venres, 2 de abril de 2021

Do chan á parede

 

Foguetes verdes

Ignacio Pérez-Jofre, mestre na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, amosa, na Fundación Laxeiro, unha obra construída a partir do contacto coa cidade na que o chan é o protagonista e a testemuña da nosa relación coa urbe

 


 

TANTAS veces desprezado, aquilo que acontece baixo os nosos pés acada nesta exposición unha nova dimensión. O chan, suxo, sinalado polos nosos movementos sobre as beirarrúas, eríxese agora como soporte artístico e pasa a formar parte do proxecto creativo que Ignacio Pérez-Jofre desenvolve arredor da contorna urbana e da súa relación co individuo.

Un cambio de perspectiva que enche o espazo de exposicións temporais da Fundación Laxeiro en Vigo, baixo o comisariado de Javier Pérez Buján, cos chans que rexistra o autor dentro dun proceso de trasferencia da realidade ao plástico que caracteriza o seu traballo e investigación. Diferentes pavimentos, diferentes texturas, converxen nestes soportes de papel de 200x150 cm. que semellan anacos de beirarrúas arrincados da faciana da cidade e chantados nas paredes dun espazo que semella levar ao espectador a unha dimensión diferente, unha nova percepción da realidade que muda a súa horizontalidade pola verticalidade da parede. Cada unha destas pezas parte dese ‘frotagge’ de pegadas sobre terras que se colmatan con maior ou menor intensidade nuns papeis que as veces aparecen perforados e que non deixan de ter unha apariencia industrial, como acontece con moitas das nosas urbes esaxeradamente vencelladas aos nosos hábitos capitalistas, a un consumismo desbocado que aínda que non nos pareza deixa as súas pegadas sobre a propia pel da cidade. Esa pel é a que semella arrincar o profesor titular de Pintura na pontevedresa Facultade de Belas Artes que fai da súa condición de pintor, do proceso de manchar a superficie e de traballar dende esa posibilidade matérica, unha recuperación íntima do procesual que permite renovar a súa teima pola experimentación co soporte e co material como maneira, como camiño á hora de traducir a realidade, ou, cando menos, esa parte da realidade dende a que o artista tenta reflectir as súas preocupacións como creador.

As diferentes pezas, que forman parte da serie ‘Terra’, trabállanse, en primeiro lugar, na elección do que poderíamos chamar a trama do chan, ese tipo de pavimento que xa configura de seu unha sorte de debuxo a partir do cal intervén o pintor coa incorporación dos materiais, terras, refugallos que, atopados na contorna elexida, intégranse na superficie mediante o pisado polo propio artista, recuperando a técnica do ‘frottage’ que xa Max Ernst empregara dentro das súas compoñentes vencelladas ao surrealismo e ao azar, elementos que tamén aquí teñen o seu lugar para definir como se organizan os nosos espazos comúns permitindo tamén achegar unha análise dende o artístico da nosa realidade.

Ata o 2 de maio podemos enfrontarnos a estas Terras ou a estos chans que ante nós falan moito máis do que podemos pensar de cómo somos, de cómo facemos a nosa vida cotiá e de cómo, no máis insospeitado das nosas cidades, tamén emerxe unha forza plástica, unha beleza que parte dese rexistro pero que logo, o artista, no seu estudio, configura como unha pintura máis, como unha paisaxe contida nun anaco de cidade, nun anaco de nós.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 1/04/2021

Fotografías. Pezas da exposición 'No chan' de Ignacio Pérez-Jofre. (Fundación Laxeiro) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario