luns, 23 de xaneiro de 2012

8,90


Era inevitable que despois da morte de Manuel Fraga os artigos de opinión sobre a súa figura enchesen as páxinas da prensa. Unha vida como a do ex presidente de case todo é un fértil abono para encher o columnario patrio. Nel poucos falan da súa faciana deportiva, á parte da anécdota dos perdigonazos no cu da filla de Franco, as súas xornadas de pesca ou a afección polo dominó. Pero todas elas palidecen comparadas co deporte preferido do de Vilalba: o descubrimento de placa. Se algo seguro vai quedar en Galicia despois da era Fraga van ser os centos de placas espalladas ao longo da nosa xeografía co seu nome: polígonos industriais, portos deportivos, casas de cultura, garderías, residencias da terceira idade, pavillóns deportivos... e así poderíamos seguir ata o infinito. Alí onde se puidesen fixar uns parafusos, ou botar unha palada de masa, don Manuel fincaba unha placa que descubría con estilo propio. O certo é que máis de corenta anos de competición no foron en balde, e abofé que Manuel Fraga ostenta para Galicia o récord mundial desa disciplina nas súas dúas variantes: en lonxitude temporal e na modalidade de contrarreloxo (non hai máis que recordar as esgotadoras xornadas adicadas ao corremento da bandeira). Unhas marcas só comparables a aquela de salto acadada por Bob Beamon nos Xogos Olímpicos de México. Agora nós tamén temos os nosos 8,90.

Ningún comentario:

Publicar un comentario