venres, 25 de febreiro de 2022

Esculturas de loito

 

Saga/Fuga


COÑECIMOS no inicio de esta semana a noticia do pasamento de Dan Graham, o artista norteamericano que era, e o seguirá sendo, toda unha referencia na arte conceptual. Un enorme artista, recoñecido en todo o mundo, que forma parte dos manuais de ensino da arte contemporánea e do que en Pontevedra gozamos dunha peza. Unha desas formas xeométricas, neste caso unha pirámide, tan habituais na súa obra, nas que os xogos de reflexos sobre as súas superficies, as vocacións das súas caras para atrapar no seu interior unha realidade que se atopa fóra, permite xerar todo un universo de sensacións que dende o emprego do granito vencella esa peza á nosa terra. Todo un luxo para Pontevedra, que forma así parte dos lugares nos que enfrontarse á obra deste artista que, como o resto dos seus colegas na Illa do Covo, é toda unha figura da arte mundial.

As nosas esculturas están, daquela, de loito durante estes días, e non só por esa perda, senón tamén en solidaridade cunha das súas compoñentes, xustamente a máis pequena, a peza máis delicada e fráxil, que non é máis que un poético fragmento de granito negro de Campo Lameiro que, co nome de ‘Ceo acortado’, convida a unha reflexión sobre a nosa distancia co ceo da man doutro deses xigantes da arte mundial, como é o italiano Giovanni Anselmo. Ela, tan modesta, volve a comprobar o insensible que é o ser humano cando non se preocupa en respectar a cultura, cando fai das súas ideas peregrinas unha competencia absolutamente demencial co que significa todo un proxecto como o da Illa das Esculturas, do que aínda os nosos xestores non son quen de entender a súa importancia, de valorizalo e potencialo fronte ao cidadán, ou mesmo servirse del para vender a cidade polo mundo, iso que tanto nos preocupa e que facemos con tanto empeño con elementos moito menos importantes e singulares que este conxunto de obras de arte que noutro sitio serían un respectado complexo artístico.

Un solidaridade que xorde polo comezo duns traballos, que onte semellaban detidos, para instalar a uns poucos metros un parque de calistenia por parte do Concello. Isto é, para o que non o saiba, a colocación de todo un equipamento para desenvolver diferentes actividades físicas. Se é a primeira vez que o escoitan, e non son quen de imaxinalo, pois teñen un semellante a uns poucos metros, no Campus de Pontevedra. Así que esta febre calisténica nun radio de acción tan curto é a que pode levar ao afogamento da peza de Giovanni Anselmo, xa absolutamente maltratada na última reforma da Illa coa cimentación masiva da súa contorna e a instalación ao seu carón dunha agresiva iluminación que compite como unha mala escultura.

En definitiva, sumamos de xeito gratuíto (hai moitísimos espazos axeitados para tan loable finalidade nas beiras do Lérez) máis elementos que ocultarán a escultura. Pero tanto se se fai ou non é unha mostra máis do desprezo e descoñecemento do noso patrimonio por quen toma decisións que, lonxe de tentar activar todo este espazo dende a súa promoción cultural, non fai máis que, ou esquecelo ou perverter as súas posibilidades de futuro.

Sen un axeitado mantemento das pezas, sen apenas difusión na cidade, sen a súa divulgación no exterior, a Illa das Esculturas cada vez máis se converte nun espazo de loito no que pasear pensando en que temos o máis difícil, o que outros non teñen, un conxunto de nomes e obras de primeiro nivel, pero no que nos falta o máis importante, a confianza e a responsabilidade dos nosos políticos.

 

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 25/02/2022

Ningún comentario:

Publicar un comentario