venres, 6 de novembro de 2020

Memoria e dignidade

 


CAMIÑO pola avenida de Bos Aires ao tempo que o outono enche ese paseo dunha alfombra de follas secas que racha o silencio que me envolve coas primeiras luces do día. Xente a pé cara o traballo, os primeiros deportistas do día, en definitiva, o latexto cotiá da cidade. Chego a esas catro pezas que en 2006 instalou o Concello de Pontevedra como lembranza da escuridade que encheu de dor a nosa vila. Alí mesmo foron moitos os fusilados no comezo da Guerra Civil, que na nosa contorna non foi guerra senón represión e medo. Un manto abafante que cubriu a Pontevedra durante moitos anos, rachando vidas e familias, e que cada mes de novembro temos a obriga como comunidade de lembrar.

Só o paso dalgún coche e esas follas renxendo baixo os meus pés deteñen ese silencio que se transmite ao paso a carón desas ‘árbores’ que, de xeito tan intelixente, plantexou Fernando Casás como símbolo da memoria e da dignidade. A memoria que debe manterse sempre acesa para saber de onde vimos. Somos o que nos fixeron. E a dignidade que, como eses troncos secos, sen vida, é o que nos mantén en pé fronte á intransixencia, o odio e a miseria humana.

Que o Concello plantexe actos que activen a nosa memoria cada novembro é unha das accións políticas que máis debería enchernos de orgullo. Toda institución ten que evitar darlle as costas a aqueles feitos que durante tanto tempo se entenderon como algo que lastraba a nosa sociedade e que tiña que permanecer oculto das nosas vidas. Tal e como aconteceu o martes no Congreso dos Deputados, coa lembranza do 80 aniversario do pasamento do Presidente lexítimo do Goberno Español, Manuel Azaña, que rematou os seus días en Montauban, no exilio francés. Onte, no Teatro Principal, tamén lembramos a familias pontevedresas que desenvolveron as súas vidas baixo o exilio, e que recuperamos baixo o fío radiofónico da emoción das netas das exiliadas Elisa Rosa Venta Pintos e Alejandra Nogueiras. Pero non foron só elas, senón que pensadores como Castelao; artistas como Arturo Souto ou Leopoldo Nóvoa; traballadores como os Gama, formaron parte desa obrigada diáspora esquecida dos respectos e dos tempos nos que non se quixo mirar atrás. Abrir feridas se adoita decir, cando nunca estiveron pechadas.

A memoria ten que colonizar todos os ámbitos da sociedade para acadar a súa normalidade, e así, casualmente, esta semana a Academia do Cine elexiu como opción para os Oscar o filme ‘La trinchera infinita’, o que lamentamos por deixar fóra a nosa xoia do audiovisual galego, ‘O que arde’, pero que tamén é unha boa película, ao tempo que sinala ese alento á nosa memoria arredor da represión sofrida tras a sublevación militar coa historia dun ‘topo’, un home que viviu tres décadas entre os tabiques da súa casa, agochado das gadoupas do franquismo.

Cada unha destas accións, cada un deses actos, son os que nos farán sentir mellor, os que nos empuxarán a levantar cada vez con máis forza a nosa cabeza cando camiñemos por lugares como o sinalado na Avenida de Bos Aires. Espazos da memoria que agochan un silencio de dignidade que nalgún momento se rachou por uns disparos que se sentiron na cidade como un arreguizo, na procura de encher de medo as nosas rúas. Disparos que escoitaba o rapaz Sabino Torres dende a súa casa chegados da Caeira, e cuxas palabras alumearon a nosa memoria nestes días de Defuntos dende as paredes de San Mauro grazas á sensibilidade de Francisco Abuín. Xestos da memoria e da dignidade.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 6/11/2020


Ningún comentario:

Publicar un comentario