sábado, 26 de decembro de 2020

Nadal de xiz

 Saga/Fuga

 

NOITEBOA. Non foi sinxelo chegar ata aquí. Estamos a piques de rematar un ano durísimo, cheo de  feridas na alma de moita xente. Todos nos sentimos afectados, certo que en diferentes grados, polos efectos do que tan só un ano antes soaría a un delirio dun guionista de Hollywood, inimaxinable que tivese lugar no mundo fóra da pantalla. Tócanos convivir con esta situación, tentar adaptarnos a ela do mellor xeito posible e tirar cara adiante, porque non hai outra. Tamén e o momento de pedir responsabilidade a todo o mundo e cumprir con aquilo que sabemos é o único que funciona neste curso intensivo de coronavirus no que levamos xa nove meses matriculados. Sexan todo o felices que poidan e a mellor das sortes de cara a un 2021 que, de ningún xeito, pode ser peor que este 2020.

Neste tempo que nos toca vivir están a mudar moitas cousas, algunhas de xeito frenético e outras de maneira máis pausada, como parte dun mundo que se esgota pero que non debemos esquecer como parte do que somos hoxe. Un tempo, o noso, no que cambian moitas maneiras de comunicarnos, de relacionarnos entre nós. Xa pouca xente recibe postais de Nadal, acostumados á inmediatez e os contidos dos nosos móbiles, quedando aquel esforzo da escrita como algo do pasado. Esa lembranza podémola revivir agora se visitamos no Museo de Pontevedra a colección de ‘Nadais’ que pertenceu a Filgueira Valverde. Auténticas xoias artísticas asinadas por grandes creadores como Lugrís, Seoane, Maruja Mallo, Díaz Pardo ou Cunqueiro, só por citar uns poucos nomes, que nos levan, no só a gozar dun exercicio artístico, senón tamén a comprobar aquel xeito de saúdo e felicitación entre as persoas de cara ao Nadal.

Arredor de Filgueira Valverde e do seu labor docente no Instituto Feminino, podemos recuperar outra fermosa tradición que xa hai tempo que se borrou da nosa sociedade. Fálolles da decoración de encerados feitos no Nadal polas alumnas e que se podían visitar ao longo do Nadal. Aqueles traballos quedaron conxelados no tempo, nas fotografías dos que, como o noso compañeiro Camilo Gómez, viviron aquela época. Un tempo que semella conterse en pezas como a que aquí asoma e que vista hoxe é un delicioso exercicio cheo de inocencia co que desde esta sección lle felicitamos as festas a todos os pontevedreses.

As rapazas que fixeron esta decoración de Nadal con xiz baseáronse na científica Escala de Mohs, coa que se mide o grado de dureza dos elementos da natureza, para facer unha clasificación dos seus mestres, que así quedaron reflectidos naquel encerado que logo se borraría, pero ao que hoxe podemos asomarnos nunha viaxe no tempo e grazas ao labor de persoas como Piruco Estévez, que nos deixou neste tráxico ano e ao quen non puidemos despedir como se mereceu e nos gustaría, e que tanto fixo por manter en pé o arquivo deste xornal no que Pontevedra latexa por cada recuncho.

Como eses encerados os nosos recordos esvaecen no tempo. O xiz bórrase cando pasamos a man sobre el, e o certo é que o noso mundo, cheo de orgullo e prepotencia, semella querer borrar demasiado rápido moitas pegadas do pasado que entendemos inútiles na vértixe actual. Cando aquelas rapazas do Instituto Feminino pintaban os seus encerados para festexar o Nadal, pouco podían imaxinar que máis de cincoenta anos despois outros veciños desta capital asomaríanse a ver o seu traballo dende as páxinas dun xornal que xa estaba candas elas e que oxalá siga estando moitos anos máis.

Non son bos tempos nin para os xornais, nin para as postais, nin para ollar un pasado no que cada vez menos buscamos acubillo. Os novos xa non querer saber o que aconteceu antes ca eles e o noso mundo móvese hoxe nunhas coordenadas nas que é imposible deterse a pensar no que fomos e, polo tanto, sendo incapaces de entender o que é hoxe.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 24/12/2020

Fotografía. Encerado decorado no Instituto Feminino de Pontevedra no Nadal de 1965 (Camilo Gómez)

Ningún comentario:

Publicar un comentario