sábado, 18 de decembro de 2021

Novos cinemas. Novos soños

 

[Foguetes verdes]

Unha nova edición do Festival Novos Cinemas recupera para Pontevedra unha cita clave non só como referente cultural senón como medio educativo e de posicionamento da cidade.



VOLVE a escurecerse o patio de butacas do Teatro Principal. Volve a iluminarse a súa gran pantalla para acoller as propostas fílmicas dunha chea de nomes, ao mellor descoñecidos para o gran público, pero cun enorme talento que lles servirá, en pouco tempo, como pasaporte para conquistar as pantallas dos mellores cines e festivais do mundo. Porque esa é precisamente a intelixente e singular aposta do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas, a de abrir novas xanelas ao mundo a través das miradas de xente que comeza neste complexo universo do cine. Unha programación que amosa non só as capacidades dos seus protagonistas, senón ilusións e soños. Moitos deles transmítense a un público cada vez máis cómplice coa metodoloxía deste Festival que pinga a pinga está a formar todo un océano de espectadores que non renuncian a formar parte desas linguaxes que explican o mundo dende a fasquía das imaxes.

Achegarse ata o domingo ás diferentes seccións, ou aos seus encontros e talleres, supón compartir toda unha rede que medra arredor dese milagre que se atopa tras ese raio de luz que racha a escuridade e impacta nunha pantalla branca, e que ano tras ano espállase por todo o mundo coa presenza de directores e membros dos xurados procedentes de diferentes países e pertencentes a prestixiosas institucións relacionadas con este medio e que dende o seu paso pola nosa cidade acóllena como unha parte máis das súas expectativas vitais e profesionais.

Redes que tamén se tecen na nosa contorna e que se prolongan máis alá da programación que durante estes días asoma polos medios de comunicación e que forman parte dun traballo aínda máis de vagar que é o que se desenvolve en centros de ensino, achegándolle o cinema aos máis cativos, aos que teñen aínda que familiarizarse cun xeito de comunicación e unha estética que os acompañará ao longo da súa vida, e que os plans de estudo seguen a desprezar de maneira oficial como parte da súa educación. Ver as imaxes desas aulas con membros do Festival falando de cine con nenos e nenas ou as que xorden da presenza de estudantes da nosa cidade no Teatro Principal, acompañados por directores e directoras que amosan o seu traballo, explicándoo e dando a coñecer o seu xeito de ver o mundo, é algo impagable para todo proxecto cultural, e tamén para quen o apoia, para unhas institucións como Universidade, Concello, Deputación e Xunta de Galicia que, xuntos (mágoa que non actúen así en máis eidos da nosa sociedade), defenden e proxectan a cultura como un xeito responsable de xerar mentes críticas con nós mesmos e iso, xustamente, nun momento de balbordo e desconcerto como o que estamos a vivir, que é cando máis se precisan.

Ese apoio, xunto ao dos diferentes patrocinadores, é fundamental para que os organizadores, nomeadamente Dani Froiz, Suso Novás, como directores do mesmo, ou a imprescindible Andrea Villa, no seu labor de coordinación, sigan a propoñer e achegar ata nós obras e nomes para fornecer esta rede fílmica de seis edicións, que en realidade son sete, e que cada ano nos deixa momentos inesquecibles, como o da inauguración da man de Marcos Nine e a súa ‘A Virxe Roxa’, ou os que viviremos na clausura con Chema García Ibarra, os encontros coa obra de María Perez Sanz, a clase maxistral de mañá con Jaime Pena e tantos e tantos fotogramas que farán destas xornadas de Novos Cinemas a conquista de novos soños, a conquista por todos da maxia da arte do cinema.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 17/12/2021.

Foto: Presentación dunha proxección para escolares con Suso Novás e as directoras Sabela Iglesias e Adriana Villanueva (Gonzalo García) 

Ningún comentario:

Publicar un comentario