venres, 19 de novembro de 2021

Os soños de Ekaitz. Entre baleiro e forma

 

O arousán Elías Cochón Rei amosa as súas obras na Casa de Galicia de Madrid ata o 29 de novembro. Cadros e esculturas nas que o autor mantén unha loita entre a materia e o baleiro, e todo iso baixo un xeito de traballar que se afunde na tradición e no traballo manual para honrar o seu vencello co mundo da fundición



Baleiro e forma seguen sendo para Elías Cochón Rei (Vilagarcía de Arousa, 1966) o seu universo plástico. Un enfrontamento dende o que plantexar unha traxectoria artística que cada vez máis nos amosa unha profunda seriedade nos seus plantexamentos. Un rigoroso traballo que xorde do aspecto máis material do facer artesán, de meter as mans na materia, de explorar as súas posibilidades en conexión cun sentimento, para acadar así un traballo que satisfaga ao seu autor e, desta vez, aos soños do seu fillo Ekaitz, a quen adica esta exposición que, certamente ten moito de soñar.

Familiarmente vencellado a unha empresa mítica no mundo da fundición nas Rías Baixas e en toda Galicia, Fundiciones Rey, o seu traballo comeza dende esa infancia a carón do lume e o ferro, desas coadas que deixaron en Elías Cochón unha fonda impresión, ao tempo que lle facían preguntarse por cómo se poderían aproveitar eses materiais máis alá do puramente funcional ou profesional, e como o ámbito plástico podería aproveitarse do que presenta unha chea de posibilidades.

Ese proceso de observación madurou, recollendo materiais devastados polo lume, cinzas, terras, óxidos, acrílicos e ata chegando ao punto de, ao xeito dun alquimista, xerar novos elementos que, dunha maneira ou doutra, tamén forman parte do noso universo. A carón de Camilo Otero entendeu unha nova sensibilidade para organizar as formas no espazo, para xerar diferentes posiblidades e para facer do baleiro unha parte máis da escultura, e así chegamos as súas primeras exposicións, no ano 2003. Ano dende o cal a súa obra estivo presente en infinidade de recintos para convalidar ante o público o feito no seu taller de Bamio.

Ao falar da obra de Elías Cochón non podemos eludir a pegada de nomes esenciais da escultura do século XX como Chillida e Oteiza, pero sobre todo será o seu interese polo construtivismo ruso o que nos explique, dun xeito máis atinado, a análise e estudo do espazo na obra de arte e como toda esa materia constrúe un universo propio. Un universo de Elías Cochón que soña Ekaitz, o seu fillo, mirada sempre atenta ao que fai o seu pai, e ata en ocasións aprendiz de artista. O certo é que a exposición que na Casa de Galicia contén o traballo dos seus últimos anos é, precisamente, unha mezcla de universo e soños, e iso é o que lle dá esa sensación de materia atraínte para o espectador, para poder habitar todas esas pezas dende unha mirada que non deixa de caer no abraio ante as infinitas posibilidades que plantexa Elías Cochón cos seus materiais, auténticos pasaportes de lugares e visitas as máis diferentes latitudes do mundo que percorre Elías Cochón ben atento a como esas texturas poden ingresar no seu estudio e, posteriormente, na obra de arte. Elías Cochón non dubida en achegarse a esas novas presenzas, a tantealas, e mesmo a entendelas, para así aproveitarse das súas posibilidades, ben sexa en relación á cor, a súa fisicidade ou cantas posibilidades o artista entenda que esa materia pode engadir ao cadro.

E o resultado é unha chea de xeografías que se despregan sobre o lenzo. Nunha sorte de cartografía artística que fala de lugares, pero tamén do respecto a unha profesión que vén de antigo, na que a familia de Elías Cochón é toda unha referencia no sector. E así, as horas e horas do artista fronte a obra recuperan ese traballo físico ao que estiveron sempre ligados os oficios na nosa terra. Volumes enfrontados, baleiros no cadro, superficies que se achegan a nós... sería infinito o definir como Elías Cochón traballa esas superficies, auténticos relevos que semellan a xeografía dun territorio no cal, se algo temos presente é, precisamente, a non presenza, a ausencia do ser humano. Nesas abstraccións está claro que estamos demais, non seríamos benvidos a todos estos territorios case oníricos, a espazos dunha pureza e dunha emoción que todo o que ten que ver co ser humano non faría máis que contaminar esa superficie. De aí que ese carácter puro das formas lles outorga algo de espazo máxico, case sagrado, caendo nunha poética das formas que permite ver cada un destes traballos como un instante de recollemento interior, un ascetismo que nos contaxia e dende o que nós tamén caemos nun proceso de reflexión interna sobre a contundencia da súa materialidade, ao tempo que o facemos sobre esa sensación de trascendencia que emana das pezas.

Xustamente cúmprense dez anos da mostra que Elías Cochón tamén amosou neste mesmo recinto madrileño. Dez anos nos que nada é o mesmo e ao longo do cal a linguaxe plástica do noso protagonista madurou para concederlle ás súas obras esa sensación de eternidade que só a boa arte é quen de acadar. Un proceso que se fixo máis complexo, como se o artista quixese saber ata onde podía chegar e así é como asistimos nesas xeografías aos xogos dos fractais, a unhas estruturas que teñen a súa correspondencia, liñas, baleiros, curvas que provocan fronte a elas unha repetición dese modelo e que lle outorga á obra de arte unha organicidade que vivifica esas superficies.

Asistimos, polo tanto, a un cada vez maior dominio da materia por parte de quen fía todo a esa compoñente e as súas posibilidades expresivas. Percorrer estas pezas supón adentrarse nun proceso creativo dunha forte intimidade e que, coñecendo onde traballa Elías Cochón nun estudio que, como un miradoiro, ten fronte a el todo un espectáculo da natureza das marxes da ría de Arousa. Pero Elías Cochón, renuncia a facer desa natureza motivo e fin do seu traballo, a reflectir unha contorna que tería moitos seguidores e un maior recoñecemento, pero a arte, e a súa relación coa intimidade non entende de esas cousas e Elías Cochón se algo lle pide á arte é que lle dé respostas as súas inquedanzas, a esa organización do espazo no que a materia se revela como a gran protagonista. E isto penso que ten moito que ver a que cando Elías Cochón colle nas súas mans unha puñada desas terras non fai máis que facer o mesmo que facía de neno no obradoiro da fundición familiar, cando collía coas súas pequenas mans os materiais cos que se traballaba. Daquela Elías Cochón soñaría con algún día poder facer deses materiais parte esencial da súa vida, un soño que agora se converte, ademais do seu traballo profesional, nun conxunto de obras de arte que son o testumuño de que os soños se poden acadar, os dun pai, pero tamén os dun fillo.

 


 

Publicado no Diario de Pontevedra 15/11/2021

Fotografía: Unha das pezas da exposición de Elías Cochón na Casa de Galicia en Madrid. (José Luiz Oubiña)


Ningún comentario:

Publicar un comentario