venres, 27 de novembro de 2020

O ruído do silencio

 Saga/Fuga


SI, O SILENCIO pode ser o máis grande balbordo que nos podemos atopar na vida. Un silencio que, como un pozo escuro, nos engule e converte as nosas vidas nun pesadelo. Así lle aconteceu a Josefina Arruti. O silencio que rodeou a súa vida, sinalada por aqueles que sabían do seu pasado, un pasado cheo de inocencia e cuxa única culpa foi a de amar a un home que fuxiu da barbarie humana, daquela persecución, que en Pontevedra fixo dunha Guerra Civil un axuste de contas entre veciños, de malleiras e disparos no abrente, ou de vixilancias aos que eran sospeitosos de ser cómplices daquilo que entendían ía contra os intereses mesquiños dos sublevados.

Josefina Arruti era a muller de Bibiano Osorio Fernández-Tafall, un dos nomes máis importantesa da Pontevedra dos anos vinte e trinta. O seu currículum científico acompañouse do seu labor político, sendo alcalde da cidade entre 1931 e 1934, impulsando o Estatuto de Galicia ao participar na súa elaboración.Deputado por Izquierda Republicana a súa muller e fillos déixano en Madrid horas antes daquel 18 de xullo de 1936 onde todo cambiou neste país. Esa despedida foi unha eternidade, xa que nunca voltaron a encontrarse. El marchou a México e Josefina Arruti converteu a súa estadía en Pontevedra, na súa vivenda de Benito Corbal, nun acto de resistencia rodeada de silencios que converteron o exilio interior nun exilio íntimo. Imposíbel saber o que podía pasar pola cabeza daquela muller asexada acotío pola súa contorna. A muller dun home fuxido, dun home ‘perigoso’, dun ‘roxo’. Dezaoito meses encarcelada e dous anos baixo arresto domiciliario, cos gardas ao pé da súa porta. Coas miradas da veciñanza e daqueles que pasaban ante a súa casa fixas neses gardas que sinalaban. Cando chegaba a noite o pesadelo medraba e ese silencio multiplicábase, e só se rachaba co ruído dos escapes das motocicletas que empregaban no cuartel que estaba a carón da súa casa para apagar os laios, as bágoas e os berros dos que sofrían as torturas daquela Garda Cívica que escribiu unha das páxinas máis noxentas da nosa historia colectiva.

A vida pasou e as miradas a esta familia voltaron co pasamento de Bibiano e o seu enterramento no panteón familiar de San Amaro, no que Josefina Arruti autorizara en non poucas ocasións o seu uso a aqueles represaliados e asasinados. Todo un monumento de solidaridade, como a propia Josefina foi un monumento vivo para as mulleres que sofriron as pegadas da violencia, que nelas se esqueceu ata hai uns poucos anos.

Este novembro asistimos a cómo ese silencio se pode rachar dende a iniciativa polo coñecemento da vida de moitas delas. Así aconteceu coa Señora Lola, e o seu mural a carón de Pasarón; ou con Virxinia Pereira, e a biografía escrita por Montse Fajardo; e nesta fin de semana unha nova acción, impulsada polo programa municipal ‘A memoria das mulleres’, repara na vida de Josefina Arruti, á que o concello de Pontevedra xa lle adicou unha rúa no ano 2015, como un chanzo máis na procura da visibilidade de todas estas mulleres.

O interesante destas propostas é que se poden afrontar dende moitos ámbitos de traballo, por iso a que se presenta no Culturgal o vindeiro domingo fai medrar esas achegas xa que falamos dun cómic. Dun traballo de banda deseñada asinado por Kiko Da Silva e Pablo Prado que, baixo un título tan poderoso como o de ‘Os berros da motocicleta’, converte nunha historia visual a vida de Josefina Arruti. Deste xeito é como nos atopamos con esta xoia, cunha especie de carta, como as que tanta importancia teñen no relato, que chega ata nós dende a xenialidade que medra dende o noso Garaxe Hermético, ese bulir de historietistas que están a encher Galicia dende Pontevedra de auténticos artistas. Unha vida, polo tanto, que chega a nós para que coñezamos esa historia, a existencia dunha muller que se mostra non só coa emoción que xa vén de seu, senón por cómo se plantexa ao longo do cómic. Fotos que non temos, pero que rematan asomando ante nós. Páxinas que non se limitan ao encargo de contar unha historia, senón que narran unha epopea de xeito visualmente tan brillante como cando se nos conta a Guerra Civil na viaxe en tren de Josefina Arruti de regreso a Madrid; ou cando se reflicte o xuízo de Alexandro Bóveda coa reprodución da derradeira carta dirixida a súa muller; ou cando asexamos por esas fiestras tralas que as bágoas de Josefina Arruti caían polas súas meixelas sabendo que o seu home paseaba por Pontevedra da man doutra muller.

O guión de Kiko Da Silva e os debuxos e a cor de Pablo Prado converten de novo a historia dunha muller da nosa cidade, nunha historia a reivindicar, a posta en valor, tras tantas décadas, dun esquecemento que quedará na complicidade dos que voltaron a cara a uns feitos que veñen a rachar un espeso e sonoro silencio.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra. 27/11/2020

Ningún comentario:

Publicar un comentario