venres, 19 de marzo de 2021

Un proxecto fermoso

 

Saga/Fuga


CORENTA ANOS de proxectos fermosos. Corenta anos de historias e lecturas viaxeiras, de olliños cheos de aventuras, de emocións e arreguizos na pel. Iso si que é todo un proxecto fermoso, como decía a inesquecible veciña de todos nós e, en especial da Libraría Seijas, María Victoria Moreno. E a iso foi ao que adicaron todo ese tempo Luz Gallego e Manuel Seijas, acubillados nese espazo de resistencia fronte ao exterior que foi a súa libraría na Avenida de Vigo. Unha rúa con arrecendo a pan saído do forno de Acuña, pero tamén con olor a libros, a páxinas que saíron durante esas décadas dese outro forno quente de dozura e agarimo. Imposible non facer con todo ese lévedo un bo pan en forma de lectores e lectoras.

«Cuando tenga hambre dadme medio pan y un libro», dixo Lorca cando se inaugurou a biblioteca do seu pobo. Luz Gallego e Tito Seijas seguiron de xeito apaixoado as palabras do poeta e non deixaron de poñer libros nas nosas mans, sementando toda Pontevedra, e máis alá, do mellor que temos para medrar: as historias, as palabras e, como a súa foi unha especialización no libro infantil, tamén as fermosas imaxes que neles se conteñen e que fixeron do libro infantil e xuvenil unha das nosas referencias culturais. A iso estes libreiros adicaron a súa vida, non só entre as paredes do seu castelo cheo de princesas rebeldes, de animais fantásticos ou de naturezas máxicas, senón tamén ao longo dos diferentes proxectos que fixeron desta cidade toda unha capital do libro destinado as nosos nenos e nenas. Aí temos a incrible editora Kalandraka e espazos como o Salón do Libro ao que tantos esforzos eles mesmos adicaron na súa configuración e posterior éxito, ou un Culturgal que os tivo tamén como libreiros de referencia.

Agora chega o tempo da xubilación, do gozo de facer do tempo unha conquista na que abofé os libros seguirán moi presentes. Os que estamos afeitos a esa adicción sabemos que o ben máis prezado é o do tempo. Nenuca e Tito gañaron a pulso ese tempo e oxalá este sexa xeneroso con eles, como eles o foron con todos eses pequechos que collían un libro das súas mans como se fose un tesouro, e claro que o era. Un cofre que levarán sempre xunto a eles, primeiro de xeito físico, pero despois como un recordo, como a lembranza acesa dunha historia e de todo o que a rodea, como é de onde saiu.

Sabemos que non son tempos sinxelos para os libros co papel acosado polas pantallas, de aí que aínda teñan moito máis valor esas redes que teceron estes libreiros durante tantos anos como unha malla de complicidade que nos suxeita tantas veces en momentos complexos, como o foron os meses de encerros domésticos nos que os libros foron as boias ás que aferrarnos no naufraxio. Templos complexos nos que mesmo as librarías poden sucumbir no tremor da crise xeral, de aí que defender as librarías e defendernos a nós mesmos. Falaba antes da Libraría Seijas como dun espazo de resistencia, e tanto Nenuca como Tito déronnos tamén unha lección nese terreo, no de combater as desilusións dunha sociedade que demasiadas veces lle dá as costas á cultura, xa non só dende o institucional, senón tamén dende o ámbito familiar, confundidos no que é mellor para os nosos sen reparar nas fortalezas dos libros e todo o que nos poden achegar.

Pregamos porque ese castelo teña un novo dono que manteña aberto ese pasadizo de ilusións cos que as librarías se unen as cidades. Así Pontevedra laiarase menos pola ausencia de quen ben sabemos seguirán deixándonos historias polos recunchos da cidade que tanto os quere.

 

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 19/03/2021

Fotografía: Nenuca e Tito Seijas ante un dos andeis da Libraría Seijas (David Freire)

Ningún comentario:

Publicar un comentario