sábado, 4 de outubro de 2014

Paixóns




Sentir, vivir, palpar a cidade dende a paixón da arte é unha oportunidade que ao longo desta fin de semana teremos todos nós. Hoxe, decenas de pintores, máis ou menos avezados (iso pouco importa) converterán as rúas e prazas de Pontevedra no seu estudo, o lugar onde mudarán a realidade cos rodea, converténdose xa para sempre nunha obra de arte. Fiestras abertas á imaxinación nunha vila afeita a sentirse parte das obras de arte dos moitos pintores que se fixeron con ela, coas súas pedras, edificios, vistas ou monumentos na procura dunhas carreiras que converteron a esta cidade en berce da arte galega. 
Os participantes nesta II edición do Certame de Pintura Rápida Cidade de Pontevedra, que organiza o Rotary Club coa colaboración do Diario de Pontevedra, formarán parte non só dun proxecto artístico, senón tamén dunha iniciativa solidaria que tanta falla fai nestes tempos de negrura. Necesitamos, polo tanto, tubos de óleo cheos de ledicia, lenzos que berren dende a pintura que Pontevedra é solidaria e que se ela nos presta a súa beleza como motivo de inspiracións nós debemos devolverlle ese préstamo en forma de eternidade. Non dubiden nesta xornada en percorrer as nosas rúas, en gozar da cidade e asexen o traballo destes pintores, descubran como se constrúe un cadro, unha engaiolante experiencia que non é doado ver. 
E mañán complétase esta fin de semana cunha nova edición do programa chamado Faiponting, e iso que é? se preguntarán algúns. Pois unha experiencia dos sentidos que se practica ás beiras do Lérez coma canle de vida da que gozar. Atravesen as súas pontes e entre o Pazo da Cultura e a Illa das Esculturas pasen un día onde pintura, danza, teatro, música, obradoiros ou banda deseñada formen parte desta festa abeirada na cultura chea de infinitas posibilidades. Poucos espazos hai en Pontevedra, e non me fagan abrir o arco das distancias, para o goce como a Illa das Esculturas, un territorio recuperado a partir da arte coa presenza de doce escultores senlleiros da escultura na natureza con carácter internacional e aínda, inexplicablemente, non explotada de todo pola nosa cidade. Ao seu carón podemos sentir o seu valor tamén como inspiración para outros, como poden ser os diferentes traballos que numerosos representantes da cultura desenrolarán ao seu arredor, do mesmo xeito que farán ex compoñentes do Centro Coreográfico Galego reinterpretando cos seus movementos as pezas pictóricas que Dolores Gálvez e Belén Padrón amosan no Pazo da Cultura. Unha deliciosa achega que funde disciplinas artísticas e propón novas miradas a unha arte incapaz de esgotarse en si mesma, o que fala das súas posibilidades e da súa riqueza. 
Nesa beira do Lérez arte e natureza, goce e ledicia, converteranse en paixóns de domingo. Pola mañán ou pola tarde poderán atopar unha iniciativa que lles faga participar dunha das propostas máis interesantes e atractivas dos últimos anos na nosa vila, convertendo a súa paisaxe nunha paisaxe emocional para todos os que queiran ser parte dela. Teñen pontes para cruzar, ¡atrévanse! voltarán encantados e con gañas de voltar o vindeiro ano. 
Un sábado e un domingo para o bulir da arte. Unha cidade que faga da arte a súa bandeira estará sempre orgullosa de si mesma e será máis forte. Xa sei que moitos só pensan nas cifras económicas e nos índices do IBEX, e que está moi ben visto reducir todo ás cifras da economía, pero a vida nas cidades tamén ten neste tipo de iniciativas un síntoma de afouteza e de compromiso con ela mesma, ao mellor moito máis importante para afrontar as incertezas destes tempos. Dirán vostedes aquilo de «como se poñerme ante un cadro ou a escoitar un concerto me fose a dar de comer?» pois non, pero tampouco quedarse nun sofá na casa, ou laiándose dun mesmo, así que mellor alimentar o espírito e a alma. 
E como non hai dous sen tres hoxe se inaugura, estando aberto durante toda a semana, no Centro Cultural Afundación, vamos, o Café Moderno de toda a vida, o Outlet do Libro Galego, unha boa oportunidade de facerse con bos libros e a precios baixiños. 
Paixóns de todo tipo para vivir e para respirar, escollan a súa e participen desta chea de actividades que converten a Pontevedra naquel Parnaso que tanta graza lle facía ao amigo Jabois ou naquela pequena Atenas que bautizara Filgueira Valverde, gabándose dunha vila de cultura e para a cultura. A mellor forma de facer cidade, a mellor maneira de escorrentar ás nubes negras.

Publicado no Diario de Pontevedra 4/10/2014
Na imaxe un participante na edición deste ano

Ningún comentario:

Publicar un comentario