasado por atopar o senso identificador dunha realidade. Esa realidade era a dos traballos do rural, que Manuel Torres coñecera como mestre en Couso (Campo Lameiro), pero tamén a dos labores do mar, entre os que naceu e morreu; tamén a do mundo urbano, o das novas vilas de Galicia que bulían coa modernidade e o progreso que se viviu antes da Guerra Civil. Manuel Torres, de mestre en Vigo, participaba da vida dos cafés, do faladoiro do Derby a carón de Maside, pero tamén de Rafael Dieste. Nomes que influiron de xeito decisivo no seu devir artístico. Alí en Vigo participou nunha das tarefas artísticas máis senlleiras da súa obra, o labor de viñetista en xornais como ‘Faro de Vigo’ ou ‘El Pueblo Gallego’. Manuel Torres foi o mellor da súa xeración nese eido. E nas súas viñetas, xunto o seu certeiro debuxo, atopábase a crítica á sociedade da Dictadura de Primo de Rivera, pero sobre todo a esa caste que oprimía ós máis desfavorecidos, a un pobo cheo de eivas culturais e económicas na procura dun recoñecemento que lle chegaría co Estatuto do 36. Recollía así Manuel Torres plantexamentos modernos, xurdidos da ‘Nova obxectividade’ que coñecera Castelao na súa reveladora viaxe por Europa de 1921. Á súa volta fixo do gravado, e en concreto do linóleo, unha forma de expresión económica, de fácil difusión e chea de expresionismo. A escola linoleística de Pontevedra tivo en Manuel Torres unha firma destacada, a súa portada no número de outubro do 1932 da Revista Cristal confirma a súa valía. Falamos xa de viñeta, de debuxo, de gravado, e é que se algo caracterizou a Manuel Torres por riba dos seus coetáneos, foi o seu interese por achegarse ós diferentes campos da expresión. Ós anteriormente citados unirémoslle o pastel, a acuarela, a escultura, o óleo rascado, e como non, o óleo. Manuel Torres pintou a muller máis fermosa que nunca pintou artista ningún en Galicia, a súa ‘Dama do sombreiro’ (1931) que garda o Museo de Pontevedra é a nosa ‘Giovanna Tornabuoni’, a muller por excelencia na pintura: interesante, fermosa e chea de misterio. Feita ó modo de Modigliani, Manuel Torres a pintaba á súa volta de París tras conquerir unha bolsa de viaxe da Deputación de Pontevedra. Antes e despois disfrutou doutras bolsas de estudos, para coñecer as vangardas en Madrid e formar parte daquel bulir xurdido ó albór da Xeración do 27 e que a Guerra Civil fixo anacos. A súa pintura comprometida con Galicia, e co seu Marín natal, tivo na búsqueda do volume a súa maior preocupación, sempre ó servizo da pintura, ó servizo do ser humano, e así foi ata a súa morte en 1995 en Marín, refuxio e motivo da súa obra e da súa vida, idealizado na ‘Banda do río’, poso proustiano ó que se enfrontou do mesmo xeito que Cezanne a ‘súa’ montaña de‘Saint-Victoire’.




Publicado en Diario de Pontevedra 17/06/2011
'Autorretrato' (1927)
'Bodegón con libros' (1934)

Ningún comentario:

Publicar un comentario