venres, 11 de xuño de 2021

Sen fronteiras

 

Saga/Fuga


SEMPRE me chamou a atención como estando tan preto estamos tan lonxe. Como tendo tantos elementos comúns o norte de Portugal e Galicia, ambas realidades se moven en paralelo e rara vez cruzan os seus camiños. Levo moito tempo reclamando que Galicia e Portugal deben achegarse entre si, fomentar ámbitos de traballo comúns, xerar relacións entre as súas poboacións e tecer redes que permitan un maior progreso conxunto en función das posibilidades individuais de cada un dos territorios. É por iso que me sorprendeu unha campaña de publicidade que dende hai uns días podemos ver nas nosas rúas e que promociona unha exposición no Museo da Misericordia de Porto, na que se amosa unha mostra conxunta do escultor Alberto Giacometti e do fotógrafo Peter Lindbergh.

Un feito que debería ser cotiá, e non ter que ser suliñado, xa que o normal sería que as propostas culturais, artísticas, turísticas ou de calquera outro ámbito social se publicitasen en territorio luso como as portuguesas terían que amosarse no noso país. Se un emprega a lóxica é moito máis razonable acadar públicos ou clientes a cen kilómetros que a seiscentos, e así moitas veces non se entenden ben campañas de publicidade da nosa contorna en espazos moi alonxados de nós cando ben máis cerca hai moitos potenciais clientes con máis posibilidades de achegarse ata aquí.

É certo que queda moito por traballar en canto á mellora das nosas comunicacións aínda cun atraso histórico permitido por diferentes gobernantes incapaces de ver un proxecto común supraterritorial que convertese a Galicia e o norte de Portugal nun espazo que non entendese de fronteiras e que tería a vantaxe de moverse nuns códigos moito máis compartidos do que poderíamos pensar. Pontevedra tería que estar permanentemente presente en vilas como Vila Nova de Cerveira, Braga, Guimarães ou Porto, por citar só algunhas que, de xeito recíproco, terían tamén que ofertarnos as súas moitas propostas culturais, xa que todas elas son vilas cunha ampla oferta nese eido que cada vez máis é un elemento dinamizador do turismo.

Abofé que moitos en Pontevedra non saben da existencia en Porto dese Museo da Misericordia, descoñecendo tanto a súa ubicación, na renovada e bulideira rúa das Flores, como os seus fondos artísticos ou as exposicións temporais que, como neste caso de Giacometti/Lindbergh, ofrécenos unha exposición de referencia mundial e que temos tan só a hora e media das nosas vidas. Sen esas publicidades todo iso sería invisible para nós de aí a importancia de activar este tipo de presencias a ambos lados dunha raia que tería que ser cada vez máis difusa. Os nosos centros culturais ou as nosas propostas turísticas terían que estar de xeito habitual presentes nas vilas portuguesas convencendo a futuros visitantes de que veñan á nosa terra.

A mostra que agora reclamou a nosa atención procede de París,  e por vez primeira sae da Fundación Giacometti en París, amosando a relación de ambos creadores e o contacto mutuo a través das pezas do escultor nun dos diálogos artísticos máis interesantes que podemos observar. Se a iso lle sumamos un paseo polo Cais da Ribeira e a posibilidade de comer un bo prato da riquísima gastronomía lusa, esta publicidade convértese nun pasaporte para pasar unhas horas marabillosas ben cerquiña, e amosando esa necesidade de que a nosa relación sexa moito máis intensa no desexo de que deixemos de ser, como decía o inesquecible Saramago, dous xemelgos pegados polas costas.

 


 

Publicado en Diario de Pontevedra 11/06/2021


Ningún comentario:

Publicar un comentario