luns, 5 de novembro de 2012

Outro lado, outra vida


É o gran fenómeno deste comezo do século XXI. A conectividade entre os seres que formamos parte deste planeta que asiste, moitas veces perplexo, a toda unha chea de vertixinosas mutacións. As redes sociais tecen como a araña a súa arañeira, na procura de todo un tecido de novos vencellos entre millóns de usuarios, ou o que é o mesmo, entre todos aqueles que se agochan tras eses links. E é que a palabra agochar forma parte nuclear desta nova forma de comunicación entre persoas descoñecidas entre si. Homes e mulleres que nunca tiveron un contacto mutuo e que se atreven a dar o paso adiante que significa darlle un ‘click’ ao rato do seu ordenador. Son as vidas dese outro mundo, o que podíamos chamar o outro lado. Cheo de seres anónimos, en moitos casos, liberados de prexuicios e medos, amosando a súa verdadeira personalidade por riba dos socializados papeis que desenvolven na cotidianeidade ou que representan no escenario da rúa.
Miguel Vidal atopouse con centos desas vidas. Eles coñecían das súas capacidades coa cámara e foron eles mesmos os que deron o paso adiante, os que atravesaron ese espello límite entre dous mundos de imaxes separados por un fío invisible, para reclamarlle que lles concederá o don da inmortalidade mediante a captación, xa para sempre, da súa verdadeira esencia, e dicir, para que lles dera corpo a súa outra vida. Á sorpresa daquela primeira vez seguíronlle outras moitas sorpresas que foron conformando todo un abano de seres que forman parte dese outro mundo que agora se amosa ante nós. ‘Outro lado. Outra vida’ plantexa a ‘saída do armario’ de moitas desas persoas que son máis felices nese outro lado, isto é, no ciberespacio, no terreo das redes sociais por riba desta sociedade tantas veces chea de rutinas, monotonías, desacougos e frustracións persoais. Cada un deles procura a súa felicidade e a cámara de Miguel Vidal concédelles gran parte desa condición. Así é como vemos a uns seres espidos de alma, afundíndose na procura do seu verdadeiro eu. Sen medo algún o que vemos son seres cheos de confianza, uns sensuais, outros agresivos, outros desafiantes, pero sobre todo, o que son, é fieis a si mesmos. Esa exhibición que a sociedad lles nega, ou polo lles pon moi difícil, supérase coa distancia que lle confire a rede, un novo xeito de relacionarse froito da evolución tecnolóxica.
O que pode verse como unha contradicción, isto é, a evolución tecnoloxica para espir a alma, non é máis que unha radiografía destes tempos convulsos, deste camiñar entre dúas realidades que Miguel Vidal soubo capturar para que todos eses demos saían a luz. Que a noite sexa día, e que dende ese amencer poidamos facer unha fonda reflexión sobre esta dobre percepción das nosas vidas, e como non, das nosas almas.


A exposición pódese ver ata o vindeiro domingo 11 de novembro
no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 28/10/2012
Fotografía Miguel Vidal

Ningún comentario:

Publicar un comentario