venres, 11 de febreiro de 2022

Desleixo patrimonial

 

[Foguetes Verdes]


A SENTENZA que vimos de coñecer que obriga á Xunta de Galicia a manter en bo estado e asumir a conservación do Pazo de Lourizán ademais de poñer colorado a máis dun serve para comprobar o desleixo patrimonial que asola a nosa sociedade, e que é máis lamentable aínda cando son as leas políticas as que converten o noso patrimonio nunha morea de ruínas.

O pau da Xustiza á Xunta de Galicia por non cumplir o asinado nun convenio coa Deputación de Pontevedra, e que só por manter as espadas en alto con esa institución estivo en suspenso, tería que facernos reflexionar sobre as ferramentas que empregan os políticos para enfrontarse ao seus rivais e que non deberían permitirse. Se cando se asinaron sendos convenios nos anos 1991 e 2000 o estado do Pazo xa reclamaba a berros a súa rehabilitación, imaxínense como estará nestes momentos sen poñerlle unha man enriba en todo este tempo. Un tempo prexudicial para o propio futuro do emblemático edificio, un Ben Catalogado, e cuxa conservación incrementará en moito os seus custos polo acontecido.

Son décadas de desprezo sobre un dos edificios máis fermosos da nosa contorna e que podería servir para moitos aproveitamentos aos que xa se lle podería ter sacado partido. Moitas veces estes edificios non se reforman por parte das administracións non só polo propio custo, senón polo que vén detrás dun edificio vivo, isto é, a súa funcionalidade e posterior mantemento e xestión, pero é a obriga das administracións públicas esa posta en valor das arquitecturas que o tempo puxo nas nosas mans e que poderían ter un claro retorno á sociedade atinando neses usos.

Todo semella que este edificio destinarase ao sector forestal, a amosar a investigación e divulgar as posibilidades do sector, tendo en conta a súa ubicación e a proximidade á Estación Fitopatolóxica do Areeiro ou ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, pero un non pode tampouco deixar de pensar noutros posibles usos de ese edificio, máis abertos á cidadanía, e que non se poden despegar da súa propia historia, arredor da cal medrou un espazo case máxico a carón da ría de Pontevedra. Empregar as súas dependenzas para xerar todo un ámbito de coñecemento daquela Pontevedra de finais do século XIX e comezos do XX, cando a presenza de políticos locais, como o que fora dono do propio Pazo, Eugenio Montero Ríos, marcaban os pasos da política en España, podería ser un deles, ou, porque non, convertelo nun centro adicado á creación cultural, poucos espazos máis inspiradores para poder poñer en marcha toda unha serie de becas artísticas, tanto no literario como nas artes plásticas, con estancias de novos creadores que a través da súa obra amosen de xeito concreto as posibilidades innegables de inspiración desta idílica contorna.

Ás poucas horas de coñecer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un amigo me decía que se ía rehabilitar ese espazo para ter un fermoso fondo para as fotografías de tantas parellas que no día da súa voda escollen ese escenario para o ‘día máis feliz das súas vidas’. Precisamente diso é do que hai que fuxir agora, cando, aínda que collida polas orellas, a Xunta terá que conservar este espazo, e non só cuns poucos miles de euros para lavar a cara unhas horasantes  de saír esta sentenza e falando dunha boa vontade inexistente ao longo de trinta anos. Non hai que xerar un telón teatral por unha obriga xudicial, senón que o que nos ten que poñer a todos mans á obra é atopar un uso axeitado desas instalacións que nos leven o máis pronto posible a esquecer ese menosprezo feito a unha arquitectura que non é só pedra e madeira, senón parte da vida dunha cidade que quere gabarse do seu, e para iso precisa de xestores que entendan que hai cousas que están por enriba de calquera enredo político.

 


 

Publicado en Diario de Pontevedra 11/02/2022

Fotografía: Foto de Pintos empregada nunha postal a comezos do século XX. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario