luns, 14 de decembro de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto V

En serio?
A última ocorrencia da campaña, a penúltima, que seguro que a estas horas xa se lanzou algunha outra á atmosfera, púxoa en circulación o presidente do Goberno e candidato do Partido Popular ao promover o traballo naqueles maiores que prolonguen a súa vida laboral mediante a exención do IRPF. Toda unha modernización do noso ‘parque laboral’ xa que en vez de adicar todos os esforzos a promover o traballo entre os mozos, o sector máis castigado polos índices de desemprego, adicámonos a prolongar o tempo de traballo da xente, eliminando outra das conquistas da nosa sociedade, como é o goce do tempo que a un lle pode quedar de vida.
O pasado domingo uns rapaciños cheos de ilusións no futuro (ou iso creo eu), repartían baixo o sol do inverno da Ferraría a propaganda do PP, unha publicidade titulada ‘España en serio’ na que se podía ler un dos obxectivos do Goberno: «Nos comprometemos a poner la economía al servicio de las personas». Tras ler isto e escoitar uns días despois a Mariano Rajoy xa só me queda pensar naquel corvo de José Luis Moreno, que dicía o de «Toma Moreno», acompañado dun simpático movemento oscilante de cintura.
Alentar o traballo da xente maior non é ser uns pioneiros no mundo á hora de axustarse aos novos tempos de longas esperanzas de vida nas persoas, simplemente é recortar a calidade de vida e promover un traballo que debería facer a xente que máis o precisa. Realmente isto é tomarse a España en serio?

Publicado no Diario de Pontevedra 12/12/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario