domingo, 19 de outubro de 2014

Praza




Chove na praza. Chove na Ferraría. Chove na alma de Pontevedra. A xente atravesa axiña ese espello de pedra. As pombas nos seus refuxios. Unha muller empuxa o carriño do seu neno, chega tarde á gardería. O castañeiro trae uns sacos de castañas a esa locomotora na que hoxe non soa a campana. Un trebón tras outro deixa na súa pel esa pátina de humidade que tan ben lle senta a esta cidade. 
Dende o incomparable miradoiro do Savoy toda a praza ten o aspecto dun soño, un instante a piques de esvaecerse na nosa memoria axudado polo neboeiro da mañá. Non é hora de reunións entre familias, ni de encontros entre amigos, ou de noivos que se bican aínda de xeito tímido, tampouco de cativos brincando, é a hora da intimidade desta praza na que latexa acotío a vida de Pontevedra. Os camelios aínda agardan a que a cor se pouse nas súas polas, do mesmo xeito cos bancos esperan pacentes por eses maiores. Nos seus ollos reflíctese a vida da praza dende ben lonxe. Nin sequera se escoita o bulir deses inquilinos cos que a vida non foi moi agradecida. Todos eles son parte da existencia da praza, cada un deses grupos son coma pinceladas que compoñen unha paisaxe incrustada xa no interior de todos nós. 
Así século tras século. Pegada tras pegada. Non é fácil resumir todo ese tempo. Non é sinxelo explicar o que supón a Ferraría para Pontevedra, é como se un sentise vergonza de falar dun mesmo. Porque falar da Ferraría é falar de cada un de nós. Segue a chover e unha muller aguanta o ballón para ollar en fite, baixo o seu paraugas, a esa maqueta na que se amosa como era a Ferraría antes de nós. Pouco despois outro home fai unha parada ante un deses paneis que forman parte dunha exposición que, de xeito intelixente, achega esa contorna ao cidadán, ao paseante que, aínda coa forte chuvia, séntese atraído por esas composicións. Enrique Sotelo, arquiveiro do concello de Pontevedra é unha desas persoas que, dende o silencio e o anonimato do seu traballo, compoñen un sustento imprescindible para toda a cidade, el foi quen de afrontar unha xigantesca tarefa, é o fixo de inmellorable maneira, amosando todo o que houbo e hai arredor desa praza. Adicar uns minutos, aínda que chova, a percorrer eses murais é coñecernos a nós mesmos e sobre todo darnos conta do que supuxo esa praza ao longo do tempo. Dende ser praza de touros, esa actividade que moitos entenden como allea a estas terras, e aquí amósase apegada á cerna da cidade, ata ser o escenario de moitas das nosas celebracións comúns ao longo do ano. Aínda que a máis importante de todas elas é a de ser o acubillo para o noso día a día. 
Urbanismo, fontes, comercio, lecer.... todo iso é máis ten cabida nesta praza, unha patria que limita ao sur co Savoy ao Norte co Carabela e a praza da Estrela, ao leste co Convento de San Francisco e os xardíns de Casto Sampedro e ao Oeste con ese camiño de peregrinación a Compostela que esvara paseniño pola rúa Real ata a ponte do Burgo. Pero tamén as súas fronteiras as marcan aqueles que tanto tempo levan alí como ‘Clarita’‘A moda d’abaixo’, ‘El Pueblo’ e, a carón deles, os que estiveron e que prendidos co alfinete da memoria aínda semellan debuxar a súa sombra na praza: ‘Beledo’,María, Ángel ou Valentín. Lamberetadas, pipas e castañas que sementaron de ledicia a aqueles rapaces que hoxe vemos a praza aínda moitas veces con eses ollos. 
Eses murais divídense entre a praza de Ourense e o paseo de Antonio Odriozola, outra figura senlleira desta contorna. Camiñante eterno cara o Museo agora ese percorrido agarda confiado a chegada das súas amigas, unhas camelias que se pelexaban por darlle lustre á lapela da súa chaqueta. O seu son agóchase entre a chuvia, apoucada ela, agora, máis afastada do seu emprazamento orixinal, xoga coas burbullas da auga que sae dos seus canos. A fonte que deu de beber a quen pasaba ao seu carón e que aqueles valorosos homes da Sociedade Arqueolóxica rescataron da destrución para que Castelao a recuperase e a colocase preto dese rosetón, tamén seu, que loita coa luz e a escuridade para presidir ese recuncho a carón da praza. 
Limpo o bafo da ventá e ela segue aí, coas súas historias diminutas convertidas en xigantes ao longo do tempo. Só hai unha cousa que boto en falla e é esa noite coa que as farolas, tamén recuperadas do pasado, nos agasallan ao poñerse o sol. Unha riqueza máis en forma de estrelas e lúa que Teresa Casal se empeñou en que formaran parte dunha paisaxe, xa prodixiosa de seu que, agora, coa noite, xa é perfecta.


Publicado no Diario de Pontevedra 18/10/2014

1 comentario: