mércores, 17 de novembro de 2021

Vidas feridas

 

[Ramonismo 89]

'O cervo e a sombra’ converte, de novo, os textos de Diego Ameixeiras, nun gume sobre o que se move a nosa realidade



CADA libro que nos achega Diego Ameixeiras é un chanzo máis nesa simbiose entre realidade e ficción, entre o que acontece na nosa contorna, e cómo o escritor emprega eses materiais para artellar unha historia.

O cervo e a sombra’ (Xerais), é unha das mellores novelas escritas por Diego Ameixeiras, e dicir isto dun autor que nos últimos anos leva poñendo nas nosas mans varias das mellores obras da nosa literatura, é un xeito de reafirmar unha forma de narrar singular coa que este autor ocupa un espazo de seu na nosa paisaxe narrativa.

Unha paisaxe que tende a reflectir o común, isto é, a facer da vida nos barrios das nosas vilas, onde atopamos á xente máis humilde e, normalmente a máis chea de problemas, o magma que flúe polas súas historias. Problemas que fan deles unha sorte de heroes do cotiá, xente anónima que se enfronta aos atrancos que a vida adoita poñer ante nós, máis complexos en función do hábitat e as circunstancias desas persoas, pero que a Diego Ameixeiras sérvenlle para plantexar toda unha serie de matices humanos, de dúbidas e contradicións que, ao longo de cada un dos seus textos, levedan dun xeito poucas veces agardado. Neste caso cóntansenos os últimos días na vida de Mateo quen, dende a venda de drogas a pequena escala, tece ao seu arredor toda unha serie de complicidades que dende as débedas de vida ou o amor, establecerán o seu marco vital. Un perímetro de espiño que pouco a pouco, a medida que pasan os días, dende o contacto coas persoas e as trampas da existencia, vaise acurtando, achegándose a súa pel ata comenzar a sentir ese gume frío e a percibir toda unha serie de feridas da vida que serán imposibles de sortear. Fronte a iso un horizonte escuro, so alumeado polos ollos dese cervo implicado na morte dos seus pais nun accidente de tráfico que mudou para sempre a vida do protagonista cubríndoo todo cunha mestura de mágoa e sombra cada vez máis densa e que só, cando o amor asomou permitíu albiscar unha certa claridade que Mateo pretende recuperar co regreso dese amor que foi e que finalmente quedarase niso, nun pasado que lembrar.

Pero nesa esperanza é na que Diego Ameixeiras converte en especial este libro. Se nos seus anteriores relatos, con títulos como ‘A noite enriba’ ou ‘A crueldade de abril’, por citar os dous máis recentes, apenas había espazo para esa esperanza, desta volta algo semella mudar. A presenza dun sacerdote co que Mateo colabora en diversas causas sociais, unha especie de comuna que se forma para tentar mudar a sociedade e a lumieira do amor, semellan axitar, tanto en Mateo como no propio Diego Ameixeiras, unha conciencia de que o futuro pode ser diferente e de que ao mellor ese espiño non ten porque chegar a ferir.

O que si nos atopamos de novo é a espléndida escrita de Diego Ameixeiras, os seus diálogos, frases que poderíamos gravar nos frontispicios das nosas vidas: «Se unha porta se pecha, non se chora. Éntrase a patadas noutro sitio» ou «Un é o que cre que deixou de ser», só por citar dúas das moitas que obrigan á pausa e á reflexión. Unha escrita que se tinxe dunha pulsión xornalística que nos leva a formación do autor, a ese desexo por poñer a vista na actualidade, neses vieiros de vida que se agochan nas nosas rúas e vilas cheas de historias que contar. A todo iso Diego Ameixeiras súmalle os seus coñecementos e gustos literarios e cinematográficos para artellar unha novela que ten moito de guión cinematográfico. Cada capítulo semella ser o plan de rodaxe dunha secuencia que, na suma delas, ofreceríanos un fantástico filme, de aí que os nosos produtores cinematográficos xa están tardando en facerse cos dereitos dunha novela que daría unha moi boa película.

O cervo e a sombra’ ten moito de canto sobre os desfavorecidos, non só Mateo, senón outros personaxes que nos levan a pensar sobre o que acontece con diferentes membros da nosa sociedade. Soidades que as veces coinciden e catalizan sentimentos e afinidades, aínda que estas estean sempre a piques de estourar, como acontece con calquera vida ferida.

 

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 13/11/2021


Ningún comentario:

Publicar un comentario