xoves, 11 de outubro de 2012

Soños feitos libros

 
FACER DO LIBRO SOÑO, como di o seu director, pero tamén do soño libro, é a aposta da pontevedresa editorial Kalandraka, que vén de ser recoñecida co Premio Nacional ao mellor Labor Editorial. Todo un luxo do que gabarnos nesta cidade que soa polo mundo adiante grazas ás boas historias e as ilustracións agochadas baixo as tapas dos seus libros. Libros entendidos como fonte de inspiración para os nosos nenos, pero tamén como evidencia do valor da cultura. Nestes tempos de cartos sobre cartos, e cando a cultura parece estar abafada pola miopía dos nosos dirixentes, este tipo de recoñecementos ten que servir para medir a verdadeira dimensión da produción cultural. Letras, páxinas, pero sobre todo soños, que van moito máis alá do valor económico, desa tiranía que impide ver que o que se fai dende esa editorial é rearmar a dignidade moral de todo un pobo de cara ao seu futuro.
 
Publicado en Diario de Pontevedra 11/10/2012
Fotografía: Rafa Estévez

Ningún comentario:

Publicar un comentario