venres, 26 de novembro de 2021

Moito Máis

 

[Foguetes verdes]


POUCAS EMOCIÓNS máis fondas ao longo do ano que as que emerxen na fin de semana do Culturgal. A nosa feira das Industrias Culturais e na que ollamos enfite ao que somos quen de facer na nosa terra dende a cultura, que sempre é moito. Moito máis do que sabemos, xa que nunca deixa de sorprendernos. Moito máis do que a apoiamos, xa que adoitamos quedarnos sempre curtos no seu consumo. Moito máis do que nos gabamos dela, movéndonos, aínda en demasiadas ocasións, coa cabeza baixa cando falamos do noso fronte a outros sistemas culturais.

E moito máis tamén é o que nos atoparemos nesta edición que volve ao Recinto Feiral de Pontevedra, tras superar (e cruzo os dedos ao tempo que escribo) ou polo menos mellorar os efectos da Covid, que o ano pasado, cunha máis que meritoria edición, obrigou ao seu desenvolvemento no Teatro Principal. Iso si, en Pontevedra. Porque Pontevedra é Culturgal como o Culturgal tamén é Pontevedra. Dúas realidades que atenden a unha mesma identificación coa cultura e que cada vez máis non se entenderían a unha sen a outra. Pontevedra ao longo do ano tamén é unha sorte de Culturgal permanente, coa súa axenda de actividades diarias vencelladas a unha cultura participativa, na que conflúen unha chea de axentes e protagonistas que fan desta actividade, unha das máis prezadas polo ser humano, ademais dun xerador de produtos de calidade un dos motores económicos da cidade e da súa contorna.

Tamén os afectos van ser moito máis intensos. Se algo caracteriza a esta feira é esa sensación de xuntanza dos diferentes protagonistas da cultura que, dende os máis diversos puntos de Galicia, coinciden en Pontevedra durante un encontro cheo de sentimentos que desta vez serán redobrados porque, tras a situación do pasado ano, hai moito tempo que, con tapabocas ou sen el, a xente non se mirou aos ollos e iso, mirarse aos ollos, é unha parte fundamental da cultura. Porque cando un escritor, un director de cine, un actor, un músico, un libreiro ou un artista plástico desenvolve calquera das súas actividades o que fai é plantexar un diálogo coa persoa que está ao outro lado do seu labor, e aí a mirada é o lugar de unión entre ambos. As miradas volverán ao Culturgal, enfrontaremos os cóbados ou os puños, entendendo que estamos nun tempo novo no que a nosa cultura é, xustamente, un dos lugares máis firmes nos que atopármonos.

Volvo durante unhas liñas aos días do confinamento, e se algo lembro con claridade é que non podo entender aquel tempo sen todos eses produtos culturais que pola miña casa flotaban como boias nun océano do desacougo. Suxeitarse a elas, descubrir  novos materiais ou recuperar algúns xa coñecidos, foi unha parte importante á hora de superar todo aquilo da mellor maneira posible, de aí que a cultura temos que entendela como moito máis que un entretemento, xa que nela agóchanse moitos elementos beneficiosos para a nosa condición humana, máis aínda, cando as cousas veñen reviradas.

A volta a esa moqueta que adoita cubrir o recinto no que os diferentes stands poñen ante nós a súa produción, ou as súas achegas institucionais, significa poñer o pé nun chanzo máis da nosa valoración como comunidade, facendo da cultura un itinerario común no que se adoitan atopar as diferentes sensibilidades de pensamento ou do eido político que noutros contextos teiman moverse entre esgotadoras tensións para o cidadán. A cultura tamén ten ese valor, o de ser unha paréntese no balbordo do cotiá e dende onde poder entendernos todos dun xeito máis relaxado. Unha bandeira da axitación que se substitúe pola bandeira que xorde dunha lingua que precisa sempre, e cada vez máis, de bos ventos que a manteñan activa entre todos como o noso máis firme elo colectivo.

Xa temos ao Culturgal entre nós, fagan por ir, escollan na amplísima programación o seu momento preferido, asegúrolles que non se arrepentirán. A festa da nosa cultura é toda unha celebración colectiva daquilo que mellor nos pode representar no mundo, pasarano moi ben e sairán, abofé, que moito mellor do que entraron, xa que a cultura é o mellor camiño para a mellora do ser humano converténdonos en moito máis.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 26/11/2021

Fotografía: A última edición do Culturgal celebrada no Recinto Feiral de Pontevedra foi a de 2019 (Rafa Fariña)



Ningún comentario:

Publicar un comentario